Amosando publicacións coa etiqueta Social. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Social. Amosar todas as publicacións

cinemAteneo: Diários de Otsoga

Como proposta final de tempada traemos unha película que, como un dos seus directores dí “É como un diario do peche, pero tamén é un diario anti-confinamento.” 

cinemAteneo

DIÁRIOS DE OTSOGA
De Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes

Luns 13 de xuño, 19.45 horas
Multicines Norte

Esta idea de punto e á parte é a que queremos recoller nesta sesión, aproveitando para facer unha reflexión dos cambios que nos trouxo o confinamento no ámbito do cinema. A recente nova de que os Cines Norte van reducir os días de exhibición de venres a luns fai que se acendan as alarmas de todos os amantes do cinema desta cidade. 

Convidámosche a unirche á conversa o vindeiro luns 13 de xuño ás 19:45h nos Cines Norte coa película “Diários de Otsoga”.

A PELÍCULA: DIÁRIOS DE OTSOGA

Argumento

Crista, Carloto e João están a construír un aireado invernadoiro para bolboretas no xardín. Os tres  comparten rutinas do fogar, día tras día… E non son os únicos. 

“Todo comezou co desexo de facer algo compartido; cando a xente estaba a filmar cun teléfono na  súa casa. Todo o mundo estaba a facer iso, así que pensamos: "Isto está ben, é comprensible e ten  como resultado boas películas". Pero queriamos facer outra cousa: unha película de confinamento,  pero xuntos, filmada en celuloide en lugar de en dixital. Máis tarde comprendémolo, cando nos  fomos a esta casa e fixemos as probas PCR. O que realmente queriamos era vivir e facer unha  película xuntos, como unha reacción a esta idea do confinamento. [...] É como un diario do peche,  pero tamén é un diario anti-confinamento.” Miguel Gomes, un dos co-directores nunha entrevista  sobre o filme. 

Os Directores

Maureen Fazendeiro (1989) é unha cineasta e guionista francesa afincada en Lisboa. Estudou  literatura, arte e cinema na Universidade Denis Diderot de París e traballou na editorial  Independencia. As súas películas Motu Maeva (2014) e Sol Negro (2019) foron seleccionadas en  festivais internacionais de cinema como FID Marsella, Toronto, Mar do Prata, Viennale, Valdivia,  DocLisboa, Vila do Conde, Turín, Xixón... e proxectáronse en cinematecas, museos e feiras de arte  ( MoMa, Biennale dei Veneza, Aichi Triennale, FIAC París...). Traballa co medio cinematográfico e  é membro de L'Abominable, un laboratorio dirixido por artistas con sede en París. A súa  colaboración con Miguel Gomes comezou en 2014 cando traballou como directora de casting para  a rodaxe en Francia de As Mil e Uma Noites. Despois colaborou como guionista nos seu seguinte proxecto, Selvajaria. 

Miguel Gomes naceu en Lisboa, Portugal en 1972. É director, guionista, crítico de cinema e  publicou numerosos artigos de teoría cinematográfica. Estudou na Escola Superior de Teatro e  Cinema - IPL da súa cidade natal. A súa primeira longametraxe, A cara que mereces (2004), é  unha comedia que se desenvolve nunha especie de conto sobrenatural. O seu segundo longo,  Aquel Querido Mes de Agosto (2008), é un película sobre amores contrariados entra unha cantante  e o seu primo. Tabú (2012), un drama sobre unha muller retirada e gravada en Mozambique,  mostrar a capacidade do colonialismo de adormentar o pobo e a violencia da descolonización. Gomes recentemente presenta As Mil e Unha Noites (2015: Volume 01, O Inquieto; Volume 02, O Abatido; Volume 03, O Encantado), unha triloxía de máis de seis horas de duración rodada en terras  musulmás e gregas, que mestura a maxia oriental, a crise económica e a historia de Portugal. A  película foi estreada este ano no Festival de Cannes e é o filme co que Portugal compite aos  recoñecidos premios Óscar.

