Amosando publicacións coa etiqueta ClubDeLectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ClubDeLectura. Amosar todas as publicacións

El adversario. Xuntanza

CLUB DE LECTURA
Libro de xaneiro

EL ADVERSARIO
Enmanuel Carrère

Resumo da Xuntanza
 

Reunímonos o 2 de febreiro dezasete persoas no Cubo.
En xeral gustounos moito o libro. Apuntamos que é: profundo, duro, perturbador,morboso, inquietante...comprobamos que a realidade supera á ficción ao estar baseado nun feito real. Houbo moitas reflexións sobre os motivos que puideron levar ao autor a intentar entender a este personaxe. Falamos de enfrontarse ao inhumano que podemos ser os humanos.
O tema de “a loita entre o ben e o mal” resólvea achegándose a ese neno rodeado de mentiras piadosas cando o discurso que se lle inculca é que non se pode mentir. Ás veces parécenos que empatiza de máis co asasino e ata se menciona un posible síndrome de Estocolmo do autor. Noutros capítulos fai esforzos por fuxir do maniqueismo. Nos finais ten un cambio de actitude.
Pareceunos moi interesante a forma de narrar de Carrère entre o xornalismo e a novela coa súa presenza por medio como narrador periférico. Usa técnicas detectivescas.
O debate foi moi interesante. Resaltamos as ideas que máis comentamos:

  • Ata que punto coñecemos ás persoas que nos rodean?
  • Que hai detrás da imaxe que ofrecemos?
  • Dános un retrato de unha sociedade enferma e podre. A xente traga con todo. Queremos crer e non saltan as alarmas.
  • Por que o autor escolle sempre este tipo de temas tan polémicos?
  • Como se pode ir forxando unha personalidade narcisista e psicópata
  • Cal é o motor da mentira?
  • A compaixón como nova ética que consinta as patoloxías.

 

Nada se opone a la noche. Xuntanza

 

Club de lectura
Nada se opone a la noche
Delphine de Vigan

Xuntanza

O 1 de decembro do 2021 reunímonos catorce membros do club de lectura para falar do libro do mes: ” Lo que la noche no esconde” de Delphine de Vigan.

Salvo dúas persoas que non engancharon coa obra, o resto encontrámolo fascinante e moi duro. Pareceunos tremenda a historia desta familia burguesa e bohemia na que hai incestos, loucura, accidentes mortais, suicidios ...

Pareceunos unha obra catárquica na que a autora usa tres voces narrativas: fala en primeira persoa e vainos contando as dificultades de artellar o relato, outras veces fala como protagonista das aventuras que viviu en primeira persoa e outras veces é a narradora omnisciente que dá conta dos diferentes sucesos que lle acontecen á familia. Non hai orde cronolóxica. A miúdo usa prolepsis para anticipármonos o que vai suceder (Este apuntamento, fíxoo Xulio que sempre nos ilustra coa súa erudición).

De Vigan intenta investigar cal foi a verdadeira personalidade da súa nai e para iso recorre aos diarios que deixou escritos, as cintas que gravou o seu avó, as testemuñas directas dos tíos que aínda viven e da súa irmá...vai reconstuíndo a súa vida dende a nenez ata que dá co que considera a raíz da loucura : a violación do seu pai aos dezasete anos e o mirar para outro lado de todos os que a rodeaban, a avoa incluída. Tamén nos relata a nenez en que era modelo de publicidade belísima que supoñía para a familia un produto que xeraba moito diñeiro. Esa nai que dá tombos toda a vida sufrindo a bipolaridade, entrando e saíndo dos psiquiátricos e loitando pola cordura e pola vida. Superándose e sendo capaz de rexurdir. A autora non xulga, simplemente expón feitos e teorías.

Apuntamos que non sería posible unha vida así sen enmarcala no patriarcado que permite que a personalidade histriónica do avó non teña freos de ningún tipo.

O debate, coma sempre, foi moi animado.

