Amosando publicacións coa etiqueta VisitasGuiadas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VisitasGuiadas. Amosar todas as publicacións

Visita guiada á exposición Antonio Palacios

 

Visita guiada á exposición

Antonio Palacios
Soños de modernidade
Compromiso con Galicia

Venres 25 de febreiro, 17 horas
Museo do Mar de Galicia

Visita previa inscrición cos criterios habituais

O prazo de inscrición abrirase o mércores 16 de febreiro ás 20 horas

ENLACE AO FORMULARIO DE SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN
 

Antonio Palacios Ramilo (O Porriño 1874 - Madrid 1945), arquitecto e urbanista soñou, desde Galicia, con cidades diferentes e máis habitables.

A exposición Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia. rende homenaxe a ao xenial arquitecto galego.

Durante a visita poderemos ver planos de proxectos, fotografías, extractos de prensa do momento que documentan as súas propostas, maquetas dalgunhas das súas obras paradigmáticas (Teatro García Barbón de Vigo, Círculo de Bellas Artes de Madrid ou o Templo do Mar de Panxón), montaxes audiovisuales nas que se amosan imaxes de vellas películas nas que aparecen as súas obras, pezas orixinais elaboradas para a decoración interior dos edificios, etc.

Para máis información podes consultar e mesmo descargar en pdf o catálogo-libro gratuíto publicado polo Museo do Mar:


Tamén podedes ver o vídeo que elaborou a organización da exposición:

 

Lembra que para participar na visita é imprescindible a inscrición previa.
Para facelo tes que cubrir o formulario correspondente

ENLACE AO FORMULARIO DE SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NA VISITA

Visita Exposición: Eduardo Blanco e a ourivería na EMAO

 

Visita guiada á exposición
EDUARDO BLANCO
E A OURIVERÍA NA EMAO

Martes 25 de xaneiro e 1 de febreiro
19.15 horas, na EMAO
Duración aproximada 45 minutos

Inscrición previa
O formulario de inscrición abrirase o venres 21 de xaneiro ás 20 horas
O aforo de cada visita está limitado a 10 persoas
Adxudicación por orde de inscrición con preferencia para persoas asociadas
No caso de haber solicitudes suficientes poderá ampliarse a unha terceira visita
en data a concretar

 ENLACE Á INSCRICIÓN PARA VISITA GUIADA OURIVERÍA NA EMAO

A creación da especialidade de Ourivería na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo veu da man do profesor Ángel Mareque, no ano 1946. Como no caso da posta en marcha doutras especialidades, o inicio deste taller na EMAO veu dar resposta á necesidade de formación de artesáns especializados que cubriran a demanda de persoal para o deseño e fabricación de obxectos de regalo e de culto. A nova disciplina mantívose durante tres décadas como o único lugar de formación desta arte aplicada fóra dos talleres particulares existentes na cidade.

Eduardo A. Blanco, a quen se adica esta exposición, foi alumno de Mareque e continuador do seu labor como mestre da especialidade na Escola dende o ano 1974 ata o 2015, no que se xubilou. Entrara de rapaz no taller creado por Mareque, co que colaborou tamén no seu obradoiro profesional. Acadou, daquela, o 1º Premio de Xoiaría do XII Concurso de Xuventudes de Formación Profesional de Industria e Artesanía (1966) e foi tamén aprendiz de xoiería do ourive Manuel Reboreda Alonso e, durante un curto período, de Perfecto Marcos.

Eduardo tivo durante a súa mocidade un estreito contacto co movemento artístico vigués, con presencia nas Exposicións ao Aire Libre da praza da Princesa, entre 1968 e 1975.

Á par da súa actividade como ourive e mestre desta especialidade, cultiva tamén a escultura, a pintura e o esmalte. A Mostra que presentamos no Espazo EMAO recolle unha parte importante da súa produción artesá e artística nestes campos, que acompañamos dalgunhas obras realizadas tanto polos seus mestres como por alumnado destacado das clases na EMAO.

A especialidade de Ourivaría segue hoxe activa na Escola coa mestra Sandra de Jesús, formando a novas xeracións de persoas con esta inquedanza profesional e artística.

A través das obras expostas de Eduardo A. Blanco queremos amosar o seu amplo traballo nas distintas disciplinas que cultiva e, con el, a excelencia e calidade acadada no labor docente pola Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, ofrecendo aos visitantes as múltiples formas, técnicas e materiais implicados nesta arte.

