Dar de ler como quen dá de comer

Dar de ler como quen dá de comer

Doutora, teño un soño recorrente que non me deixa descansar. Levo moitas noites con mal durmir.
Estou vagando polas rúas baleiras sen saber moi ben onde vou. Creo que busco algo, pero non sei o que. Todo está pechado. Só vexo abertos os establecementos que venden alimentos para o corpo e as farmacias, pouco máis.
Un fundido en negro, e algo me acorda... Hei recoller uns libros na biblioteca...
Sigo polas rúas vellas e achégome lixeira. Atopo a porta atrancada. Pechado ata novo aviso, leo nun cartel. Dou a volta.
Mentres camiño, mestúranseme no soño imaxes atrapalladas, xente cantando nos balcóns e avós a chorar en soidade, rapazada que fala cunha máquina e cans libres coma lebres.
Volvo sobre os meus pasos e diríxome á libraría do meu barrio. Mercarei un libro, penso contenta. Pero doume de narices cun letreiro na porta: Pechado por pandemia.
Esperto mal, coma se todo isto o vivise fóra do soño.
―Que pensa vostede, doutora?
―Seica os alimentos da alma non son produtos esenciais...Tome unha destas pílulas pola noite antes de deitarse; isto non lle remata aquí. E pida cita para dentro dun mes.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/