Todo canto fomos. Xuntanza

 

Club de lectura
Todo canto fomos
Xosé Monteagudo

Xuntanza

O pasado día 3 de novembro deste 2021, tivemos a honra de recibir no club de lectura ao autor do libro que estivemos a ler este mes. Foi Xosé Monteagudo co seu libro “Todo canto fomos”. Previamente á súa visita fixemos unha rolda rápida entre as dezaseis persoas que asistimos á sesión, apuntando opinións sobre a obra. Houbo unanimidade en que era unha obra moi interesante que lle dá voz ás persoas que non a tiveron. Gustounos a estrutura que fai que teñamos que ir construíndo a saga familiar. Obriga a unha lectura atenta. Pontevedra é protagonista do libro nun momento moi concreto da preguerra. Alí se funda a partido galeguista e é a cidade de enormes personalidades como Castelao ou Bóveda. Os episodios da Illa de san Simón parecéronnos especialmente brillantes.

É unha novela realista que ficciona a historia en enormes saltos temporais. Pareceunos un acerto o título e tamén a imaxe da portada.

A continuación reunímonos con Xosé durante unha hora. Fixémoslle preguntas e comentarios que el foi contestando amablemente, intercalando anécdotas sobre o seu proceso creativo.

A sesión foi moi produtiva e pareceunos un pracer e un luxo ter con nós a un autor tan premiado. Antes de marchar asinounos exemplares do libro.


 

 

 

O infinito nun xunco. Xuntanza

CLUB DE LECTURA
O infinito nun xunco. Irene Vallejo

Resumo da xuntanza

O mércores 6 de outubro tivemos a sesión sobre o libro “O Infinito nun xunco” de Irene Vallejo.
Reunímonos 19 persoas que fomos partillando as impresións que o libro nos produciu.

Como aspectos que máis nos gustaron destacamos:

  • Moita erudición. Cita grande cantidade de datos e historias do mundo clásico que mestura maxistralmente con anécdotas persoais ou películas e libros da actualidade.
  • Moi poético, comezando polo título, e de gran riqueza lingüística. Amosa unha grande paixón polas palabras.
  • Moi didáctico, alguén veu incluso exceso de didactismo, que fai que sexa moi atractivo para todo tipo de persoas.
  • Humaniza o ensaio, narra marabillosamente e con enorme sensibilidade.
  • Contempla os saberes holisticamente.

O que menos nos gustou foron as repeticións excesivas que se producen ao longo do libro.
Sabendo que gañou o premio nacional de ensaio, xerouse unha polémica sobre se era propiamente un ensaio porque o viamos como xornalístico, máis coma unha reflexión descritiva que a fundamentación dunha hipótese.
Concluímos que a mestura de xéneros dálle un encanto especial, unha frescura que desmonta a xerarquía dos ensaios tradicionais e achega o mundo clásico á xente.
Alguén mencionou que xa vai pola 41 edición en castelán.

En canto á forma é un libro narrado en primeira persoa, dividido en dous grandes capítulos que son Grecia e Roma e subdividido en pequenos anacos con títulos moi suxestivos.

En xeral todxs estabamos moi contentxs coa lectura, desfrutámola, falamos de que a fixeramos de xeito demorado porque, dada a súa densidade, queriamos saboreala aos poucos.
Na segunda parte da sesión visualizamos o vídeo que nos enviou amablemente María López Suárez, tradutora ao galego da obra de Irene.
Nel contesta a unha serie de preguntas que lle fixemos dende a organización do club de lectura.
Agradecemos “infinito” a súa colaboración.

 

Club de lectura. Klara y el sol, xuntanza

 Klara y el sol
Kazuro Ishiguro

O día 1 de xuño reunímonos presencialmente 11 persoas para debater sobre o libro do premio Nobel Kazuro Ishiguro.

Club de lectura. Panza de burro. Xuntanza

Club de Lectura

Panza de burro
Andrea Abreu

 

Reunímonos telemáticamente dezaseis persoas do club para debater sobre Panza de burro de Andrea Abreu.

En xeral estabamos de acordo en que é un libro especial pola súa forma de abordar a escrita, escrito cun vocabulario propio, canario, pero con incorporacións persoais.