Ficha Técnica

Dirección, Maureen Fazendeiro, Miguel Gomes
Guión, Maureen Fazendeiro, Miguel Gomes, Mariana Ricardo
Fotografía, Mário Castanheira
Edición, Pedro Filipe Marques
Son e Música, Arturo B. Fress
Produción, O Som e a Fúria, Uma Pedra no Sapato
Duración, 102 minutos
Ano de produción, 2021

Máis sobre a película:

Entrevista en Cineuropa

Entrevista no Film at Lincoln Center

Entre vista no Notebook Mubi

Entrevista en Film Comment

cineMateneo. Sacar á luz


 SACAR Á LUZ

Memoria das rapadas

Martes 14 de decembro 20 horas
Multicines Norte
cinemAteneo
Presenta Montse Fajardo

Na liña iniciada na última sesión (Billy), de recuperación da memoria histórica a través de documentais realizados na actualidade, o Ateneo Atlántico organiza a presentación de Sacar á Luz, Memoria das rapadas.

A proxección, co coloquio posterior, terá lugar o martes 14 de decembro, ás 19 horas, nos Multicines Norte (Vía Norte, Vigo)

Os Multicines Norte ofrecen a posibilidade de facer a compra anticipada de entradas en:

Enlace á Web de Multicines Norte para compra anticipada de entradas

 A película

Sacar á luz é un moi suxestivo título para un documental polo que ten de crear expectativa respecto ao que está oculto, agochado, o que é non nato.

Pero se de memoria histórica falamos, engadimos o tráxico compoñente de todo aquilo que foi silenciado, que non se transformou en relato porque permaneceu oculto nas gorxas das vítimas por medo, por pánico, por vergoña ou por sentimento de culpa.

Nun exercicio de dignificación social, as irmás Gema e Mónica del Rey Jordá (artistas integrantes de Art al Cuadrat) e a psicóloga e antropóloga María Dolores Martín Consuegra Martín Fontecha, realizan o documental co devandito título, nomeado a 7 premios Goya na actual edición.

Nel relátanse as memorias de mulleres que foron rapadas durante o franquismo, xunto con testemuñas das súas fillas e netas, así como de persoas investigadoras sobre o tema; a través dun exercicio inter-xeracional vanse debullando as causas e consecuencias do silencio.

O rapado do cabelo escondía as humillacións, desprezos, torturas, violacións e os desfiles moitas veces baixo os efectos do aceite de ricino. Unha vez máis, utilizar o corpo da muller para humillar os vencidos.

A cinta relata o sufrimento que marcou a vida de varias xeracións, nun fío que pretende ter un efecto terapéutico e pedagóxico para toda a sociedade e dar a coñecer o pasado para dignificar as vítimas.

Para que non nos asolague un Río de Esquecemento, para curar os hematomas dos ósos baixo terra que non serán po mentres non se saque á luz o que agocharon. Por iso a necesidade de documentais como o que agora o Ateneo Atlántico presenta.

 Montse Fajardo

A presentación da película correrá a cargo de Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), xornalista e escritora galega.

Despois de estudar Ciencias Políticas e da Administración e de facer un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, comezou a traballar como periodista en diferentes medios de comunicación, primeiro no Salnés, e logo a nivel galego. As súas colaboracións asoman tanto desde medios escritos como radiofónicos.

Motse forma parte do equipo do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra para dar a coñecer en centros educativos as consecuencias da sublevación en Galicia; a súa participación é coa charla "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36".

Presentación libro. Clase y política en España

 

Presentación do libro

CLASE POLÍTICA EN ESPAÑA (1996-2008)
de MODESTO GAYO

Remedios Copa
Xosé Mahou

Mércores 24 de novembro
19 horas, biblioteca da EMAO

 O mércores 24 de novembro, ás 19 horas, e na biblioteca da EMAO, o Ateneo Atlántico presenta o libro Clase y política en España I (1986-2008), de Modesto Gayo (editorial Siglo XXI España, 2021).

Modesto Gayo é catedrático de socioloxía na Universidade Diego Portales de Santiago de Chile.
Ademais de docente, a día de hoxe é investigador adxunto do Centro de Estudos de Conflito y Cohesión Social (COES).
As sus áreas de especialización son, entre outras, as teorías da clase media, a desigualdade cultural, a reprodución social e o estudo das prácticas da riqueza e das elites.

Neste libro, subtitulado Estrutura social e clase media na democracia pos-transicional, e prologado por Alberto Garzón, realiza un profundo estudo sociolóxico da clase media española e do seu comportamento político.

Ademais de profundar nas teorías e debates sobre a clase media, Modesto Gayo afonda no seu comportamento político, as súas actitudes e valores, e a relación entre o emprego e o voto, tomando para esta última análise o caso español no período comprendido entre 1986-2008.

