Carta de Presentación

O Ateneo Atlántico nace en Vigo  por iniciativa dun grupo de persoas procedentes dun amplo abano profesional, social, cultural e ideolóxico, coa pretensión de crear un espazo de promoción, impulso e divulgación de temas relacionados con todas as áreas do coñecemento a través da análise, o debate e a investigación, desde un punto de vista plural, independente e que resulte de proveito para as persoas interesadas en calquera faceta do saber e comprometidas  o desenvolvemento cultural.
As razóns de impulsarmos a súa creación son: a crenza de que cómpre artellar un espazo cultural independente, plural e sen condicionantes de ningún tipo que nos determinen ou limiten, que sexa un lugar de encontro para a reflexión sobre aspectos da sociedade e da cultura e contribuír a espertar o interese, o debate e a curiosidade polo coñecemento como construción racional e como un alicerce para o diálogo.
Cremos que Vigo, que se caracteriza pola dispersión, por unha intensa pero fragmentada defensa cidadá do coñecemento e da cultura, pola efémera memoria colectiva, precisa dun espazo de reflexión dado que, malia contar con múltiples asociacións e gozar de numerosas iniciativas, ten espazo para un novo proxecto que, desde a independencia e a pluralidade, contribúa ao diálogo e promova o debate necesario nestes tempos de profundos cambios a nivel social, cultural, científico e humanístico.
É tamen intención deste Ateneo compartir espazos e colaborar no eido Atlántico e no mundo da lusofonía, conscientes como somos do privilexio que supón compartir saberes e cultura común.
Asímesmo, queremos contribuír a valorar o traballo e esforzo de moitos dos proxectos cidadáns de carácter colectivo e privado ou cunha exigua axuda pública, que se están a desenvolver na nosa cidade como poden ser teatros independentes, foros cidadáns de debate (político, social, literario, filosófico, artístico...), editoriais, asociacións ecoloxistas, culturais, deportivas, musicais, institutos de investigación para preservar o patrimonio da cidade, cine clubs, salas con programacións de autor e independente, centros audiovisuais, asociacións fotográficas, asociacións de defensa da igualdade de xénero, atención á diversidade, redes veciñais e sindicais da comarca..., todas elas iniciativas que fan de Vigo unha das cidades máis ricas en producións artísticas, culturais e sociais.
Na procura dos obxectivos que imos subliñando cómpre ter en conta, á hora do desenvolvemento dunha programación, as posibilidades que deben ofrecer á cidade institucións públicas como a Universidade, os Museos Municipais, os Centros Superiores de Investigacións Científicas, os Conservatorios Profesional e Superior de Música, a Escola Municipal de Teatro e Música, a Escola Superior de Artes Escénicas, a Escola de Artes e Oficios, etc.
A difusión da cultura é labor de todas e todos realizando proxectos colectivos a través do consenso e o diálogo en defensa de espazos públicos e dinámicos que sirvan a unha cidade plural, cunha cidadanía plural que goce da oportunidade de formarse, informarse e pensar libremente. O debate aberto e diverso precisa dun espazo que o Ateneo pretende ocupar.
Nos seus estatutos recóllese o compromiso de actuación participativa, democrática e transparente de todas as persoas que se incorporen ao proxecto.
Para poñelo a andar e garantir a súa independencia, precisamos do compromiso, axuda e implicación de todas as persoas que queiran formar parte desta iniciativa que pretende investigar e reflexionar colectivamente desde a solidariedade e a igualdade na diversidade que opta por un xeito de funcionamento baseado nas áreas Científico-Técnica, Cultural e Social.

(Se queres descargar a nosa carta de presentación pincha neste enlace)
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/