A autora, unha muller moi nova de 25 anos, escribe esta primeira novela con ánimo de que a escrita se pareza á vida.
Esta escrito dende o punto de vista das fillas das mulleres proletarias da illa, das kellys, esas persoas que non vemos cando imos a Canarias como turistas.
Xabier indicaba que xustamente iso non lle parece que estea logrado porque toda a novela é un artefacto construído e polo tanto algo artificial no que ela tamén cae en múltiples ocasións.

Pareceunos unha obra chea de frescura, de amizade e dependencia entre nenas que están deixando de selo e que están moito tempo soas.

Chea de oralidade e centrada na descuberta do sexo e nas distintas funcións do corpo: vomitar, estregarse, defecar... É un libro sobre a precariedade, sincero, coma un berro salvaxe, no que se denuncia a bulimia de Isora, a incomprensión do pai de Juanita Banana, pasando polas visitas ao cíber, os primeiros contactos cos mozos, as cancións do grupo Aventura...
Teñen un papel relevante as avoas coidadoras e sobre todo esa praia inalcanzable e as nubes ameazantes durante todo o verán.

A escena final pareceunos un pouco forzada e innecesaria.

Club de Lectura. Adiós María. Xuntanza

 

Club de Lectura
Adiós María
Xohana Torres
Xuntanza

 

Esta foi a primeira vez que volvemos vernos dende que se iniciou a pandemia. Fixémolo once persoas gardando as distancias e coa máscara posta. A pesar de que o clima non era o máis axeitado houbo moita calor na discusión como vén sendo a tónica nas reunións do club. O libro obxecto de debate tivo boa acollida, houbo quen falou del como unha pequena xoia e houbo tamén quen falou das dificultades que lle entrañara a súa lectura. En xeral coincidimos en que non era doado entrar no libro pero que unha vez que pasaban as primeiras páxinas xa se desfrutaba.

Había algunhas persoas que xa o leran no momento en que foi publicado (anos 70) e que nesta segunda lectura a saborearon máis, unha persoa pola contra afirmou que lle gustara máis na primeira lectura, e que nesta chegara a angustiarse. Ese sentimento de angustia foi mencionado por outras compañeiras. Hai como un plus de claustrofobia e soidade de Maxa,  sobre pasada pola carga de traballo doméstico e sen aliadas porque non se leva moito coa avoa, que vai calando na persoa lectora.

Como aspectos positivos do libro sinalouse o estilo coloquial moi ben conseguido, o que é un retrato dunha época da ditadura, que explica moi ben os estragos da emigración e sobre todo a busca dunha rapaza polo seu lugar no mundo, a súa rebeldía fronte ao que se lle ofrece como muller: traballar na casa para toda a familia, coidar do seu irmán pequeno e dos avós anciáns, deixar de ir á escola de secretariado, renunciar a ter proxectos...

Como aspectos menos positivos un certo maniqueismo entre o mundo da aldea e da cidade, o exceso de frases feitas que lle resta fluidez e talvez a pouca atención que lle dá a autora ás vivencias corporais da protagonista. Sobre este punto xerouse un debate no que as mulleres do grupo incidimos en que o noso corpo durante a ditadura estaba vedado e que polo poder da igrexa entendiamos que Maxa estivera totalmente reprimida nos seus desexos e que non puidera nin formulalos

 Vimos no libro representados tres modelos de muller: a avoa que encarna o papel tradicional da muller no franquismo, o da nai que aínda aceptando o seu papel é quen de marchar co home á emigración, relegando o seu papel de nai, e o de Maxa que quere romper totalmente co papel asignado e quere traballar fóra da casa, ser escritora ou por que non, navegar. Así remata o libro de Xohana Torres que anos máis tarde escribirá o famoso verso: “eu tamén navegar”.

Club de Lectura. Patagonia Express. Xuntanza

Club de Lectura
Patagonia Express
Luis Sepúlveda
Xuntanza

Reunímonos telematicamente 12 persoas do club de lectura para falar do libro de Luis Sepúlveda. Este libro foi escollido como homenaxe a este escritor morto por culpa do virus que nos confinou dous meses e tamén por poder atopalo na rede cando as bibliotecas e librerías estaban pechadas.
É un libro de viaxes especial, máis ben uns apuntes de experiencias vividas nas viaxes ou historias sucedidas nos lugares polos que pasou. Pareceunos que a estrutura era inexistente pero a todxs nos cativou a prosa poética coa que describe estas viaxes. Algunha persoa mencionou que lle parecía curto, incompleto, descontinuo.