Tampouco escapan ao estudo do autor, a estabilidade do votante e a continuidade do sistema de partidos, a evolución ideolóxica da clase media e a súa participación e implicación nas organizacións políticas y sindicais.

Gayo, no seu libro, degrae os patróns importantes do comportamento político da clase media e vai máis alá das habituais análises, incorporando diferentes temáticas que lle permiten extraer conclusións multidimensionais.

En palabras do autor “non abonda con subliñar diferencias parciais cando un cadro xeral é empiricamente máis completo e pode matizar en diferentes grados ou contradicir teses derivadas de investigacións monotemáticas”.

 

Ciclo Decrecemento. Alternativas e solucións

 

Ciclo Decrecemento
ALTERNATIVAS E SOLUCIÓNS

Miguel Anxo Abraira
Mario Pansera

Presenta Remedios Copa

Xoves 18 de novembro
19 horas. Salón de actos da ONCE

 Convencidos de que o crecemento infinito é materialmente imposible nun planeta finito, o Ateneo Atlántico únese á Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo na organización dun ciclo de conferencias de divulgación que poñan de manifesto tanto a imposibilidade do crecemento infinito como a posibilidade (a necesidade) dun xiro cara ao Decrecemento.

No día de hoxe chegamos ao final do ciclo coa actividade na que Miguel Anxo Abraira e Mario Pansera presentan as conclusións do ciclo en forma de "alternativas e solucións" á sociedade do crecemento infinito.

Miguel Anxo Abraira é presidente da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo, organizadora, xunto co Ateneo Atlántico, do ciclo.
Mario Pansera é Doutor en Manaxement e Investigador no ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) na Universidade de Vigo.
Presenta o acto, como vén sendo habitual, a nosa compañeira Remedios Copa, vocal na Xunta Directiva do Atneo e representante en Vigo da Rede para o Decrecemento.

O acto terá lugar o 18 de novembro, xoves, ás 19 horas, no salón de actos da sede da ONCE en Vigo (Gran Vía 16).

PROGRAMA COMPLETO DO CICLO

A crise enerxética
Xoves 14 de outubro

Xoán Ramón Doldán
Decano da Facultade de CC Económicas
e empresariais da USC

Presenta Remedios Copa
Da XD do Ateneo e representante da Rede en Vigo


Repercusión da crise enerxética
no sector da alimentación

Xoves 21 de outubro

Begoña de Bernardo
Enxeñeira agrónoma
Presidenta de Véspera de Nada

Presenta Remedios Copa

Tecnoloxización e Decremento
Mineiría extractiva de terras raras

Xoves 28 de outubro

Xulio Carmona
Coordinador confederal da área de dixitalización
e contaminación electromagnética de
Ecoloxistas en Acción

Iolanda Mato
Educadora ambiental. Fundação Montescola

Presenta Remedios Copa
 
 
O Antropoceno e a crise
medioambiental

Xoves 11 de novembro

Xabier Pumariño
Biólogo e Consultor ambiental

Montse Valencia
Asesora xurídica ambietalista
Ecoloxistas en acción

Presenta Remedios Copa

 
Decrecemento:
alternativas e solucións

Xoves 18 de novembro

Miguel Anxo Abraira
Presidente da Rede para o Decrecemento


Mario Pansera
Doutor en Manaxement e Investigador no ECOBAS (UVI)

Presenta Remedios Copa

 

Tecnoloxización e decrecemento

CICLO DECRECEMENTO

Tecnoloxización e decrecemento
Minería extractiva de terras raras
Iolanda Mato
Xulio Carmona
Xoves 28 de outubro, 19 horas
Salón de Actos da ONCE
Presenta Remedios Copa

Este xoves, 28 de outubro, terá lugar a terceira conferencia do Ciclo Decrecemento, organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo e a Rede para o Decrecemento, Eo-Navia, Galiza, O Bierzo.

Este ciclo de conferencias, coordinado por Remedios Copa Sánchez, organízase desde o convencemento de ambas organizacións de que o crecemento infinito é materialmente imposible e con elas preténdese divulgar datos e información científica que poñan de manifesto a urxente necesidade dun xiro cara ao Decrecemento, desde a evidencia da emerxencia climática e a limitación de materiais imprescindibles para seguir o ritmo actual de crecemento continuo.

