Amosando publicacións coa etiqueta Comunicados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Comunicados. Amosar todas as publicacións


 cinemAnteneo

Convocatoria aberta da Comisión de cinema
Mércores 13 de outubro 18 horas Espazo Cubo

Estimadas persoas que conformades o Ateneo Atlántico de Vigo e compartides a paixón polo cinema: Acabamos de pasar unha dura etapa que nos impedía as reunións e o contacto persoal directo e durante a cal, desde a comisión de Cinema intentamos que no se perdera ese vínculo do que xuntos viñamos gozando.

Nin que dicir ten que atopar unha alternativa a nosa actividade cinéfila nese contexto foi un dos retos más difíciles de acadar. Pese a iso, fixemos todo o esforzo posible por manter ese fío malia que o resultado non sempre se correspondeu co esforzo que realizamos.

Tivemos que crear un formato novo para o que, en xeral, non estabamos preparados e ademais, faltábanos o intercambio de criterios con todos vós e a calor da vosa presenza.

Escollemos para a primeira actividade de cinema o tema da vivenda, porque o confinamento fíxonos tomar conciencia do resultado das políticas de deseño e habitabilidade tanto nas vivendas como nos espazos públicos.

A seguinte elección, “O Gran Manipulador”, pareceunos que aportaba unha radiografía de como podemos ser vítimas da des-información, a información interesada, e como se manexa a política entre bastidores. Por último, escollemos unha película de “anime”, para cambiar de estilo e dar a coñecer outro tipo de cinema que, aínda que emprega uns recursos artísticos distintos, pode transmitir unha mensaxe consistente.

Agora que se albisca volta aos encontros presenciais e contamos coa reapertura dos Cines Norte, temos programada a próxima actividade para o día 10 de novembro: a estrea de “Bily” na devandita sala, como viña sendo habitual. Pero dado o tempo transcorrido sen que tivésemos un intercambio presencial sobre a nosa paixón,, o cine, pensamos que é necesario que todas as persoas ateneístas que a compartimos, debemos ter unha reunión para intercambiar opinións e para iso, acordamos un encontro para o próximo mércores día 13 de outubro ás 18 horas no espazo CUBO.

Queremos coñecer as vosas propostas para as actividades da Comisión de Cinema nesta nova etapa, os cambios e suxestións que pensades que sería interesante implementar; en definitiva, cales son os vosos intereses e criterios con respecto ao cine e como poderiamos enfocar a programación para logralos.

Por outra parte, interésanos que vos animedes a incorporar novos membros á Comisión de Cinema. Así que, xa sabedes, agardámosvos, cheos de ideas novas e recibirémosvos con ilusión e agarimo.

Estamos de volta

O Ateneo Atlántico está de volta

Programación do último cuadrimestre

No camiño de volta á normalidade, o Ateneo Atlántico quere sumar o seu esforzo á recuperación do pulso cultural da nosa cidade.

A Xunta Directiva séntese forte e moi ilusionada con este novo capítulo da nosa historia e quere transmitir as súas sensacións ao colectivo da afiliación do Ateneo e, en xeral, a todo o sector da poboación que, potencialmente, pode formar parte das nosas seguidoras e seguidores.

Esperando recuperar a participación e colaboración nos actos que imos organizar que, a grandes liñas, son os seguintes:

  • Club de lectura. Periodicidade mensual, o primeiro mércores de cada mes. Na primeira xuntanza faremos a posta en común do libro do verán, O infinito nun xunco, de Irene Vallejo e decidiremos a lectura de novembro. Esta xuntanza terá lugar o mércores 6 de outubro, ás 18.30h no espazo Cubo
    Este pode ser un momento magnífico para te incorporares ao club.

  • cinemAteneo. Periodicidade mensual, o segundo mércores de cada mes. Recuperación das sesións presenciais nos cines Norte coa proxección do documental Billy, de Max Lemcke (subtitulado: Torturas, impunidade e silencio; voces desde o subsolo da democracia española) e o posterior coloquio.

    Recuperación do modelo Cine ao Cubo, no que se invita a un persoeiro da cidade a compartir -comentario, visión e coloquio- unha das súas películas de cabeceira.
    Convocatoria dunha sesión aberta a todas as asociadas para debater sobre a programación futura das actividades arredor do cine e animar a novas incorporacións ao grupo de traballo que se encarga de planificar e coordinar o cinemAteneo.
  • Ciclo de actividades polivalentes arredor da Historia de Vigo.