Ao inicio da sesión vimos un vídeo curtiño co que lle puxemos cara e voz ao autor. Nel falaba da oralidade da súa escrita e da importancia do lar.

En xeral a todxs nos gustou a lectura e apuntamos unha chea de aspectos positivos:
  • as temáticas comprometidas co medio ambiente e coas persoas máis oprimidas, a denuncia do colonialismo español e inglés, a crítica ao progreso capitalista, o terror das cárceres da ditadura, a corrupción policial...
  • o dominio da linguaxe, a poesía , a oralidade
  • -a pescuda do humor e aínda do realismo máxico, da esaxeración. A mestura entre realidade e fabulación
  • o papel que se outorga de escoitador de historias en terras indómitas
  • personaxes desmesurados, perdedores heroicos: o avó anarquista, o capitán Palacios, Carlos No Más e a súa avioneta “El loro con hipo” , Panchito, Carlitos Carpintero, o nazi que escolleu o bando equivocado, os bandoleiros anarquistas ...
  • o eloxio do nomadismo e da aventura
  • a Patagonia como espazo virxinal, exótico, confín periférico cheo de pobreza e abandono
  • as mulleres silenciadas, en xeral detrás dos homes e cos papeis tradicionais
  • pechar o relato no lugar no que comezou a vida do seu avó que foi quen lle fixo a encomenda da viaxe
  • algúns capítulos marabilloso como o do concurso de mentiras, o dos profesores do pobo acompañando ás mulleres prostituídas ao cine, o do neno que falaba cos animais mariños...
Acordamos por votación que o próximo libro do club será “Adiós, María” de Xohana Torres e
que intentaremos vérmonos , se é posible, o primeiro martes de outubro.

Club de lectura. Lluvia fina

Club de lectura do Ateneo Atlántico
Sesión do mes de marzo (3 de marzo)
Lluvia fina
De Luis Llandero

Asistimos 11 persoas.
Das persoas asistentes algunhas estaban entusiasmadas coa obra,  e outras,  non tanto; dadas as expectativas que as críticas excelentes á novela pululaban por todos os medios, houbo algunha decepción. 


Os comentarios positivos baseábanse na boa escrita, aínda que parecese pouco coloquial a fala dos protagonistas. Gustou a estrutura en terceira persoa (as conversas por teléfono son o fío condutor da trama) e a  descrición dos personaxes, sobre todo o retrato da nai que, querendo o mellor para os seus fillos, idea na que ela insiste, non os deixa medrar nin lles mostra cariño.
Dogmática, calculadora, fría (nin chora cando morre o seu home), castradora e patriarcal, a nai é  a orixe e o pretexto para as diferentes visións que as fillas e o fillo dan da realidade. Visións  distorsionadas pola memoria ou desmemoria, xa que todos mentimos, na ficción ou na vida real,  para saír  favorecidos. 
Víronse  coma discordantes e pouco cribles os trazos da personalidade dos que formaban esa familia tan disfuncional. Mesmo analizouse a novela coma un tratado de patoloxías con pinceladas de tremendismo que, quizais, non fosen necesarias.
Construída en espazos asfixiantes, nun tempo baleirado de conflitos sociais que, aínda que existisen,  non tiveron cabida nunha novela atemporal e intimista como "Lluvia fina".
"Os relatos non son inocentes e non é verdade que as palabras as leva o vento".
Así comenza a novela, e, nisto todas acordamos.
O título tamén nos interesou con discrepancias : é acaído ou non?;  as palabras son como unha chuvia fina  que vai calando amodo en todos ou chove e chove  ata  enchoupalos?

Club de Lectura. As rulas de Bakunin

Club de lectura do Ateneo Atlántico
As rulas de Bakunin
De Antón Ribeiro Coello
Martes 4 de febreiro de 2020

Asistimos 11 persoas.