A información está collida do blog EMAOENLIÑA, onde se pode ampliar.

Nova visita guiada á exposición Un humanismo moderno


Segunda edición da

Visita guiada á exposición

Un humanismo moderno
Colmeiro, Seoane, Picasso, Vertés

 con
Xosé Carlos López Bernárdez
(Comisario da exposición)

Xoves 13 de xaneiro, 18.30 horas
Casa das artes

 Debido ao éxito da primeira convocatoria, e para poder ampliar o número de persoas participantes na actividade, o Ateneo Atlántico comprácese en convocar unha segunda visita guiada á exposición Un humanismo moderno. Colmeiro, Seoane, Picasso, Vertès.
O anfitrión da visita será Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A VISITA

Dado o alto interese que suscita este tipo de visitas, vémonos na necesidade de realizar un proceso de solicitude previa e de selección entre as persoas solicitantes.
Mantéñense os criterios de selección aprobados e que se concretan en dar prioridade (que non será excluínte en ningún dos casos) ás persoas asociadas ao Ateneo Atlántico, a persoas que non participaron nas últimas visitas guiadas, e a orde de inscrición.

ENLACE Á SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN

O prazo para presentar solicitudes abrirase o luns 10 de xaneiro ás 20 horas

Visita guiada ás exposicións de Lodeiro

Visita guiada á exposición

Xeometría e Figura
Recuperando a Lodeiro

 con
Javier Pérez Buján
Chus Lodeiro

Luns 22 de novembro, 18.30 horas
Fundación Laxeiro
19.30 horas Sala Apo'strophe

 O número de asistentes será de 25 persoas, previa inscrición no seguinte enlace:

O prazo de inscrición abrirase o xoves 18 de novembro ás 20 horas
As prazas adxudicaranse por orde de solicitude
Máximo dúas solicitudes por persoa
Terán preferencia as persoas asociadas

 

O seguinte texto, sobre Lodeiro e as exposicións obxecto da visita, foi escrito polo noso compañeiro X.Carlos Bernárdez para o Faro da Cultura do 4 de novembro.

Xeometría e Figura. Recuperando a Lodeiro

A Fundación Laxeiro e a sala Apo’strophe.arte recuperan para Vigo a obra de Xosé Telmo Lodeiro (Vigo, 1931-1996) por medio de senllas mostras: Lodeiro. A xeometría inexacta e Lodeiro: A Figura Transcendida, que se fan coincidir co 25 cabodano do artista.
Trátase de dúas exposicións de contido ben diferente, a primeira centrada no depurado traballo de abstracción xeométrica do artista e a segunda dedicada á súa representación da figura humana, con especial atención a unha serie de obras da súa etapa final.

Lodeiro. A xeometría inexacta

Lodeiro. A xeometría inexacta permite visibilizar o labor do Lodeiro máis depurado e desenvólvese tendo como centro tres lenzos de 1976 e 1979 que o autor titulou cos números 2, 3 e 4, dándolles polo tanto un tratamento serial, como serial semella tamén o motivo e o tema, compostos nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de maneira secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que as dotan dun ritmo intenso. Son cadros elaborados dando importancia central á captación lumínica que parecen xurdir das formas, semellando que estas posuísen unha propia fonte de luz.

O resultado -lembremos que as obras teñen máis de corenta anos-, nunha primeira ollada, é unha obra dunha contemporaniedade plena, que nos evoca unha vertente da pintura actual preocupada por ligar este ámbito de captación coa investigación formal herdeira das vangardas históricas, porén, o conxunto de traballos sobre papel -15 debuxos- e lenzos expostos mostran unha fasquía dunha modernidade e actualidade absolutas, como acabadas de saír do obradoiro do pintor.

É a de Lodeiro unha pintura moi interesada na investigación sobre a cor e a percepción visual, que experimenta coa luz e os reflexos e sobre todo centrada na captación dos ritmos. O pintor leva adiante un proceso de deconstrución de forma e cor, non só nun sentido xeometrizante -aínda que as procuras xeométricas son ben evidentes na súa concepción plástica- senón baseado en ritmos máis sutís, como se se tratar dunha rima interna, por usarmos un termo poético que lle acae moi ben ao sentido profundo da pintura do artista vigués.