A conferencia titulada “Tecnoloxización e decrecemento: Minería extractiva e terras raras” que se levará a cabo no Auditorio da ONCE, en Gran Vía 16, ás 19 horas, estará a cargo de Iolanda Mato e Xulio Carmona, ambos con amplos coñecementos en investigación sobre o tema.

Iolanda Mato centrará a súa intervención na actual situación dos límites planetarios recoñecidos para conservar o espazo seguro para o desenvolvemento humano e a vida no planeta. Fará un repaso en cifras dos requirimentos tecnolóxicos actuais e futuros da 4ª revolución industrial, e de como ese crecemento extractivo feroz é incompatible coas reservas de materia prima, os impactos medioambientais e a saúde.
Tamén examinará a deriva extractiva da estratexia European Green Deal e como os seus impactos sobrepasan os límites biofísicos do planeta, e a necesidade de reevaluar os camiños e alternativas a tomar.

Pola súa banda, Xulio Carmona porá en cuestión o novo ciclo produtivista insustentable da 4ª revolución industrial (as redes 5G, Internet das cousas, Big data, Intelixencia artificial, Robotización,…), que, lonxe de ser inocuos e sustentables, veñen presentándonolos co binomio publicitario de “verde dixital”, encubrindo o seu impacto exponencial tanto no terreo ambiental, da saúde e do control social, e afondará na actual crise ecosocial.

O acceso é gratuíto ata completar aforo.

Ciclo Decrecemento

 


Convencidos de que o crecemento infinito é materialmente imposible nun planeta finito, o Ateneo Atlántico únese á Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo na organización dun ciclo de conferencias de divulgación que poñan de manifesto tanto a imposibilidade do crecemento infinito como a posibilidade (a necesidade) dun xiro cara ao Decrecemento.

O ciclo desenvolverase entre os meses de outubro e novembro de 2021 co programa que especificamos a continuación.

As charlas serán ás 19 horas, nos días que se sinalan, e o lugar de celebración, o salón de actos da sede da ONCE en Vigo (Gran Vía 16).

 

A crise enerxética
Xoves 14 de outubro

Xoán Ramón Doldán
Decano da Facultade de CC Económicas
e empresariais da USC

Presenta Remedios Copa
Da XD do Ateneo e representante da Rede en Vigo


Repercusión da crise enerxética
no sector da alimentación

Xoves 21 de outubro

Begoña de Bernardo
Enxeñeira agrónoma
Presidenta de Véspera de Nada

Presenta Remedios Copa

Tecnoloxización e Decremento
Mineiría extractiva de terras raras

Xoves 28 de outubro

Xulio Carmona
Coordinador confederal da área de dixitalización
e contaminación electromagnética de
Ecoloxistas en Acción

Iolanda Mato
Educadora ambiental. Fundação Montescola

Presenta Remedios Copa
 
 
O Antropoceno e a crise
medioambiental

Xoves 11 de novembro

Xabier Pumariño
Biólogo e Consultor ambiental

Montse Valencia
Asesora xurídica ambietalista
Ecoloxistas en acción

Presenta Remedios Copa

 
Decrecemento:
alternativas e solucións

Xoves 18 de novembro

Miguel Anxo Abraira
Presidente da Rede para o Decrecemento


Mario Pansera
Doutor en Manaxement e Investigador no ECOBAS (UVI)

Presenta Remedios Copa

Literatura, Ecoloxía e Compromiso

CONVERSAS LITERARIAS
Literatura, Ecoloxía e Compromiso
Valentín Carrera
Oriana Méndez
Xoves 17 de xuño, 19 horas EMAO

O próximo 17 de xuño, xoves, ás 19 horas, na EMAO, e dentro do formato Conversas Literarias, Oriana Méndez e Valentín Carrera conversarán arredor do tema Literatura, ecoloxía e compromiso.

A entrada será libre ata completar o aforo do local, sometido ás actuais restricións motivadas polo Covid.

