Amosando publicacións coa etiqueta Saidas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Saidas. Amosar todas as publicacións

Saída ao Salnés

Despois da paréntese forzada polas circunstancias, o Ateneo Atlántico retoma as súas saídas culturais. A primeira será o próximo sábado 4 de xuño e o destino o Salnés.

SAÍDA AO SALNÉS
Historia, arte, escultura, enoloxía

Sábado 4 de xuño

Inscrición Previa en:
ENLACE AO FORMULARIO PARA A INSCRICIÓN NA SAÍDA AO SALNÉS

O prazo de solicitude estará aberto dende o venres 27 ás 20 horas ata o xoves 2 ás 10 horas

Prezo: 45€ persoas socias, 50€ persoas non socias
O pago realizarase nas 48 horas seguintes á incrición mediante transferencia a:

ATENEO ATLÁNTICO
IBAN: ES96 2080 5000 6430 4035 5222
Concepto: "Saída ao Salnés" e nome e apelido da persoa que fai a solicitude

Programa

Sábado 4 de xuño de 2022
Saída: ás 9.30 horas dende a rúa Areal (diante do antigo reitorado)

Visita á vila de Cambados con guía oficial:

  • Zona histórica
  • Vila de san Tomé
  • Igrexa-ruínas de santa Mariña Dozo

Visita ao pazo de Fefiñáns

Visita, con proba, a adega de Fefiñáns

Comida no restaurante Ciprés de Villaverde (Barrantes) co seguinte menú:

  • Entrantes (empanada, croquetas e tortilla)
  • Prato a elixir (no momento da solicitude) entre codillo e raia á galega
  • Flan
  • Viños albariño e barrantes
  • Café

Visita á fundación Manolo Paz (Castrelo-Cambados)

Regreso ao punto de partida con hora de chegada prevista sobre as 20 horas.

O prezo (45€ socias e 50€ non socias) inclúe todos os gastos previstos: autobús, visita ao pazo e adega de Fefiñáns (13€), visita á fundación Manolo Paz (3€), comida (22€).

Para participar na saída será imprescindible a solicitude previa a través do formulario,

ENLACE AO FORMULARIO PARA A INSCRICIÓN NA SAÍDA AO SALNÉS

E o pago dos custos mediante transferencia bancaria á conta do Ateneo Atlántico (IBAN: ES96 2080 5000 6430 4035 5222)

Soamente se admitirán dúas persoas por solicitude.

No caso de haber máis solicitudes que as 50 prazas ofertadas, terán prefencia as persoas socias (con un acompañante) e o criterio de selección será o respecto escrupuloso ao día e hora da solicitude.

Máis información

Páxina de turismo do concello de Cambados

 O Pazo de Fefiñáns na Galipedia

Adega do Pazo de Fefiñáns 

MANOLO PAZ

Fundación Manolo Paz

(O seguinte texo é un extracto da biografía da propia Fundación do escultor).

Manolo Paz nace en Castrelo (Cambados) en 1957. Entre 1978 e 1979 estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela e un ano máis tarde traballa como profesor na Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra).

En 1983 realiza a serie Satélites na que emprega materiais como o formigón e procesos de encofrado en ensamblaxes fragmentarios de aire industrial. No mesmo ano unha breve estancia en Nova York permitiulle tomar contacto con novas tendencias a través das visitas ao MOMA e outros centros de arte de vangarda.

Ao seu regreso de Nova York pasa «do satélite ao monólito», segundo as súas propias palabras, dándolle mais importancia á terra que aos conceptos espaciais. Desde este momento a súa obra céntrase en reflexións sobre o valor da cultura autóctona, dos seus símbolos, dos seus signos, do seu material (a pedra, o granito) e o seu diálogo coa memoria do lugar onde se van a colocar. 

No ano 1984, a súa participación nas exposicións Encontros no Espazo e Imaxes dos Oitenta chamou a atención do galerista madrileño Fernando Vijande. Paz empezou a expoñer nas súas galerías entrando a formar parte dos circuítos nacionais de arte e participando en feiras e exposicións colectivas no estranxeiro.