A repercusión que tivo en nós a novela de Antón Riveiro Coello foi unánime: emocionounos.
 
A emigración, o compromiso político e a parte  afectiva dos personaxes resume os tres puntos  centrais da trama.
 

A evolución da vida do protagonista (libertario autodidacta, preso e mozo namorado) obríganos, nos saltos que o autor dá no tempo, a reflexionar sobre a súa madureza. O tono lírico e idealista tradúcese no propio estilo.

Destacáronse os recursos literarios  e o léxico tan rico  que, sendo culto, reconócese próximo, e acerca o texto ao lector sen a penas dificultade.
 

A importancia dos libros que aparecen no argumento  contrasta coa ignorancia da xente do común, que o protagonista sostén como unha  causa da miseria social. Consideramos que a historia dos anarquista olvidados da República, da Guerra e na posguerra é novidosa e  tratada escasamente na literatura galega.
 

A solidariedade, os ideais máis nobres, as traizóns, a culpa, a fidelidade, a xustiza como vinganza  e a lealdade   avós-netos (Estevo/Camilo e Camilo/Lázaro), son os fíos que nos atraparon  ao longo da lectura.
 

Atopáronse tamén eivas no relato, unhas veces demasiado lóxico na vida dos protagonistas ( a vida non semella ser así), e outras  pouco desenvolvidas como a morte do avó Estevo ou o pasado de Ricardo. O  final dramático de  Lola  tamén pareceu excesivo.
 

A elección desta obra pareceunos un acerto.  

Club de lectura. A vexetariana


La Vegetariana, obra da autora coreana Han Kang, tivo varias lecturas. En xeral, gustou  a escrita pola súa estrutura,  tres voces con tres puntos de vista: os soños delirantes da protagonista, a relación erótico-artística do cuñado, e o papel da irmá, sempre dubidando e culpabilizándose. Esa terceira parte, quizás fose a que pareceu máis interesante.
A lectura resultou, para algúns, rápida e fácil. Para outros, angustiosa, desagradable e non a recomendarían.
O texto literario agradou. Nalgún caso precisou dunha segunda lectura e mesmo desacougou. Para outras, foi unha historia allea e desafecta.
Case todo o grupo coincidiu cos pensamentos da protagonista: O corpo é o único ao que se lle pode facer dano e nin iso a sociedade patriarcal llo permite. Está ausente, utiliza como arma o silencio. Estórballe o corpo. Non lle permiten ser diferente.
A maioría pensaba que ela só pretendía unha comuñón coa natureza. E a idea de mostrar a protagonista, non coma unha tola, senón como unha mística, foi moi valorada polo grupo.
Analizouse a traxectoria vital da vexetariana quen, como muller, fora unha ninguén, desprezada polo seu home, maltratada polo pai, e utilizada polo cuñado.
Como curiosidade, apreciáronse algúns erros na  tradución.

Nesta sesión participamos 21 persoas.

Club de Lectura. Aníbal e a Pintora

O día 3 de decembro tivemos a sesión en torno a Anibal e a pintora, obra do noso compa de club de lectura, Xabier Paz. Asistimos 18 persoas que fomos comentando as nosas impresións. Pareceunos unha obra ben escrita, cun galego culto, de gran riqueza léxica e erudición. Estas virtudes tamén son causa de que, para algúns, a obra fose de difícil lectura pola súa densidade. Varios compas desfrutárona moitísimo.

O autor mostrounos un power point con cantidade de datos e imaxes de pintoras do Barroco. Deunos a coñecer moitísimas pintoras silenciadas e enmarcou a obra de Artemisia Gentileschi ou Artemisia Lomi , a súa importancia e valentía, a reivindicación feminista que aparece nos cadros de Susana e os vellos, ou as Judiths , comparadas coas de outros pintores que tamén abordaron estes temas...

Despois contestou amablemente a todas as preguntas que lle formulamos sobre o libro. Falamos da gran carga biográfica da novela, dos distintos narradores, da súa forma demorada de escribir e documentarse... Foi unha sesión moi produtiva e interesante, con moito intercambio. Agradecemos de corazón a Xabier o seu traballo e o tempo que nos dedicou.