Concepción Arenal. Xustiza, Dereito e Liberdade

 

O MUNDO DO PORVIR:
BICENTENARIO DO NACEMENTO DE CONCEPCIÓN ARENAL PONTE (1820-2020)
XUSTIZA, DEREITO E LIBERDADE

Xoves 29 de outubro, 18 horas
Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Consello da Cultura Galega
Ateneo Atlántico
Marco 

 O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol a pensadora e escritora Concepción Arenal Ponte. Douscentos anos despois do seu nacemento, queremos conmemorar esa efeméride analizando o seu legado e valorando a súa vixencia, con rigor e tratando de evitar os anacronismos, coa finalidade de difundir a súa obra e pensamento, entre un público interesado, mais non só especializado, para que se coñeza, máis alá do seu nome e dalgunhas frases soltas descontextualizadas, e en especial aquelas ideas que, aínda hoxe, gozan de maior actualidade e interese. 

Ante esta efeméride, o Consello da Cultura Galega organiza un percorrido retrospectivo pola súa biografía e obra visitando os lugares do país que máis a marcaron: Ferrol, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.

O Ateneo Atlántico quere unirse á homenaxe á figura tan destacada da nosa historia, cuxa fonda pegada aínda permanece; para iso colabora co Consello da Cultura Galega na organización do acto que se celebra en Vigo e que leva por título:

Xustiza, Dereito e liberdade 

Vigo é o lugar onde morreu e está enterrada Concepción Arenal, mais tamén constitúe o espazo onde transcorreron os últimos anos da súa vida, co desenvolvemento dun importante traballo intelectual de madurez, até o final dos seus días, plasmado en numerosos e moi diversos traballos. Analizaremos o seu legado no ámbito xurídico, en dous dos aspectos aos que dedicou un maior esforzo de teorización:
o Dereito Penal e Internacional; as súas ideas sobre o sentido das penas e a xustiza universal.

O acto terá lugar no salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o xoves 29 de outubro a partir das 18 horas.

Programa

Celia Pereira Porto, avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento do CCG
Coordinadora.
Contextualización biográfica e intelectual.

Gonzalo Quintero Olivares, catedrático adhonorem da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona
Concepción Arenal no pensamento penal do seu tempo

Eloy Gayán Rodríguez, profesor titular de Dereito Internacional Privado e de Dereito de Estranxeiría da Universidade da Coruña.
Carta a Concepción desde a Europa actual
.

Preme na imaxe para acceder ao pdf do acto
pdf do acto 

 Inscrición

Dadas as dificultades creadas polos momentos que estamos a pasar, e atendendo á lexislación vixente, o aforo do acto estará limitado a 35 persoas.

A presenza ao acto será por rigorosa orde de inscrición.

A inscrición realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo do Ateneo Atlántico:

(ateneoatlantico@gmail.com)

No correo farase constar o nome da persoa que realiza a inscrición, o número de persoas para as que reserva praza e un número de teléfono de contacto.


CinemAteneo. A visitadora de cárceres

 Mércores 11 de marzo, 19.40 horas
CinemAteneo
Concepción Arenal
(A visitadora de cárceres)
Presenta: Carmen Becerra
Multicines Norte


Neste ano no que se conmemoran os douscentos anos do nacemento de Concepción Arenal, o Ateneo Atlántico quere sumarse aos múltiples recoñecementos que se lle están a dedicar por todos os recunchos do país a esta pioneira do feminismo en Galicia e en España.

Ademais do acto do venres 6 de marzo (Concepción Arenal, vida, pensamento e acción), e dalgunha que outra sorpresa que gardamos para máis adiante, a comisión de cine do Ateneo decidiu dedicar a sesión do cinemAteneo de marzo a esta excepcional muller.

E, para iso, imos proxectar a película Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, producida por Televisión Española en 2012.A película narra o período de mediados do século XIX en que Concepción Arenal, avogada, feminista e escritora, dedicou parte do seu tempo á función de visitadora de cárceres na prisión de mulleres da A Coruña. Este período será fundamental para configurar o seu pensamento e dará como resultado algunhas das súas obras clave; as reflexións e escritos desta fase da ferrolá servirán de base para a reforma do sistema penitenciario español.

Ficha técnica
Título orixinal: Concepción Arenal, la visitadora de cárceles
Ano: 2012
Duración: 80 min.
País: España
Dirección: Laura Mañá
Guión: Laura Mañá, Rafa Russo
Música: Francesc Gener
Fotografía Sergi Gallardo
Reparto: Diana Gómez, Blanca Portillo, Mabel Rivera, Òscar Rabadan, Pere Arquillué
Produción: Distinto Films / Zenit TV / Televisión de Galicia (TVG) / Canal Sur Televisión / ICIC Sinopse: TV Movie sobre Concepción Arenal na súa faceta como visitadora de cárceres de mulleres. A súa loita por cambiar a concepción que había sobre os delincuentes e o que tiñan que ser os cárceres modernos. (FILMAFFINITY)
Premios 2013: Premios Gaudí: Nominada a Mejor película para TV.