Consegue a Bolsa Unión Fenosa de Creación Artística no Estranxeiro en 1992 e regresa a Nova York. Agora deixa a artificialidade da base e opta por unha posta en escena máis natural das súas pezas. 

En 1994 realiza unha das súas obras máis representativas: Familia de Menhires ou Menhires pola Paz, un conxunto escultórico de doce pezas situado fronte á Torre de Hércules, na Coruña.
Entre mediados dos anos noventa e comezos do século XXI Manolo Paz presenta os seus traballos de forma habitual na galería Trinta. De entre as súas exposicións individuais destacarán nesta época as realizadas na desparecida Estación Marítima da Coruña (1999), no Museo Barjola de Xixón (2000), na Fundació Pilar i Joan Miró de Mallorca, así como as mostras realizadas na madrileña galería Trama ou na compostelá SCQ. Nesta última exposición abandona o oco para centrarse máis na presenza da masa no baleiro.

En 2011 é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario na sección de Escultura, pronunciando o discurso «A Pedra e o Home: Reflexos» e obtén o «Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas» e o Concello de Cambados concédelle o «Premio Ramón Cabanillas».

Realiza obras para o Museo de Pontevedra (2002 Onde chega o mar) ou para o Aeroporto de Compostela (2011, Menhir).

En 2013 ten lugar unha exposición individual no Museo de Pontevedra, Luna azul, comisariada por David Barro, na que utiliza por primeira vez o granito azul de Baía (Brasil) e ese mesmo ano participa tamén na colectiva Galicia Petrea, mostra comisariada por Miguel Fernández-Cid que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

 
2014 é o ano do seu regreso a América. Expón no Centro Cultural de España en Panamá (Casa do Soldado): Manolo Paz. A distancia que une. A exposición é a primeira do escultor en América en moitos anos e nela recompílanse pezas en madeira e pedra realizadas entre 1995 e 2013 sendo unha importante retrospectiva da obra do artista. Tamén é parte da selección de artistas da colectiva Auga Doce na Cidade da Cultura de Galicia.

A súa participación na exposición Narrativas monumentais, comisariada polo tamén artista Álvaro Negro no MAC da Coruña e en Ao carón do mar, unha mostra de escultura pública na que xunto a outros escultores galegos de distintas xeracións presenta a súa obra Nasa de estrelas realizada a partir de malla de aceiro son algunhas das súas últimas accións no ano 2016.

Visita guiada á exposición Un humanismo moderno

 
Visita guiada á exposición

Un humanismo moderno
Colmeiro, Seoane, Picasso, Vertés

 con
Xosé Carlos López Bernárdez
(Comisario da exposición)

Martes 16 de novembro, 18.30 horas
Casa das artes

PECHADA A INSCRICIÓN. AFORO COMPLETO

Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertès, está organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.

A mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que os traballos do noso exilio.

Na obra de Colmeiro e Seoane os ecos picassianos son tamén evidentes e no contexto da nosa diáspora esta escolla non é soamente unha opción estética senón tamén política, porque Picasso realizara en 1937 o Guernica comprometido coa República acosada en plena Guerra Civil e era, nos anos da II Guerra Mundial, un artista que, en palabras do escritor Lorenzo Varela “nos señala la puerta maravillosa, la salida digna, la ventana por la que dar el salto a la Europa nuestra del futuro”. O malagueño era xa un referente cívico e estético de indubidábel prestixio e cunha ben sinalada capacidade de influencia. Alén diso, o neoclasicismo arcádico picassiano tiña outras connotacións que o facían atractivo desde estas posicións ideolóxicas porque se podía apelar por medio del a un substrato colectivo de feliz equilibrio entre a natureza e a realidade humana, brutalmente ceifada polas ditaduras fascistas.

A visita será guiada por Carlos L. Bernárdez, co-comisario da exposición.

O máximo de asistentes será de 20 persoas, previa inscrición.