    A primeira será o 4 de novembro e xirará arredo do Vigo medieval; contará coa participación dun historiador e dunha experta nas cantigas de Martín Códax; por último teremos unha breve actuación de música medieval interpretada con arpa.
    O segundo capítulo xirará arredor do Vigo do século XIX.
  • Ciclo de conferencias en colaboración coa Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo. Dará comezo o 14 de outubro e constará das seguintes propostas:

    • A crise enerxética

    • Repercusión da crise enerxética no sector da alimentación.

    • A escaseza das terrar raras.

    • Antropoceno e desaparición da diversidade.

    • Propostas para unha sociedade do decrecemento.

  • Charlas-coloquio para a presentación de novas publicacións; será unha mensual e xa podemos adiantar as que serán as tres primeiras.

    • Catas na memoria: a represión no Val Miñor, de Carlos Méixome

    • Clase y política en España I. Estructura social y clase media en la democracia postransicional, de Modesto Gayo.

    • A Barcelonesa, de Xabier Paz

  • Segunda andaina por Vigo dentro do ciclo Ensanche en conserva da man do arquitecto Nacho Hortas.

  • Organización dun curso de iniciación á cata do viño.

  • Edición da segunda revista do Ateneo; estará centrada no certame literario Exeria e nas actividades desenvolvidas ao longo do ano 2021.

  • Continuar coa campaña Mirando polos letreiros, que tantas satisfaccións ten dado ao Ateneo Atlántico. Trátase, como sabedes, da posta en valor do patrimonio gráfico da cidade.

De todo o anterior iremos informando polos medios habituais: correo electrónico, whatsapp e, en especial, a través desta web ateneoatlantico.gal

Recibide unha calorosa aperta e unha migalla da nosa ilusión para manter o Ateneo Atlántico no lugar que todas queremos que estea.

 

Comunicado sobre a Nova Realidade do Ateneo

Comunicado do Ateneo Atlántico

Vigo, 8 de maio de 2020

A Xunta Directiva do Ateneo Atlántico na súa última sesión celebrada telematicamente, acordou trasladar ás persoas asociadas e ao conxunto da sociedade viguesa as informacións que detallamos a continuación.

Dende o pasado 20 de abril o Ateneo de Vigo, despois de suspender a programación presencial por mor do confinamento, vén de retomar a súa actividade axeitándoa á nova realidade e centrándose na modalidade telemática.