Para a presentación contaremos con Carmen Becerra Suárez, doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Santiago de Compostela e profesora titular de “Teoría da literatura e Literatura comparada” na Universidade de Vigo. Coordinadora do grupo "literacine" da Universidade de Vigo que organiza os Congresos bianuais de “Cine e Literatura”.

O Ateneo Atlántico quere agradecer a Distinto Films produccións e a RTVE a cesión dos dereitos de exhibición da película.

A importancia da escola laica

Ciclo sobre o laicismo
A importancia da escola laica
Con Francisco Delgado Ruíz
Presenta Rosa Pascual
Martes 28 de xaneiro, 19,30 horas
Salón de actos da ONCE
 

Despois da presentación do ciclo sobre o laicismo o pasado novembro (De Marianne ás torres xemelgas), hoxe é o momento de avanzar na reflexión e centrarnos nun tema tan importante como polémico e apaixonante: a importancia dunha escola laica.
Para axudarnos na reflexión contamos con Francisco Delgado Ruíz, que será presentado por Rosa Pascual.

Francisco Delgado Ruiz é psicólogo industrial e licenciado en relacións laborais e saúde laboral. Traballou durante anos en artes gráficas como tipógrafo e despois nunha entidade financeira. En 1976 Felipe González encargoulle a reorganización do PSOE en Albacete. Foi deputado nas Cortes Constituíntes en 1977 e senador na lexislatura de 1979 polo PSOE, partido que abandonou en 1999. Tamén foi tenente de alcalde na cidade de Albacete (1991-1995). Foi líder sindical da UGT, presidente da Confederación Española de Asociacións de pais de alumnos (CEAPA), membro durante 15 anos do Consello Escolar do Estado e durante 3 anos do Consello Escolar de Castilla-La Mancha Foi presidente da asociación Europa Laica
Ten numerosas publicacións no eido do laicismo e, en concreto, na defensa (e necesidade) dunha escola laica. Algunhas das súas publicacións son:
  • 1997 - La escuela pública amenazada. Dilemas en la enseñanza , Madrid, Editorial Popular.
  • 1988 - Guía para la formación activa de madres y padres (con Otazu, F., Chazarra, A.), Madrid, CEAPA.
  • 2001 - La escuela pública como agente igualador, o no, en el nuevo escenario social , en Los retos de la enseñanza pública , José Gimeno Sacristán (coord.), Akal, 2001.
  • 2006 - Hacia la Escuela Laica , Ediciones del laberinto.
  • 2009 - Europa laica. La lucha por construir un Estado laico , en Antología laica. 66 textos comentados para comprender el laicismo , Henri Peña-Ruiz y César Tejedor de la Iglesia, Ediciones Universidad de Salamanca,
  • (2011) "Aprender sin dogmas" -coautor- Editorial Milrazones 2014- Evanescencia de la escuela pública. Asociada al desmantelamiento progresivo de la democracia , Editorial Cultivalibros
  • (2015) - "La cruz en las aulas" Colección AFONDO. AKAL Editorial
  • (2019) TEJARES 13 - Memorias entre dos siglos, ensayo autobiográfico - Altaban Editores


Conversa: A morte de Galicia

Ciclo: Repensar Galicia
Conversa: A morte de Galicia
Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés
Presenta: Manuel Bragado
Martes 21 de xaneiro de 2020, 19.30 horas
Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios

Cumprindo co seu compromiso de potenciar a análise crítica e a reflexión sobre os problemas contemporáneos, dos máis xerais aos máis locais, e ante a importancia para Galicia deste 2020 que vimos de inaugurar, o Ateneo Atlántico presenta un ciclo de actividades baixo o título xenérico de Repensar Galicia.
A intención é invitar a diferentes especialistas en moi diversos ámbitos de interese como poden ser a economía, os montes galegos, o envellecemento da poboación, a emigración, a identidade propia ou as novas realidades de Galicia nos albores de século XXI.