Saída arquitectónica por Vigo: O Ensanche en conserva

Ateneo Atlántico e Estudio 04 Arquitectos

Ensanche en conserva
Os estilos arquitectónicos
Andaina arquitectónica polas rúas de Vigo
Con Nacho Hortas
Mércores 16 de xuño, 19 horas
Duración aproximada 2 horas
25 prazas
Inscrición previa obrigatoria

INSCRICIÓN PECHADA

TODAS AS PRAZAS CUBERTAS

Visita guiada: A cultura africana

Visita guiada á exposición
A cultura africana
Con Ibrahima Niang
Xoves 18 de xuño, 18.30 horas
Casa das palabras (Verbum)

O Ateneo Atlántico prácese en convocar unha visita guiada á exposición A cultura africana que se está a desenvolver na Casa das palabras de Vigo (Verbum).
O noso guía será Ibrahima Niang, coordinador da exposición.
A visita será o xoves 18 de xuño a partir das 18.30 horas.
A duración aproximada da visita é de arredor de unha hora.
O máximo de participantes será de 20 persoas.
A visita realizarase con reserva previa a través do seguinte formulario:


O prazo para a inscrición será do martes 9 ás 20 horas ata o martes 16.
O máximo de inscricións por formulario será de dúas persoas.
No caso de houberen máis de 20 solicitudes, o proceso para a adxudicación das prazas será o habitual. Se houbese suficientes solicitudes organizaríase unha segunda quenda en data a determinar.

Guía da exposición

A EXPOSICIÓN
Durante séculos a diversidade e a calidade da artesanía africana foron descoñecidas no mundo en xeral. Hoxe, o descoñecemento crece para moitos debido á súa pertenza ao mundo misterioso dos tesouros secretos que hai que descubrir.
A mostra “A cultura Africana” quere compartir a riqueza cultural dun pobo, a súa permanente ambigüidade que é a imaxe da súa verdadeira vida. E faino a través de instrumentos rituais, obxectos de culto, máscaras, etc.
Ao mesmo tempo, preténdese que a arte africana non se vexa só dende unha concepción occidental; por iso é preciso aplicar aquel consello de amigo africano que recomenda que “non se pode xulgar cunha mentalidade occidental, una creación africana”.
Por último, resaltar a importancia que ten dar a coñecer o continente africano para descubrir modelos de vida, de pensamentos e de acción diferentes aos nosos.

Románico e wolfram. Saída á comarca do Deza

Saída polas terras do Deza
Sábado 14 de marzo de 2019

Inspirados permanentemente pola satisfacción das asociadas do Ateneo Atlántico, o vindeiro sábado 14 de marzo organizamos unha nova actividade dunha das tipoloxías que máis seguidores convoca.

Será unha saída, nesta ocasión, polas terras do Deza e, máis en concreto, polo románico dos arredores de Silleda (Carboeiro, Ansemil, Breixa, Taboada), xantar en Vila de Cruces, e visita ao poboado mineiro de Fontao. Para os máis animosos, teremos unha pequeniña andaina desde o mosteiro de Carboeiro até a Ponte do Demo sobre o Deza).


Programa
9h. Saída do antigo Reitorado (rúa Areal)
Comenzaremos en Silleda tras unha breve parada técnica para café .
10.30/11.00 Visita Igrexa de Santiago de Taboada (Silleda)
11.30/13.30 Visita Museo da Minería do Fontao (Vila de Cruces)
14.00 Xantar Restaurante O Castro Vila de Cruces
16.00 Visita Igrexa Santiago de Breixa (Silleda)
17.00 Visita Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, e breve paseo ata a antiga Ponte do Demo sobre o rio Deza
19.00 Visita San Pedro de Ansemil
20.00 Parada técnica en Lalín, e regreso a Vigo.

