Certame Exeria. Entrega de premios


Certame Literario Exeria
Entrega de Premios
Xoves 10 de xuño, 18.30, EMAO

 Ao longo dos últimos meses, o Ateneo Atlántico, en colaboración coa Fundación Xoán Piñeiro, vén desenvolvendo o seu certame Exeria, convocado para as modalidades de poesía e microrrelatos.

Despois dunha salientable participación, o pasado 19 de maio reuniuse o xurado para valorar os traballos presentados e emitir o seu veredicto. Unha vez abertas as plicas, os textos premiados resultaron ser:

As premiadas

POESÍA

Gañadora
Agasallando ledicia visual
Azucena Arias Correa

Finalista
O Tabú
Adela Pintado Pires

MICRORRELATOS

Gañadora
Dúas mozas
Nones Araújo

Finalista
Dous vellos con boina negra
Andreia Costas Otero

O Certame

Agora toca homenaxear ás ganadoras a través dun acto de entrega de premios que estea á altura da calidade dos traballos gañadores e do esforzo de todas as persoas participantes.

Para isto, convocamos o acto de entrega de premios coas seguintes características.

O acto terá lugar o xoves 10 de xuño de 2021, ás 18.30 horas, na EMAO (García Barbón)

Actuará como madriña do acto a poeta viguesa Silvia Penas, que nos dirá unhas palabras arredor da Creación literaria.

Para amenizar a entrega contaremos coa actuación do dúo 2naFronteira formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli que compartirán con nós algunhas das súas creacións.

E xa, como broche de ouro, Anxo Cabada, por parte do Ateneo Atlántico, e Xesús Vázquez pola Fundación Xoán Piñeiro, farán entrega dos premios ás escritoras gañadoras e finalistas en cada unha das modalidades.

O acto será público e aberto até completar o aforo do local.

O Programa

Presentación do acto por parte de Luisa Abad
Poeta, secretaria do xurado

Canción a cargo do dúo 2naFronteira

Unhas palabras de Silvia Penas sobre a creación literaria

Canción a cargo dúo 2naFronteira

Andreia Costas, finalista, le o seu relato
Dous vellos con boina negra
Silvia Penas fai entrega do premio e o diploma

Nones Araújo le o relato gañador
Dúas mozas
Anxo Cabada Presidente do Ateneo Atlántico,
entrega o premio e o diploma

Adela Pintado le o poema finalista
O Tabú
Silvia Penas fai entrega do premio e o diploma

Azucena Arias, gañadora, le o seu poema
Agasallando ledicia visual
Carmen Álvarez Carrera
, Presidenta honoraria da Fundación
e viúva de Xoán Piñeiro entrega o premio e o diploma

Canción de peche do acto a cargo do dúo 2naFronteira

As Participantes

Mª Dolores Araújo Fernández. Nones
Mestra. Parvulista en E. Infantil, profesora de Educación Especial e, nos últimos 16 anos, profesora de Lingua en Secundaria no IES Alexandre Bóveda.
Nos anos 70, no Instituto Feminino, gañou o seu primeiro concurso de redacción que levaba como premio, lembra, a súa primeira cámara de fotos
Xa logo, xubilada, comezou a escribir de xeito máis sistemático e a participar en certames literarios.
Os primeiros recoñecementos chegaron coa publicación de dous Relatos de Verán en La Voz de Galicia e outro en Relatos na Rúa.
No ano 2020 recibiu o segundo premio no VIII Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra de Parada de Sil.
En 2021 alzouse co primeiro premio no XXIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole coa serie Imaxes Roubadas, formada por 28 relatos de ficción inspirados en pinturas; estes relatos serán publicados en breve por Edicións Xerais.
Afirma ter escrito máis dun cento de adiviñas, contos infantís, unha novela ..., e numerosos
microrrelatos que 'me axudan a espertar cada día as neuronas e mantelas con saúde'.
Nones ten perfectamente clara a súa escala de valores: 'Recibir a gratitude do meu alumnado, ver felices aos meus e escoitar o río pola noite na aldea son, coa escrita, o que enche plenamente o meu retiro dourado'.

Azucena Arias Correa
Mestra, licenciada en Ciencias da Educación, licenciada en Psicoloxía e Doutora en Didáctica das Ciencias Experimentais.
Actualmente exerce como mestra e orientadora no CEIP Vilaverde e é profesora asociada no Departamento de Didácticas Especiais (área de Ciencias Experimentais) na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo.
Membro da asociación de renovación pedagóxica Colectivo ollo de sapo.
Como autora de textos de literatura infantil e xuvenil ten publicado: A cirurxiá (Ed. Ir Indo,1998), A casa do grilo e da chicharra (Ed. Ir Indo, 2000), A cadela e o óso (Ir Indo, 2001), Debaixo dun parasol (Ed. Xerais, 2017), ademais de diversas publicacións na biblioteca virtual galega (www.bvg.udc.es) e poemas en obras colectivas.
Para adultas e adultos publicou a novela A chave no peitoril (2019, Edicións do Peirao)
En 2013 gañou o VI Concurso Literario Rosa de Cen Follas na modalidade de poesía coa obra Silencio cómplice. Así mesmo obtivo unha mención especial ao poema Foise silandeira, mainamente no 32° Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona).
No ámbito profesional ten publicadas varias obras en coautoría relacionadas coa cultura galega e propostas didácticas para incluíla na escola (Festas anuais na escola, As adiviñas, O Magosto, O Nadal, etc.), coa metodoloxía, a didáctica e a innovación (Traballar por proxectos nas aulas de infantil e
primaria, O proceso de adaptación... E ti vas á escola?, O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria,...), coa perspectiva de xénero na educación (A igualdade como solución,...), coa animación á lectura, etc., ademais de numerosos artigos para diversas revistas e xornais especializados.

Silvia Penas Estévez
Vigo 1980. Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Profesionalmente exerce como profesora de Lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais.
Como escritora, a súa obra foi galardoada en diversos certames tanto de narrativa como de poesía, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo en 2005, co poema en cinco partes Neste bosque. Cun conxunto de textos intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame galego de Creadores novos Gzcrea. Tamén gañou o premio de poesía Lueiro Rey de 2012 ou o Avelina Valladares de 2015.
Ten participado en numerosos recitais, nomeadamente como membro do colectivo Redes Escarlata.A súa pertenza a esta asociación socio-cultural e o ensino da Lingua galega unírona á tamén escritora e lingüista Elvira Riveiro, coa que escribiu Biografía da multitude, premio de poesía Victoriano Taibo de 2009.
Ten publicado, entre outros libros de poemas, As uñas crecen (Sotelo Blanco, Vigo, 2014) ou Fronteira paraíso (Urutau, Brasil, 2019. Con fotografías de Andrés Tejada).

2naFronteira (Dous na Fronteira)
Dúo musical italo-galego formado en 2008 en Italia e integrado por Carmen Penim (voz) e Maurizio Polsinelli (piano e harmonio). Establecéronse en Galicia en 2013.
O dúo interpreta temas orixinais para voz e harmonio; música de autor, jazz e sefardí, entre outras, con influencias do jazz, música tradicional galega, lied europeo e rock progresivo italiano.
En 2016 foron nomeados xuíces honorarios do Couto Mixto.
Algúns dos seus traballos son Humo en los ojos, Italia 2011; Alma (CD), 2013; Zapatiños para Díaz Castro (CD), 2014; Sons de Nós (CD), 2015; Herdeiras (libro-CD), 2017.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/