As actividades que estamos a desenvolver no momento actual son:
  • Elaboración dun “boletín semanal” que sirva de cos nosas afiliadas e simpatizantes; este Boletín conta coa información das actividades e curso e a posibilidade de recollida de suxestións.
  • Continuar coa programación do Club de Lectura organizada polo “literAteneo”.
    • A pasada semana analizouse o libro “Seique” coa participación da súa autora Susana Sánchez Aríns tendo un importante seguimento nas redes.
    • O próximo libro elixido para compartir é “Patagonia Express” de Luis Sepúlveda.
  • Xogos literarios semanais. O primeiro, ata o 7 de maio, baixo a modalidade de “Refachos”; tratábase de crear variacións a partir dun poema previamente escollido.
    • O próximo xogo xirará arredor da realización de “Microrelatos”.
    • O terceiro, aínda en fase de preparación, será sobre a forma de expresión poética do “Haiku”. Neste caso programaremos un par de sesións online para que un especialista nos fale de que son e de como elaborar Haikus.
    • Como elemento motivador, este xogos están dotados cun recoñecemento semanal de 50 euros para gastar nunha libraría da nosa cidade.
    • As bases, así como a concreción de diversos aspectos, explicítanse no Blog do Ateneo Atlántico ( ateneoatlantico.gal ).
    • No blog tamén se poden ler as colaboracións que imos recibindo.
  • Decidimos abrir o noso Blog como Pública Galería das creación artísticas que se producen na nosa cidade durante o confinamento e que as autoras teñan a ben compartilas: imaxes, reflexións, música, vídeos, poemas, críticas, pinturas, libros, conferencias, recomendacións...
    • Para acceder á publicación de achegas hai que remitilas ao enderezo de correo creado especificamente para esta ocasión: ateneonacasa@mail.com
  • Continuar coas sesións do Cineclub organizado polo “cinemAteneo”: previa visualización da película seleccionada, o coloquio será a través das nosas redes sociais e en aberto.
  • Instaurar os que demos en chamar Martes do Ateneo. Serán conferencias online que, na medida do posíbel, terán un compoñente interactivo:
    • Martes 12 de maio ás 18h: “Gloria e dor do libro galego”: unha reflexión sobre a situación do mundo editorial en Galicia. Para este acto contaremos coa participación de Fran Alonso (Xerais), Malores Villanueva (Galaxia) e Moisés Barcia (Rinoceronte).
    • O martes 19 de maio, ás 18h, falaremos da gripe española de 1918 na área de Vigo. Contaremos coa colaboración do presidente do Instituto de estudos vigueses, X. Carlos Abad e do investigador Xosé Luis Mateo, membro tamén do citado Instituto.
    • Martes 26 de maio ás 18h: Continuando co ciclo “As novas masculinidades”, charla con Jorge G. Marín, coordinada por Luisa Abad, baixo o título “Por que é tan difícil que os homes cambien?”
Para conmemorar as Letras Galegas 2020, dadas as especiais características do momento, e co título "E logo..., ti de quen vés sendo?", o Ateneo Atlántico de Vigo inicia unha campaña para escoller os 10 libros da Literatura Galega que máis gustaron aos lectores e lectoras. Información ampliada, así como formulario de participación, no blog do Ateneo (ateneoatlantico.gal)

Noutra eido, acordouse, tamén, o deseño e desenvolvemento doutras dúas liñas de actuación a través das opcións que ofrece Internet: “Falar de Vigo / Historias da cidade” (conversas con distintas persoas da cidade sobre acontecementos escasamente coñecidos) e “Viaxar sen saír da casa” (percorridos virtuais da man de expertos a lugares de Galicia e Portugal para profundar nos seus aspectos culturais e sociolóxicos máis interesantes).

Asemade, acordouse a suspensión do cobro das cotas aos socios mentres non se volva ao funcionamento habitual de actividades presenciais e o orzamento do Ateneo o permita.

Por último decidimos facer pública a nosa inquedanza pola grave situación que atravesa a sociedade no ámbito Cultural considerado no seu máis amplo concepto.

Comunicado da Xunta Directiva

 Comunicado da Xunta Directiva

Antes de nada vaia por diante o noso sentido desexo de que todas e cada un vos atopedes co mellor dos ánimos e gozando dese ben tan prezado que é a saúde.
Dito o anterior, e pasada unha primeira fase de “parálise vírica”, dicirvos que o Ateneo Atlántico retoma a actividade.
No día de onte, reunida telematicamente, a Xunta Directiva do Ateneo tomou unha serie de acordos que pasamos a comunicarvos:
  • A regulamentaria Asemblea Ordinaria que estaba convocada para o 27 de marzo co obxecto de aprobar o balance económico do 2019 e a proposta de orzamento para o ano 2020, celebrarase tan pronto como as circunstancias o permitan.
  • En segundo lugar, a suspensión de actividades, xunto coa suficiencia económica da que actualmente goza o Ateneo, aconsella conxelar o cobramento de cotas mentres non se poida recuperar un mínimo de normalidade na programación de actos. Esta decisión seguirá vixente, cando menos, mentres os gastos fixos (local, mantemento de redes, subscricións…) ou aqueles comprometidos previamente, permitan a súa continuidade.
    As cotas anuais e semestrais adiantadas serán obxecto da súa adecuación unha vez coñezamos as consecuencias finais do illamento.
  • Desde a Xunta Directiva facemos un chamamento colectivo para seguir en contacto a través dos noso medios habituais de comunicación, basicamente, do correo electrónico (ateneoatlantico@gmail.com), do blog (https://ateneoatlantico.blogspot.com/), e tamén do facebook (https://www.facebook.com/ateneoatlantico/).
    Ademais, e para mellor xestionar a comunicación nesta situación tan anómala habilitamos un segundo enderezo electrónico: ateneonacasa@gmail.com.
  • Por calquera das vías anteriores podedes comunicarnos todas aquelas suxestións, observacións, inquedanzas ou comentarios que consideredes oportunas; procuraremos dar resposta do mellor xeito e no mínimo tempo posible.
  • Na mesma liña, dicirvos que nos próximos días recibiredes un correo con propostas concretas de actividades nas que podemos participar desde casa e que andamos a argallar coa fin de compartir entre todas unha parte destes complicados tempos que nos toca vivir.
Xa para rematar, non queremos despedirnos sen trasladar a nosa profunda dor e solidariedade a todas as persoas que sufriron perdas nestes días ou que pagaron, ou aínda están a pagar, coa súa saúde, os efectos desta pandemia.
Hoxe máis que nunca sintámonos xunt@s.
Vaia, tamén, o noso absoluto respecto, agradecemento e solidariedade con todas as persoas e colectivos que, de xeito tan admirable, e no día a día sanitario, están tratando de minimizar as consecuencias deste maldito covid-19.
Lembrámonos, tamén, de todas aquelas outras que, desde o anonimato, continúan no seu posto de traballo para que a nosa vida cotiá, protexida do coronavirus, poida continuar