Datos Prácticos
Prezo: 35€ soci@s / 40€ para non soci@s (inclúe autobús, comida, e todas as visitas programadas)
Lugar de saída: Areal fronte o reitorado, 9:00h
Apertura do prazo de inscrición: luns 9 de marzo, 20 horas
Data límite inscrición: luns 11 de Marzo (ou ata que se cubran as prazas)
Data límite para o ingreso: xoves 13 de marzo, 23.59 horas
Número máximo de participantes: 50 persoas

Procedemento para a inscrición:
1) Encher o seguinte cuestionario para a reserva de prazas: LINK
2) Facer o pagamento polo total das prazas reservadas (máximo dúas por persoas por cuestionario) na conta do Ateneo (ABANCA  ES96 2080 5000 6430 4035 5222) indicando no CONCEPTO o nome da persoa que figura na reserva previa.
Por motivos de organización, as prazas non se consideran reservadas ata completar os DOUS procedementos (cuestionario + pagamento).
3) Data límite para facer o ingreso: Venres, 13 de Marzo ás 12 horas.

Máis información sobre as visitas
Se ben a mina viña traballando dende o século XIX, o poboado de O Fontao inaugurouse en 1956 e estivo habitado ata o peche da mina en 1974. César Cort e Xoaquín Basilio Bas planearon un poboado completo nunha interesante (e atípica na era franquista) arquitectura racionalista. O poboado, e ademais das vivendas dos traballadores, incluíe diversos equipamentos complementarios: campo de fútbol, escola, vivendas para os mestros, cine e unha igrexa. Despois de máis de 30 anos de abandono e deterioro, en 2010 a Xunta de Galicia acometeu a rehabilitación das vivendas para ofrecelas como vivendas sociais.
Hoxe, o cine está transformado en salón de actos e a igrexa e a escola en museo.
O poboado está recollido e catalogado no el rexistro de vivenda moderna do DOCOMOMO Ibérico.
 


Santiago de Breixa : A Igrexa románica, construída en cantaría, posúe unha soa nave e ábsida cuadrangular. Malia que o exterior é moi sobrio, conserva varios canzorros románicos, concentrándose a decoración no interior. Aquí atópase un fermoso altar románico cun dobre arco de medio punto. Máis o que realmente fai única a esta igrexa é o variado conxunto de capiteis no que se amosa un bestiario medieval con animais fantásticos: centauros, sereas, grifos, serpes, aves, …. Todos en moi bo estado de conservación e cos nomes nalgunhas das figuras.

San Lorenzo de Carboeiro: unha das obras arquitectónicas do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. Trátase dun mosteiro beneditino fundado no século X e que viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII do que se conserva en moi bo estado a súa igrexa e algúns dos departamentos monacais, grazas aos traballos de restauración e recuperación realizados a partir da segunda metade do século XX.

Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos

Manuel Colmeiro. Espazos e Encadramentos
Visita guiada á exposición do MARCO
Con Xosé Carlos López Bernárdez (Comisario)
Venres 28 de febreiro, 18.30 horas
(Inscrición previa. Punto de cita: billeteira do museo)
Museo MARCO

Producida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e comisariada por Xosé Carlos L. Bernárdez, a exposición Manuel Colmeiro, Espazos e Encadramentos estará no MARCO entre o 24 de xaneiro e o 24 de maio de 2020.
O Ateneo Atlántico ofrece unha proposta excepcional: a visita á exposición, guiada polo propio comisario: Xosé Carlos López Bernárdez. Será o venres 28 de febreiro ás 18.30 horas.
A visita terá unha duración aproximada de 1 hora e a participación será, exclusivamente, con inscrición previa no seguinte formulario:


O prazo de inscrición abrirase o martes 25 de febreiro, ás 20 horas, e permanecerá aberto ata que se cubran as 30 prazas das que consta a visita.
Dada a especificidade da actividade, non se admitirán máis asistentes que as 30 persoas inscritas (e confirmadas polo Ateneo) a través do formulario.

(Paisaxe, Colmeiro, 1935, Óleo sobre lenzo, 65.5x82cm, Colección familia Colmeiro)

Conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra Espazos e Encadramentos configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.

O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.

