Exeria 2022. Accésit: Nocturno de Vigo, Alberte Momán

2º Certame Exeria de Relato breve. 2022

Accésit: Nocturno de Vigo

Autor: Alberte Momán Noval

NOCTURNO DE VIGO

A cabicha, aínda acesa, describiu unha parábola no aire, desprendendo diminutas faiscas na súa traxectoria, dende que o dedo índice e anular definiran unha dirección e un sentido lonxe do seu corpo. A noite era mesta e húmida. A cazadora de pel negra, axustada ás súas formas, apenas permitía tornar da friaxe que se introducía polas costuras, até establecer unha íntima relación co corpo, no máis fondo, como se por osmose atravesase o filtro da epiderme. A anciá que baixaba pola rúa Manuel Núñez, reprobou o xesto da cabicha ao pasar ao seu carón. El mirou para outro lado. A súa idea, como antano, era tomarlle unha en cada un dos locais daquela rúa, para facer máis accesible o ascenso, logo coller á dereita en Ecuador, avanzar até Don Bosco, para mexar ao carón do seu busto, antes da arrincadeira nos garitos da praza. Naquel momento vía aínda lonxe a rúa do Pracer, que, en condicións normais, sería obxecto da última visita. Dende había máis dunha década, recorría aquela ruta na que, nunha ocasión perdida no confuso fluxo da memoria, coñecera de pasada a Marleen Malone. Bateran nunha noite de sábado, como quen tropeza cunha pedra do camiño, con dúas copas en cadansúa man que acabarían intercambiando como único roce físico daquel serán, que avanzaba irremisiblemente cara a derrota. Prendido de Marleen, cada sábado reproducía os pasos daquela noite coa esperanza de recuperar aquel momento antes de que desaparecera completamente do seu recordo, eliminando con el a necesidade de vela de novo, así como o desexo vital que o acompañaba.

De cando en vez, sacaba o teléfono do peto esquerdo do pantalón por ver se tiña algunha chamada, como se o alzheimer da súa nai, soa na casa, remitise o tempo suficiente para alertalo dalgún perigo inminente. A ausencia de compaña, facíao caer unha e outra vez no recordo da vella, co cabelo branco en constante recesión espallado pola almofada e coas sabas de flanela, estampadas con flores rococó, subidas até o queixo, pulando por durmir ao tempo que el acariñaba a súa fronte con profusa insistencia marcada pola abstinencia alcólica. Odiábase ao ver como lle tremían as mans en cada despedida, convencéndose a si mesmo de que ela durmiría até a mañá seguinte. O alcol pode ser o cerne dunha morea de obsesións. Sentía predilección polas noites nas que calquera muller podía ser Marleen. Articulaba o seu nome dubidando entre a pronuncia con un ou con dous «es», até que as interlocutoras se afastaban espantadas. Porén, abundaban máis aquelas outras nas que o rostro desfigurado da súa nai emitía luz propia na escuridade do seu cerebro. Apenas o alento dela chegaba para atemorizalo, até o punto de interromper a ruta predefinida para volver ás carreiras sobre os seus pasos. Naqueles momentos, subía as escaleiras do predio todo o rápido que os seus pés erráticos lle permitían, abría a porta do apartamento facendo o mínimo ruído posible e camiñaba aos tombos até o seu cuarto, asegurándose de que alí estaba aínda, tan durmida como indefensa.

E, de súpeto, alí estaba Ecuador, coas súas beirarrúas estreitas, dominadas polas árbores que entraban en comunicación directa cos veciños de todas as primeiras plantas dos predios da rúa. Alí, na beira oposta da estrada, a porta verde, pechada a esa hora, da Bodega Pereira, que albergaba a algúns incautos adolescentes que se resgardaban da poalla no seu exiguo soportal. Bebían e fumaban producindo aquel balbordo cargado de hostilidade tan propio do seu tempo. E alí, tamén, como luz que clarea a noite, a imaxe agardada de Marleen Malone. Fregou nos ollos con ambas mans, individualizando cada unha das figuras que ocupaban aquel pequeno intervalo de rúa. Fixou a ollada no seu rostro. Fitou con incrédula ledicia os beizos vermellos, o ton ocre da maquillaxe nas pálpebras, as faccións perfectas que descendían dende as tempas até o comezo do pescozo, descuberto até o tecido negro dunha camisola, tapada parcialmente por unha cazadora de coiro que lle caía polos ombreiros, como querendo descubrir a perfección do corpo de Marleen, sempre Marleen, esperada e ansiada Marleen. Deu un par de pasos tímidos até baixar da beirarrúa. Ergueu unha man chamando a súa atención. Creu percibir os ollos dela cravados nos seus e avanzou deixándose levar pola esperanza.

Outras luces moi distintas anunciaron a presenza do vehículo que levou o seu corpo ao asfalto. Tras deterse uns metros máis adiante, a multitude abalanzouse sobre a figura que ía exhalando a vida aos poucos. Coa mirada fixa no ceo e o rostro de Marleen atento ao seu estado, tan só puido proxectar o nome de Aurelia dende o máis profundo da gorxa, seguido dun «quérote, mamá!» audible só para os máis achegados.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/