Do mesmo xeito que no mundo arquitectónico, do que se trata na obra de Lodeiro é dunha ordenación consciente, que presta atención a unidades “elementais” que dialogan por medio dun alfabeto plástico. O resultado, como o tratamento serial evidencia, sería unha “produción”, por usarmos un termo caro ás vangardas soviéticas dos anos vinte, mais unha produción que ten moito de poética, dunha poeticidade das formas, produto da exploración de moi variados ámbitos que afectan a forma e a súa sociabilidade, é dicir que adoptan o seu pleno sentido ligadas á súa función social.

Rostros transcendidos

De xeito ben diferente tamén sorprenden as obras figurativas da sala Apo'strophe.arte, entre as que hai un conxunto de obras inéditas da etapa final do artista que combinan o rigor xeométrico e cromático cun certo art pop que evoca un mundo de referencias visuais do tempo de elaboración destas pinturas. A relación abstracción-figuración ou o uso da cor en canto elemento de expresión e de composición son algunhas das cuestións en que este tipo de traballos incide. Na súa obra final -realizada na década dos noventa-, e en particular na serie de rostros que agora podemos contemplar por primeira vez, o artista, sen negar estes presupostos, modula un novo ciclo creativo conformando un universo de tenso cromatismo, que procura dunha captación intensa. É a súa unha pintura feita de rigorosa análise. As faces que pinta Loreiro son, xa que logo, concreción do visíbel, mais non do real, e para a súa realización o pintor sabe que o visíbel comeza co cromatismo e a luminosidade e que o cadro debe iluminar no duplo sentido de permitir a representación e de revelar, un sentido ben profundo que fica alén da simple reprodución dunha determinada figura ou obxecto. A simplicidade de esquemas, combinada coa contundencia plástica, conforma un universo que nos transporta do plástico ao emocional. Lodeiro consegue que uns presupostos formais repetidamentes tratados ao longo da historia da arte acaben en formas dunha contundencia e capacidade de comunicación plena, en que a cor atinxe unha contida capacidade emotiva e reforza certa sensación de estrañamento, claramente procurada e lograda

Información das exposicións:

Títulos: Lodeiro. A xeometría inexacta e Lodeiro: A Figura Transcendida
Comisariado: Javier Pérez Buján e Ruth Lodeiro
Locais: Fundación Laxeiro, Casa das Artes, Concello de Vigo e Apo’strophe.arte, Praza Elíptica, Vigo
Até o 16 de xaneiro de 2022

As visitas serán guiadas por Javier Pérez Buján (Director artístico da Fundación Laxeiro) e Ruth Lodeiro (filla do artista), ambos comisarios da exposición.

Visita guiada á exposición Un humanismo moderno

 
Visita guiada á exposición

Un humanismo moderno
Colmeiro, Seoane, Picasso, Vertés

 con
Xosé Carlos López Bernárdez
(Comisario da exposición)

Martes 16 de novembro, 18.30 horas
Casa das artes

PECHADA A INSCRICIÓN. AFORO COMPLETO

Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertès, está organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.

A mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que os traballos do noso exilio.

Na obra de Colmeiro e Seoane os ecos picassianos son tamén evidentes e no contexto da nosa diáspora esta escolla non é soamente unha opción estética senón tamén política, porque Picasso realizara en 1937 o Guernica comprometido coa República acosada en plena Guerra Civil e era, nos anos da II Guerra Mundial, un artista que, en palabras do escritor Lorenzo Varela “nos señala la puerta maravillosa, la salida digna, la ventana por la que dar el salto a la Europa nuestra del futuro”. O malagueño era xa un referente cívico e estético de indubidábel prestixio e cunha ben sinalada capacidade de influencia. Alén diso, o neoclasicismo arcádico picassiano tiña outras connotacións que o facían atractivo desde estas posicións ideolóxicas porque se podía apelar por medio del a un substrato colectivo de feliz equilibrio entre a natureza e a realidade humana, brutalmente ceifada polas ditaduras fascistas.

A visita será guiada por Carlos L. Bernárdez, co-comisario da exposición.

O máximo de asistentes será de 20 persoas, previa inscrición.