Espazos e encadramentos fai fincapé nos contextos, nos diálogos con outros actores, na súa inserción dentro das correntes estéticas coas que convive o pintor e nos diferentes espazos xeográficos e culturais onde desenvolveu a súa longa traxectoria vital e artística.

Todo isto, e máis, poderemos gozalo da man de X. Carlos Bernárdez o venres 28 de febreiro.
 
Máis información, na páxina do Marco 

Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958).
Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte.
Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas.
Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura (De catro a catro de Manuel Antonio, 1991, Edicións do Cumio; Eduardo Blanco-Amor, Sempre en Auria, 1993; Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora, 1995 ou Lorenzo Varela: Biografía e antoloxía, 2005, Ed. Xerais) e no campo das artes (Breve historia da arte galega, 2005, Nigra; Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, 2011, Fundación Novacaixagalicia, Vigo; Manuel Colmeiro, 2011, Galería Montenegro, Vigo; Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, 2012, Nigra).
Como comisario ten organizado exposicións con importante repercusión no eido da cultura galega, ás que hai que engadir esta de Manuel Colmeiro.

Saída polo Vigo Industrial

Polos camiños de Vigo
Paseo industrial: Museo ANFACO e as industrias da Beiramar
Con Mariña López
Sábado 15 de febreiro
Punto de reunión: Reitorado do Areal
Hora:10:00h

Coa finalidade de promover o coñecemento e sensibilización da paisaxe urbana e industrial de Vigo, o Ateneo organiza unha nova etapa das nosas andainas 'Polos camiños de Vigo'.
Será o  próximo 15 de febreiro as 10:00 horas e consistirá nun recorrido guiado polo descoñecido Museo ANFACO e pola avenida de Beiramar desde a praza da Industria Conserveira ata o barrio de Bouzas.
A nosa guía será Mariña López Rodríguez, Licenciada en Historia, especializada en patrimonio industrial; actualmente desenvolve o seu labor como directora do Museo da conserva de ANFAC

PROCEDEMENTO E PRAZOS DE INSCRICION:

O xoves 6 de Febreiro ás 20:00h activarase o link ao formulario de inscrición:


A inscrición pecharase ao cubrise o cupo máximo de prazas: 50 persoas
O prezo fixado é de 2€ para Socios do Ateneo Atlántico e 5€ para non-socias. O pago realizarase en efectivo ao ingreso no autobús, e adícase exclusivamente ao seu alugamento.


Programa
- 10:00h. saída do bus desde o vello reitorado. Subida ao Campus e visita ao museo
- 12:00h. regreso a Vigo, e comenzo do percorrido dende á Praza da Industria Conserveira de Bouzas
Camiñando pola avenida de Beiramar, falaremos de La Artística (Talleres Alonarti); dos asteleiros de Hijos de J. Barreras, de Cardama e Armada; das fábricas de conservas Cerqueira e do edificio da Conserveira Ribas (hoxe sala Artika). E sobre todo do edificio da Conserveira de Bernardo Alfageme.
- 1400h. remate na Alameda de Bouzas e regreso en bus ata o reitorado

O Museo ANFACO (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados) sitúase no campus de As Lagoas, da Universidade de Vigo. Trátase da única colección museística de carácter industrial da cidade e fala do nacemento e desenrolo da industria conserveira en Vigo e Galicia. 

Para completar a ollada industrial pasearemos polos lugares onde se atopan parte dos espazos industriais vigueses máis relevantes, dende a Praza da industria conserveira camiñaremos ata Alfageme, pasando pola Artística, Barreras, Cardama, etc., na procura dunha reflexión dos usos e reciclaxes habitacionais destes baleiros edificios; tentaremos dar pé, tamén, a un debate sobre a nosa identidade industrial como cidade, de como grandes edificios amolecen mentres diversas coleccións museísticas permanecen afastadas dos seus contextos.A historia de Vigo non se entende sen as industrias que a debuxaron ao longo do tempo, e  a concienciación sobre a valoración do noso Patrimonio Industrial é un dos alicerces da nosa identidade; a falta de apreciación sobre o "industrial" conduce á desaparición ou degradación dos espazos, dos arquivos, da tecnoloxía e, en última instancia dos procesos produtivos.