Recibide unha calorosa aperta e unha manchea de ánimos.
A Xunta directiva do Ateneo Atlántico

Avance Actividades Xaneiro-Febreiro

Co comenzo do ano novo, voltamos a retomar as nosas actividades con folgos renovados, e interesantes propostas das que queremos que sexades participes.

O acto máis próximo vai ser unha Proxección + Debate co-organizado coa Asociación "Dereito a Morrer Dignamente" de Galicia, o día 16 de Xaneiro nos Multicines Norte, ás 20:00h. Miguel Mora, médico anestesiólogo, e Laura Abalde, Vicepresidenta da Asociación, falarán, apoiandose nun pequeno documental, do dereito que temos a morrer con dignidade e das implicacións que exercer este dereito ten. Esperamos poder continuar esta charla nun futuro con máis temas que relacionen Vida e Ética, e que toquen aspectos como a xestación subrogada/ventres de aluguer, ou o suicidio.

Queremos invitar tamén aos moitos socios do Ateneo interesados no Cine e na Literatura a unha xuntanza especial, o día 23 de Xaneiro no Espacio Cubo, para discutir ás novas actividades previstas nestes eidos, escoitar ás suas propostas e anima-los a integrarse e participar activamente. E tamén, o CinemAteneo voltará o segundo mércores de Febreiro cun novo ciclo, titulado provisionalmente, "Cine e Verdade".

Coa idea de seguir promovendo o debate e a participación na vida política e cultural da cidade, estase argallando un Estado da Cuestión sobre o Benestar e as Politicas Sociais en Vigo para o día 6 de Febreiro. Con posterioridade, quérese organizar un acto que permita escoitar as principais forzas políticas que se presentarán ás próximas eleccións municipais de Maio, e confrontar ás suas propostas para a Cultura e a Cidade.

O 8 de Febreiro, virá Heitor Picallo a falarnos de Castañas e Castiñeiros na Casa da Cultura Galega, e o vencellamento desta árbore á nosa terra dende o medievo ata os nosos días.

Estamos preparando igualmente un acto para lembrar o Arquitecto Xose Bar Boo no 25 cabodano da súa morte, e achegarnos á obra do autor da Igrexa de A Nosa Señora das Neves, do Mercado de Porriño ou do Edificio Plastibar.

O día 22 de Febreiro faremos o primeiro dos actos deste ano no que queremos homenaxear á María Xose Queizán no seu oitenta aniversario, coa conversa que terá a propia Maria Xosé con Inma López e presentadas por Xina Vega. É a nosa intención continuar este acto o 11 de Marzo, no Día da Muller, lembrando o seu tremendo labor polos dereitos da muller e o feminismo.

A finais de mes, o 28 de Febreiro, teremos un debate no que se oporan as visión de Vigo na historía coas visión da cidade no relato e na ficción a cargo de Jorge Lamas e Pedro Feijoo, presentados por Maria Xosé Porteiro.