Visita guiada: A cultura africana

Visita guiada á exposición
A cultura africana
Con Ibrahima Niang
Xoves 18 de xuño, 18.30 horas
Casa das palabras (Verbum)

O Ateneo Atlántico prácese en convocar unha visita guiada á exposición A cultura africana que se está a desenvolver na Casa das palabras de Vigo (Verbum).
O noso guía será Ibrahima Niang, coordinador da exposición.
A visita será o xoves 18 de xuño a partir das 18.30 horas.
A duración aproximada da visita é de arredor de unha hora.
O máximo de participantes será de 20 persoas.
A visita realizarase con reserva previa a través do seguinte formulario:


O prazo para a inscrición será do martes 9 ás 20 horas ata o martes 16.
O máximo de inscricións por formulario será de dúas persoas.
No caso de houberen máis de 20 solicitudes, o proceso para a adxudicación das prazas será o habitual. Se houbese suficientes solicitudes organizaríase unha segunda quenda en data a determinar.

Guía da exposición

A EXPOSICIÓN
Durante séculos a diversidade e a calidade da artesanía africana foron descoñecidas no mundo en xeral. Hoxe, o descoñecemento crece para moitos debido á súa pertenza ao mundo misterioso dos tesouros secretos que hai que descubrir.
A mostra “A cultura Africana” quere compartir a riqueza cultural dun pobo, a súa permanente ambigüidade que é a imaxe da súa verdadeira vida. E faino a través de instrumentos rituais, obxectos de culto, máscaras, etc.
Ao mesmo tempo, preténdese que a arte africana non se vexa só dende unha concepción occidental; por iso é preciso aplicar aquel consello de amigo africano que recomenda que “non se pode xulgar cunha mentalidade occidental, una creación africana”.
Por último, resaltar a importancia que ten dar a coñecer o continente africano para descubrir modelos de vida, de pensamentos e de acción diferentes aos nosos.

Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos

Manuel Colmeiro. Espazos e Encadramentos
Visita guiada á exposición do MARCO
Con Xosé Carlos López Bernárdez (Comisario)
Venres 28 de febreiro, 18.30 horas
(Inscrición previa. Punto de cita: billeteira do museo)
Museo MARCO

Producida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e comisariada por Xosé Carlos L. Bernárdez, a exposición Manuel Colmeiro, Espazos e Encadramentos estará no MARCO entre o 24 de xaneiro e o 24 de maio de 2020.
O Ateneo Atlántico ofrece unha proposta excepcional: a visita á exposición, guiada polo propio comisario: Xosé Carlos López Bernárdez. Será o venres 28 de febreiro ás 18.30 horas.
A visita terá unha duración aproximada de 1 hora e a participación será, exclusivamente, con inscrición previa no seguinte formulario:


O prazo de inscrición abrirase o martes 25 de febreiro, ás 20 horas, e permanecerá aberto ata que se cubran as 30 prazas das que consta a visita.
Dada a especificidade da actividade, non se admitirán máis asistentes que as 30 persoas inscritas (e confirmadas polo Ateneo) a través do formulario.

(Paisaxe, Colmeiro, 1935, Óleo sobre lenzo, 65.5x82cm, Colección familia Colmeiro)

Conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra Espazos e Encadramentos configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.

O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.

Espazos e encadramentos fai fincapé nos contextos, nos diálogos con outros actores, na súa inserción dentro das correntes estéticas coas que convive o pintor e nos diferentes espazos xeográficos e culturais onde desenvolveu a súa longa traxectoria vital e artística.

Todo isto, e máis, poderemos gozalo da man de X. Carlos Bernárdez o venres 28 de febreiro.
 
Máis información, na páxina do Marco 

Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958).
Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte.
Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas.
Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura (De catro a catro de Manuel Antonio, 1991, Edicións do Cumio; Eduardo Blanco-Amor, Sempre en Auria, 1993; Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora, 1995 ou Lorenzo Varela: Biografía e antoloxía, 2005, Ed. Xerais) e no campo das artes (Breve historia da arte galega, 2005, Nigra; Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, 2011, Fundación Novacaixagalicia, Vigo; Manuel Colmeiro, 2011, Galería Montenegro, Vigo; Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, 2012, Nigra).
Como comisario ten organizado exposicións con importante repercusión no eido da cultura galega, ás que hai que engadir esta de Manuel Colmeiro.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/