Mariña López Rodríguez
Mariña é licenciada en Historia pola USC e Máster en Xestión Cultural polo Instituto Universitario Ortega Y Gasset (Madrid).
Procedente do sector audiovisual e da arte contemporánea, na actualidade é directora do Museo ANFACO da industria conservera, posto desde o que leva doce anos traballando en prol do desenrolo da creación, xestión e divulgación da colección do Museo.
Na actualidade está a colaborar con José Ramón Iglesias Veiga e Xoan Carmona do Instituto de Estudos Vigueses no libro Alfageme unha fábrica con alma.
Algunhas das actividades desenvolvidas arredor do patrimonio industrial son:
  • “La colección del Museo ANFACO en el 115 aniversario de la Unión Conservera”, autora de la publicación sobre la colección del museo, 2019.
  • Direción e produción da ficha audiovisual do proxecto Sereas, As mulleres do mar, documental sobre o traballo das antigas traballadoras conserveiras para aa creación dun centro de documentación sobre a historia da pesca e a transformación de produtos do mar en clave de xénero.
  • Xestión para a adquisición e clasificación do arquivo empresarial de conservas Bernardo Alfageme, S.A., 2018.
  • Coordinadora e responsábel dos Plans Proxecta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia: Memoria da Industria, Memoria do Mar, sobre patrimonio industrial do mar.
  • Comisaria, deseño do proxecto expositivo, documentación e direción técnica da exposición Vigo, a cidade que xurdiu da industria conserveira,Vigo,  Casa das Artes, Vigo.
  • Ponencias nas diferentes convocatorias das Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro.
  • Organización de la colección museográfica del Museo ANFACO de la Industria Conservera y captación de piezas.
  • Xestión da Fundación, Museo e Arquivo ANFACO.
  • Comisariado e participacoón en diferentes exposicións da Galería Ad Hoc de Vigo.
  • Participación na creación da Fundación de Arte Contemporánea de Manolo Paz en Cambados.
  • Participación na fundación e desenvolvemento do Dvd Club Arte i Ensaio de Vigo.

A continuación deixamos uns enlaces que poder resultar de especial interese para documentarnos sobre a saída en concreto, e sobre o Vigo Industrial en xeral:

Sereas, as traballadoras do mar (Vídeo)


Proxecto Vigo Industrial

NONCOMMON - Patrimonio Industrial

Visita ás ruínas de Alfageme (Vídeo)

Proxecto fotográfico Memoria Industrial en Galicia, de Jose Chas

A Ribeira Sacra Lucense: Románico, viño, auga e paisaxe


As Viaxes do Ateneo
A Ribeira Sacra Lucense
Románico, viño, auga e paisaxe
Sábado 19 Outubro 2019
35€ soci@s · 40€ non soci@s

Aproveitando as cores do outono, o Ateneo Atlántico volve propoñer unha saída cultural e gastronómica, nesta ocasión pola Ribeira Sacra lucense, preto de Chantada.

A visita permitiranos desfrutar das paisaxes únicas do Río Miño no entorno do Encoro de Belesar, e sobre todo facer visitas a algúnhas das Igrexas e monumentos románicos menos coñecidos e máis agochados da Ribeira Sacra, gracias ao acompañamento das guías de Máis que Románico. Aproveitaremos tamén a oportunidade para visitarmos unha adega da Denominación de Orixe e cata-los caldos mencía e godello que alí se producen, e ter tamén ocasión para unha boa papatoria de polbo en Chantada.