Para rematar, queremos retomar ao longo do trimestre tamén as saidas e as actividades ao aire libre, cunha viaxe para coñecer Ribadavia e a comarca do Ribeiro, e o profundo vencellamento da producción do viño coa paisaxe e a cultura dunha comarca, e se espertamos o voso interés, repetir posteriormente cunha viaxe Ás Neves e os petroglifos recentemente atopados nos Montes de Taboexa.

E sobre todo, animarvos a participar activamente nas actividades, e a que propoñades ás propias vosas ideas de actos, pois o Ateneo é de todos.

outono atlántico


Fiel aos seus principios fundacionais, e pasada a paréntese do verán, o Ateneo Atlántico volve á palestra da actualidade viguesa disposto a se consolidar coma un referente de todo o que por aquí se move. Deste xeito, e como primeiro avance, presentamos unha boa presa de actividades, unhas, xa pechadas, e outras en avanzada vía de concreción, para desenvolver ao longo deste terceiro cuadrimestre de 2018.
  • Campaña de asociados. Desde o minuto cero, no Ateneo Atlántico sabemos que o noso poder (de organización, de convocatoria, de movemento, de manternos como espíritos libres..., que ninguén pense mal!) é proporcional ao poder das nosas asociadas; e este poder é tanxible: depende tanto da calidade como tamén da cantidade de socios: cantas máis sexamos, máis actividades e maior independencia. Por isto, ao longo deste outono organizaremos diversas campañas para tentar chegar a máis mulleres e homes que se queiran unir ao noso proxecto.
  • Espazo Atlántico (Dr. Cadaval 17, Vigo). Presentación desta novidosa área cultural que aspira a se converter en axente mobilizador e catalizador das inquedanzas artísticas da cidade de Vigo, ao tempo que acollerá algunhas das nosas actividades. A intención do Ateneo é colaborar para que o Espazo se consolide como lugar de encontro de xentes bulideiras; xa temos en mente comezar por dous espazos de acollida, un literario e outro para cinéfilos.
  • Os mundos de Ferrín. Co gallo do oitenta aniversario de Xosé Luís Méndez Ferrín, o Ateneo Atlántico cre que xa son tempos de lle render unha merecida homenaxe cidadá a unha figura imprescindible na vida dun segundo Rexurdimento galego. A nosa aportación será a organización de catro mesas redondas arredor, cada unha delas, das diferentes facetas do Ferrín personaxe público: o xornalismo, a poesía, a narrativa e a política. Entre outros moitos persoeiros, xa temos confirmada a presenza, nalgunha das mesas, de autoridades da talla de Xosé Ramón Pena, Darío Xoán Cabana, Anxo Angueiro ou Xosé Manuel Beiras.
  • Os límites do planeta que compartimos. Benvidos ao Antropoceno. A día de hoxe quedan poucos, ou moi poucos, aluados que dubiden do demoledor impacto global do ser humano no deterioro irreparable do planeta Terra. Este impacto leva a que sexan cada vez máis as voces que solicitan a sona de Antropoceno para a actual época do período Cuaternario da Historia terrestre.
    O Ateneo súmase a esta iniciativa organizando, en colaboración con diversos departamentos daa  Universidades galegas, unha serie de charlas divulgativas sobre esta corrente científico-filosófica e as súas distintas aristas.
  • O Vigo Cultural. Dende hai meses o Ateneo está a participar en xuntanzas con outras asociacións e axentes culturais da cidade para analizar o deterioro progresivo da cultura en Vigo. Froito destas reunións é a idea de celebrar un Estado da cuestión do que saian ideas e conclusións prácticas e concretas que logo, e de cara ás eleccións municipais de primavera, serían presentadas ás forzas políticas da cidade.
  • cinemAteneo. E, como non, en outubro reiniciaremos o noso cinefórum; novos ciclos e novas películas para un mesmo día, o segundo mércores de cada mes.
    Temos postas as bases para profundar a nosa relación e entendemento para organizar actos conxuntos coa Primavera de cine e Sinerxia.
    Ademais, e no marco das VII Xornadas galegas contra a Trata sexual, o 17 de outubro (Multicines Norte), coorganizamos coa Rede galega contra a trata un debateque estará apoiado pola proxección do documental colaborativo Blessy.
Por outra banda, e aínda sen matizar totalmente, temos en mente outras ideas que, aos poucos, irán cobrando concreción e das que informaremos oportunamente.
  • Debate arredor do dereito a unha morte digna en colaboración coa Asociación que defende este dereito fundamental do ser humano.
  • Reflexión sobre a idoneidade ou non do cambio de hora, visto desde as súas diferentes capas de análise (psicolóxica, científica, enerxética...).
  • Charla arredor da situación actual da política galega.
  • Acto, en colaboración co concello de O Porriño e diversas asociacións, sobre a fundación de Industrias Celtia e as pouco coñecidas relacións desta creación, en pleno franquismo, co ámbito republicano. Proxectaremos a película Os fillos do sol.
  • No tocante ao Vigo industrial, este cuadrimestre pretendemos centrar os nosos esforzos nunha campaña divulgativa sobre os edificios industriais da cidade de Vigo en risco de desaparición. Xa estamos en contacto con outras organizacións e persoeiros que están a realizar recoñecidos esforzos nesta mesma liña.
  • Barallamos un par de saídas; unha ecolóxico-histórico-enolóxico-gastronómica ao Ribeiro, e outra literario-paisaxística arredor de Miguel Torga.
    Tamén, e dentro do marco de todas as actividades que xiran arredor do Vigo industrial, maduramos unha saída pola ría para descubrir o mundo da industria viguesa e as súas problematicas dende unha perspectiva diferente.
Lembra, podes estar ao día do que se coce no Ateneo Atlántico a través deste blog (Ateneo Atlántico), do noso Facebook ou do boletín que mandamos por correo electrónico aos nosos asociados e simpatizantes.
Para pórte en contacto con nós:
Teléfono: 696 856 947
Correo-E: ateneoatlantico@gmail.com