Á primeira proposta para a análise xira arredor do libro A morte de Galicia (Isidro Dubert, Ed. Xerais), subtitulado O medo ao envellecemento e o agocho da emigración.
O acto consistirá nunha conversa entre o autor, Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés, colaboradora no libro, moderados por Manuel Bragado e terá lugar o martes 21 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, na biblioteca da Escola municipal de artes e oficios.


A obsesión que o groso das elites sociais, políticas e culturais amosan desde hai máis dunha década polo suposto 'inverno demográfico' que asola Galicia, coincide no tempo co inicio da quinta vaga migratoria que sacode o país ao longo da súa historia. É a primeira da democracia, e chega pasados trinta anos da ocorrida entre os anos 1950 e 1975, despois do gasto de cuantiosas axudas europeas destinadas desde 1986 a crear emprego, e afecta a máis de 380.000 mozos e mozas, un de cada dous con estudos medios ou superiores.
A resposta das autoridades galegas a esta importante perda de capital humano e do seu potencial demográfico constituíu na difusión social do fatalismo. Unha ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar aos vellos e ás mulleres da pronta 'morte de Galicia'.
A proposta de A morte en Galicia, e do acto do Ateneo, é un exercicio de reflexión de 'historia crítica' que contrasta o pasado e o presente, o que foi e o que nos din que é, e será Galicia. O resultado amosa a enorme capacidade que a vellez e a emigración supuxeron para vertebrar a nosa historia, e xa que logo, para configurar o presente que estamos a vivir. Un presente que, coma o noso futuro, nada ten que ver con esa 'morte' de Galicia predicada polos partidarios do fatalismo.
Isidro Dubert é catedrático de Historia moderna da Universidade de Santiago e autor do libro que hoxe traemos a debate.
Antía Pérez Caramés é doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña e colaboradora do libro.

A Asociación Cultural de Vigo


Lembranza-Homenaxe á Asociación Cultural de Vigo
Con Camilo Nogueira e Xosé Luís Franco Grande
Modera: Ricardo Gurriarán
Martes 17 de decembro, 19.30 h. Biblioteca da Emao

O próximo martes 17 de decembro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (García Barbón), e co título 'Asociación Cultural de Vigo. Unha imprescindible achega á cultura da nosa cidade dos 60 e 70' o Ateneo Atlántico organiza un acto de lembranza e homenaxe á Asociación Cultural de Vigo. O acto consistirá nunha conversa entre dous persoeiros que no seu momento foron presidentes da Asociación: Camilo Nogueira e Xosé Luís Franco Grande. Actuará como presentador e moderador Ricardo Gurriarán, investigador especializado en asociacionismo en Galicia.

O Ateneo Atlántico quere render homenaxe a unha Asociación que entendemos imprescindible para entender a cultura galega e os movementos culturais de Vigo dos anos 1960 e 1970, nuns momentos que resultaron de especial dificultade para todo o que cheirase minimamente a Cultura e a Galeguidade.

A Asociación Cultural de Vigo, rexistrada en decembro de 1965 por un grupo de persoas de perfil ideolóxico diverso, con predominio do nacionalismo, naceu, como apuntaban os promotores, co desexo de “... fomentar, promover e desenrolar todas aquelas manifestacións culturás propias dunha cidade nova e puxante coma Vigo (...) o cultivo da cultura propia da Terra da que somos parte, require a primeira das nosas atencións. Consideramos que a fala galega, de tódalas manifestacións da nosa peculiaridade, é a que merez unha atención especial.”

A pesar de transitar entre prohibicións, multas e o ferreo control censor exercido polo Goberno Civil e o Ministerio de Información e Turismo da época, esta iniciativa tivo un longo percorrido acadando unha importante consolidación na nosa cidade e deixando unha profunda pegada no seu tecido social e cultural; pegada que o Ateneo Atlántico, hoxe, pretende honrar e recuperar para moitos sectores da sociedade viguesa.

Entre os presidentes da Asociación Cultural de Vigo, e a partir de Camilo Nogueira, que foi o primeiro, podemos atopar sonas como as de Alfonso e Darío A. Gándara, Méndez Ferrín, Nemesio Barxa, Bautista Álvarez, Cesar Cunqueiro, Francisco Carballo e un longo etcétera entre o que hoxe queremos salientar, pola súa presenza no acto, ao propio Xosé Luís Franco Grande.
A Asociación, como non podía ser menos, tivo un fondo espírito igualitario; así, entre os grupos que formaron as distintas directiva figuran nomes como os de Mª X. Queizán, Camino Noia, Mª C. Sanleón, Mª Luz Rey, Mª C. Vicente, Felisa Ga Castro, Mª C. García Teixeira...