O programa da visita é como segue: 
  • 9:00 - SAÍDA dende o reitorado do Areal.
  • 10:45 - Chegada ao punto de encontro coa guia de Máis que Románico no auditorio de Chantada.
  • 12:15 - Visita a SAN PAIO DE DIOMONDI, igrexa do século XII que pertenceu a un mosterio, e cunha portada con capiteis ricamente decorados.
  • 11:15 - Visita a SANTO ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO, un exemplo do románico tardío do século XIII, no que destaca o rosetón de pedra calada de case catro metros de diámetro que o convirte nun dous máis grandes de Galicia.
  • 13:00 - Visita á Adega Ribada pertencente á denominación Ribeira Sacra.
  • 14:30 - XANTAR e papatoria no polbeiro Os Pendellos de Chantada. O menú consistirá nun plato de culler (caldo/ sopa) de primeiro. E logo polbo e máis carne richada de segundo. Sobremesa e bebidas incluidos.
  • 16:30 - Visita  a igrexa de SANTA MARÍA DE PESQUEIRAS, situada nun souto a carón do río Miño, e moi preto do encoro de Belesar, que alberga no seu interior uns frescos do século XVI.
  • 18:00 - Visita a SANTA MARÍA DE NOGUEIRA DE MIÑO, unha igrexa sobre un meandro do Miño, obra do século XII, que conserva no seu interior unha das mellores coleccións de pintura mural galega correspondentes aos séculos XV e XVI.
  • 20:00 - REGRESO a Vigo
Os soci@s e simpatizantes do Ateneo, xa tendes máis detalles para face-la inscrición dispoñibles no voso correo.

Arte, ecoloxía, historia e viño: O Ribeiro



As Viaxes do Ateneo
Arte, ecoloxía, historia e viño. O Ribeiro
Troco de data
Sábado, 23 de Febreiro de 2019

Queremos propoñervos unha nova viaxe, esta vez a Ribadavía e a toda a paisaxe e a historia da comarca do Ribeiro. É a nosa intención, ofrecer unha visión o máis completa do territorio, e non limitarnos somentes á cultura do viño. Por iso, para o coñecemento da historia e a cultura da súa cabeceira Ribadavia, nos acompañará na visita a vila Antonio Míguez, responsable da oficina de turismo de Ribadavia. Faremos tamén da man do adegueiro Joaquín Pérez Labrador "Quino", unha visita ás Adega Vilerma, fundadas en 1978 nunha ladeira da cunca do río Avia. Será alí onde o noso guía ao longo de toda a viaxe, e co-organizador do acto, Jorge Vila de Galicia.Wine ofreceranos unha cata didáctica para aprender a diferencias e apreciar os viños do Ribeiro.
Para darlle traballo á panza e recuperar folgos, voltaremos a Ribadavía, onde a xente do Restaurante Caracas ofreceranos un cocido completo e ben regado. Xa pola tarde, achegaremonos a facer un roteiro polo bosque da Asociación Ridimoas, un exemplo de xestión colectiva e sustentable, onde dende 1988 a asociación ben mercando parcelas privadas e recuperandoas coma espacio forestal ribeirán.

PROGRAMA DA VIAXE:
● 10:00 – Roteiro didáctico guiado pola vila de Ribadavia
● 12:00 – Visita e cata de viños en Adega Vilerma
● 13:00 – Minicurso sobre os viños do Ribeiro
● 14:00 – Cocido no restaurante Caracas de Ribadavia. Inclue comida, bebidas e chupitos.
● 16:30 – Visita guiada ao Bosque de Ridimoas
● 19:00 – Despedida e saida a Vigo

Téndes tódolos detalles de pago e inscripción no voso correo. Plazas limitadas.

¡Agardámovos!

Polos camiños de Vigo. Andaina por Castrelos

Polos camiños de Vigo
con Xurxo Pérez Pintos
Sábado 16 de xuño, 11 horas, parque de Castrelos
As plantas e o poder