Club de lectura. Novembro 2019

O pasado día 12 de novembro tivemos a honra de recibir no Club de lectura á autora do libro que estivemos a ler este mes: Ledicia Costas co seu libro "Infamia".

Previamente á súa visita fixemos unha rolda rápida entre as quince persoas que asistimos á sesión, apuntando opinións sobre a obra. As maioritarias foron que era valente e entretida, que abordaba diferentes temas de moita actualidade e compromiso, cun galego moi áxil e atractivo. Algunha persoa apuntou que era un pouco tétrica (a autora corroborou posteriormente esta faceta da súa obra) e sómente a unha persoa non lle gustou.

A continuación reunímonos con Ledicia e durante unha hora. Fixémoslle preguntas e comentarios que ela foi contestando amablemente, intercalando anécdotas sobre o seu proceso creativo. A sesión foi moi produtiva e pareceunos un pracer e un luxo ter con nós a unha autora tan premiada. Antes de marchar asinou  exemplares dos seus libros.

Acordamos ler para a próxima sesión “Anibal e a pintora“ da Editorial Xerais e escrito por Xabier Paz, membro do noso club de lectura, co que voltaremos contar co autor na seguinte sesión que será o día 3 de decembro.

Club de lectura. Outubro 2019

O dia 1 de outubro reunímonos dezanove persoas para debater sobre "O verán sen homes" de Siri Hustvedt.

Na obra, unha muller madura perde o xuizo logo de saber que o seu marido decide facer "unha pausa" no matrimonio. A "pausa" é francesa. Cando abandona o psiquíatrico refúxiase na súa cidade natal, en Minessota, onde aínda vive a súa nai, nunha residencia de anciás e na que consigue traballo impartindo un obradoiro de poesía para adolescentes. Este "verán sen homes" sérvelle para ir recompoñerse da infidelidade e ir coñecendo as mulleres de arredor: as amigas da súa nai, as rapazas do obradoiro, unha veciña con dous fillos... Indaga a través delas na súa propia existencia, no seu pasado como muller e como poeta.

Con mestría Hustvedt introduce poemas, debuxos da súa autoría, referencias a textos científicos, ensaios, mails...e mesmo fai unha chiscadela á persoa que lé facéndolle anticipacións sobre o relato.

En xeral gustou moito aínda que o final pareceu decepcionante e pouco feminista. Como personaxes favoritas aparecen a nai e a súa amiga Abigail. Admiramos o xeito de describir a loucura transitoria e as relacións de bulling entres as adolescentes. Houbo que apuntou na autora engreimento e alardes de intelectualidade neoyorquina.

A maioría desfrutamos co libro e propuxemos para a próxima sesión do dia 5 de novembro o libro "Infamia" de Ledicia Costas.

Club de lectura. Xuño 2019



O pasado 4 de xuño reunímonos once persoas do clube de lectura para debater sobre o primeiro libro de Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, que xa vai pola sétima edición.
A novela de Begoña está baseada nos libros de Homero, especialmente na Odisea. Dous dos seus personaxes, Circe e Penélope, intercambian cartas. Úneas a súa relación con Ulises. Penélope leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando xa pensa que seguramente estea morto, recibe a carta de Circe, deusa rexente da illa de Eea, que a informa de que non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado, Vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas. Ulises só será o pretexto que as vai unir nunha gran amizade.
Pensamos que é unha novela ética, de pouca acción, que gustou a todas as persoas presentes. Para ser unha primeira obra demostra unha grande madurez na autora que reinvindica con esta obra o papel da muller no mundo clásico, o feminino, a sororidade.
É un canto á sexualidade libre, a complicidade entre mulleres pero tamén unha denuncia da violencia sexual e do papel das mulleres como garantes da honra masculina.
Na parte formal imita ao ton clásico coa hipercortesía e coa adxetivación esaxerada diante do nome. A epístola é un recurso para recrear a mitoloxía clásica e os seus personaxes máis relevantes, especialmente os femininos: Helena, Medea, Anticlea...
Asi despedimos a tempada do clube de lectura. Voltaremos o próximo octubro coa obra de John Berger "Porca terra"

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/