E, se aínda non es socia, e queres unirte a nós, non tes máis que encher o formulario ao que te conduce o seguinte enlace:


Memoria de dous intensos meses


O pasado seis de outubro, no auditorio do Marco, vía a luz o Ateneo Atlántico.
Concretábase así o proxecto dun puño de viguesas que levaban, xa, varios meses de xuntanzas tentando concretar as posibilidades de materialización, non se sabe moi ben de que, se dunha difusa ilusión ou dun soño.


Hoxe, o Ateneo Atlántico é unha realidade, aínda en cueiros, pero tan real como esas trescentas persoas que, como asociadas ou simpatizantes, xa forman parte da familia do Ateneo.
E iso si, en apenas dous meses, o Ateneo convocou dous debates, unha conferencias, dúas sesións de cinefórum e o nacemento dun libro. Xunto coa propia presentación do Ateneo, estamos a falar de 7 actividades en 60 días... Coma que di, unha proposta cada nove días. E o máis ilusionante: todas elas contaron cunha asistencia de vigueses axeitada ao aforo de cada un dos locais elixidos (cando non por riba das nosas posibilidades de acollemento)

Na foto do día da presentación podemos ver, e de esquerda a dereita, a unha boa parte dos membros da Xunta directiva do Ateneo Atlántico: José Luis Mateo (vicepresidencia), Emilio Zunzunegui (tesoureiría), María Xosé Porteiro (relacións coa prensa), Anxo Cabada (presidencia), Manuel Forcadela (área literaria), Ana Fresco (área artística), Marta Souto (área medioambiental), Nacho Pérez (redes sociais), X Carlos L Bernárdez (área artística), Dori Castro (secretaría) e Ana Fresco.Aquel seis de outubro comprendemos que todos os esforzos pagaran a pena.
O éxito da convocatoria foi sensacional: calculamos que algún cento de persoas...; en todo caso ducias de amigas que houberon de quedar de portas para fóra, sen poder recibir da nosa parte a consideración e o meco que merecían por estar alí, con nós, apoiándonos incondicionalmente.
Por outra banda, non puidemos estar mellor acompañados: Morris, Xina Vega, Antón Bouza, Victoria Besada, Iria Sobrino e Area Erina apostaron por nós naquela emocionante velada.

A repercusión nos medios deu fe e constatou que algo novo, e semella que diferente e rompedor, empezaba a moverse no sempre nervioso mundiño social, cultural e científico da cidade de Vigo.