Continuando cos nosos particulares percorridos Polos camiños de Vigo da man de Xurxo Pérez Pintos, e despois da andaina polo Castro, é o momento do parque de Castrelos.
Xurxo Pérez, biólogo cunha ampla traxectoria en paseos pedagóxicos para descubrir a natureza, proponos como estimulante título para esta saída, As plantas e o poder.
A inscrición para a saída, en principio, está reservada a persoas asociadas ao Ateneo e cada asociado poderá invitar a unha segunda persoa (asociada ou non).
Para inscribirse hai que mandar un correo electrónico a ateneoatlantico@gmail.com no que conste o nome completo e o número de asociado da persoa que realiza a inscrición e, no caso de querer levar invitado, o nome completo desta segunda persoa.
A selección de participantes realizarase por rigorosa orde de chegada ao noso buzón dos correos electrónicos coa solicitude de inscrición. As solicitudes que non se axusten ao punto anterior non serán tidas en conta.
Ás persoas seleccionadas avisarémolas directamente da súa selección e da concreción do horario e lugar de cita.


Dado o modelo de actividade, ten unha participación máxima de 25 persoas; no caso de recibir solicitudes suficientes poderemos organizar un segundo paseo. En ambos os dous casos a actividade será totalmente gratuíta.

Percorrido trala Arte urbana en Porto

Percorrido trala Arte urbana en Porto
Da man de António Monteiro de Oliveira
Sábado 9 de xuño


O sábado 9 de xuño o Ateneo Atlántico realiza a súa primeira saída de Vigo. E, para esta ocasión especial, pensamos nunha visita á cidade de Porto para realizar un percorrido tentando descubrir diversos aspectos da considerada capital da Street Art do noroeste peninsular.

A saída é o complemento perfecto á actividade realizada o 20 de novembro A apropiación do espazo público: entre a arte e a delincuencia; evidencias na cidade de Porto na que o profesor António Monteiro nos deleitou cos seus coñecementos e interpretacións sobre o que é e non é Arte urbana.

O propio profesor Monteiro será o noso guía nun percorrido que nos levará desde Matosinhos (Escola secundária Augusto Gomes) a Porto (Silo Auto, Fábrica social), pasando por Maia (Parque Maia, Mural da Lionesa).
Pola tarde, e tamén de man do amigo António realizaremos unha andaina tentando descubrir novos recunchos no centro da cidade de Porto.

A participación será previa solicitude e reserva no noso correo electrónico (ateneoatlantico@gmail.com), por orde de chegada de solicitudes. O prezo, reducido para os socios, será, exclusivamente, o correspondente ao transporte. O lugar e hora de saída serán comunicados directamente ás persoas participantes.

Polos camiños de Vigo. Andaina polo Castro

​Polos camiños de Vigo
con Xurxo Pérez Pintos
O parque do Castro, formas de intelixencia das árbores
Sábado 14 de abril
(inscrición previa)


A andaina polo Castro con Xurxo Pérez Pintos (Polos camiños de Vigo: o parque do Castro, formas de intelixencia das árbores), estaba anunciada para o sábado 7 pero, por mor das previsións climatolóxicas, vémonos na obriga de aplazala para o sábado seguinte, 14 de abril, entre, aproximadamente, as 11.30 e as 13.30.
Esta actividade é a primeira dun ciclo para coñecer Vigo camiñando e céntrase nun paseo polo Castro guiados por Xurxo Pérez Pintos, biólogo cunha ampla traxectoria neste tipo de paseos pedagóxicos.

Dado o modelo de actividade, ten unha participación máxima de 25 persoas; no caso de recibir solicitudes suficientes poderemos organizar un segundo paseo. Nos dous casos a actividade será totalmente gratuíta.

A inscrición, en principio, está reservada a persoas asociadas ao Ateneo e cada asociado poderá invitar a unha segunda persoa (asociada ou non).

Para inscribirse hai que mandar un correo electrónico a ateneoatlantico@gmail.com no que conste o nome completo e o número de asociado da persoa que realiza a inscrición e, no caso de querer levar invitado, o nome completo desta segunda persoa.

A selección de participantes realizarase por rigorosa orde de chegada ao noso buzón dos correos electrónicos coa solicitude de inscrición. As solicitudes que non se axusten ao punto anterior non serán tidas en conta.

Ás persoas seleccionadas avisarémolas directamente da súa selección e da concreción do horario e lugar de cita.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/