Pasada a bebedeira inicial, chegaba o momento da verdade.
O 25 de outubro convocamos o noso primeiro acto, digamos, máis en 'serio'. Bautizamos o modelo como 'O estado da cuestión' e aproveitamos a idoneidade do momento debater sobre o Marco. O formato, novidoso e arriscado: dimos difusión ao debate e carta aberta a todas aquelas persoas que quixesen expoñer o seu punto de vista, fose cal fose, sobre o futuro do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.



A biblioteca da Escola municipal de artes e oficios quedounos pequena. Baixo a atenta mirada do presentador e moderador, Xosé Carlos L. Bernárdez, puidemos escoitar, entre outras, as opinións de Ania González, Daniela Sarraíno, Mingos Teixeira, Xerome Calero, Ánxel Huete...


O mércores 8 de novembro subimos o pano dun novo grupo de actividades: o cinefórum, ou, como demos en chamalo, o cinemAteneo. O ciclo inaugural xira arredor do uso que o poder fan do medo e a primeira película foi a canadense (Denis Villenéuve, 2010), Incendies. Para a presentación e coloquio contamos coa inestimable presenza da escritora viguesa-kurda Yasmina Shawki e actuou como moderador Emilio Zunzunegui. De novo o aforo do local quedounos escaso e houbo xente que non puido acceder á sala. Unha vez máis vémonos na obriga de encaixar o erro e pedir escusas.


'A apropiación do espazo público: entre a arte e a delincuencia. Evidencias na cidade de Porto' foi o título da marabillosa charla coa que nos deleitou António Monteiro de Oliveira, o 20 de novembro na casa Arines (sede do Instituto Camões en Vigo).


Presentou Carla Sofía Amado (Instituto Camões) e moderou José Luís Mateo. Outra vez afluencia por riba das posibilidades do local e nivel moi alto na conferencia...


No noso afán por diversificar os espazos que propoñemos para as actividades, o 24 de novembro trasladamos as artes do Ateneo á Casa Galega da Cultura. Novo espazo e tamén novo ciclo cunha chea de posibilidades de futuro: 'Pensar a cidade'.

Abrimos co debate 'O Vigo industrial' no que propuxeron as súas teses Xosé Carlos Arias e Xan Carmona con Amelia Pérez de moderadora; neste caso a organización correu a cargo de Lucio Martínez e Emilio Zunzunegui e a presentación de Anxo Cabada. Como non, novo éxito de público e poñentes.


A segunda película do cinemAteneo foi Axenda Oculta, de Ken Loach, cos comentarios de Celso López Pazos e a coordinación de Dori Castro. Como é habitual, segundo mércores de mes (neste caso decembro) e un chanzo máis na bebedeira de éxitos. Reflexión, e constatación de que, por moi ben que vaian as cousas, hai que vivir cos pés no chan.


Xa por fin, o 14 de decembro, na libraría Librouro, novo ámbito de actividades: o literAteneo, un espazo para a literatura no que colaboramos coa presentación do libro de investigación 'El pan y la cruz. Hambre y auxilio social en Galicia durante el primer franquismo', do historiador Lucio Martínez Pereda.


Acompañaron ao autor María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela...

E agora, a pousa de Nadal.
Un par de semanas para dixerir os éxitos do pasado, arrefriar as cabezas, poñer os contadores a cero e comezar a pensar no que será o Ateneo Atlántico a partir de xaneiro.

Iso si, de entrada, propoñémonos cumprir a esencia da declaración fundacional do Ateneo, que de verdade sexa un espazo plural, independente, colaborativo, aberto a todas e a todos. Para dar fe do titular de La voz de Galicia na primeira entrevista ao noso presidente Anxo Cabada ('cantos máis vigueses se sumen ao Ateneo, máis actividades poderemos organizar') uns dos primeiros pasos que daremos será a convocatoria dunha xuntanza xeral de ateneístas para, entre todas, marcar o rumbo do que queremos que sexa o Ateneo, escoitando todas as propostas, creando ámbitos de reflexión e traballo, abrindo os brazos a todas as que queirades colaborar dun xeito máis activo na construción desta ilusión compartida.
E pouco máis. Desexarnos a todos e a todas unhas Boas festas e que 2018 sexa o ano de todos vosoutros e de todas nosoutras, porque así o será, tamén, do Ateneo Atlántico.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/