Naqueles difíciles anos, a Asociación organizou todo tipo de actividades culturais entre as que podemos atopar representacións teatrais, cursos de cultura e lingua galega, conferencias, ciclos temáticos sobre Galicia, recitais de poesía e música, presentación de libros, coloquios, exposicións, seminarios, convocatorias de concursos de creación artística e literaria... Tiveron especial repercusión social na cidade de Vigo algúns dos actos musicais organizados pola 'Cultural', como foron os festivais Celtas de Castrelos, a homenaxe de Galiza a Zeca Afonso, ou a chegada á nosa cidade de Mikis Theodorakis para interpretar o seu Canto General en base á obra de Neruda.

Polas súas actividades pasaron o mellor do mellor da cultura galega (e non galega) do momento. Alonso Montero, Méndez Ferrín, Mª do Carme Kruckemberg, Maximino L. Queizán, Ramón Piñeiro, Monseñor Araúxo Iglesias, Victoria Torres, Xosé Manuel Beiras, Voces Ceibes, Pilocha, Camino Noia, Torrente Ballester, Mª Xosé Queizán, Carlos Casares, Uxío Novoneira, Manuel María, Colmeiro, Manuel Lourenzo, Bocelo, Mª Luz Rey, Conde Corbal, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Alonso del Real, Reimundo Patiño, Ferro Couselo, Mª Carme Sanleón, Antonio Fraguas, Xabier Pousa, Bar Bóo, Álvaro Cunqueiro, Manuela Fraguela, Mª C. Ga Teixeira, Filgueira Valverde, Luís Soto, Antón Seoane, Victoria Armesto, Vilas Nogueira, Bernardino Graña, Felipe Senén, Francisco Carballo, Lois Diéguez, etc. Foi significativa, tamén, a achega de persoeiros da cultura portuguesa coma o ensaísta Óscar Lópes, o filólogo Rodrígues Lapa ou o militar e político Costa e Gomes.

Entre as anécdotas da Asociación Cultural figuran, por exemplo, a multa de 5000 pesetas que lle impuxeron en 1968 ao profesor Aranguren por impartir unha charla sen permiso, a suspensión de actos (Amancio Prada, 1972, César Portela 1974...) polo mesmo motivo: carecer do prescriptivo permiso gubernamental, ou o minucioso Informe 'sobre membros da directiva da Asociación Cultural de Vigo' elaborado pola policía franquista en 1971.

Camilo Nogueira Román (Lavadores, 22 de novembro de 1936) escritor, político, enxeñeiro e economista galego.
Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 17 de febreiro de 1936) escritor e avogado galego. Membro de número da Real Academia Galega dende o ano 199.
Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953) escritor e historiador galego.
 
 

O Laicismo: de Marianne ás Torres Xemelgas

O Laicismo: de Marianne ás torres xemelgas
Con Antonio Gómez Movellán. Presenta Karina Mouriño
Xoves, 28 de novembro · 19:30h
Salón de Actos da O.N.C.E · r/ Gran Vía 16
 
 
Este xoves 28 de novembro abrimos un novo ciclo de reflexión que xirará arredor do tema xenérico do laicismo.

A primeira conferencia correrá a cargo de Antonio Gómez Movellán -cofundador e actual presidente de Europa Laica- e versará sobre o significado histórico e actual do laicismo: o secularismo como principio inseparable dunha democracia e como parte do discurso emancipador republicano; tamén entrará nunha reflexión arredor dos retos máis actuais que ten o laicismo no noso país.

O acto celebrarémolo no salón de actos da ONCE (Gran Vía 16), o próximo xoves 28 de novembro, ás 19.30 horas.
Entrada libre ata completar aforo (100 persoas)
  • Antonio Gómez Movellán, é licenciado en Historia. Foi fundador e actualmente preside a asociación Europa laica. Traballou como conselleiro na Dirección de Asuntos Relixiosos do Ministerio de Xustiza. Publicou libros e multitude de artigos sobre laicismo, secularismo e dereitos fundamentais das persoas, como "La iglesia católica y otras religiones" (Ed. VOSA, 1999) ou obras colectivas como “El pluralismo religioso en España” (Fundación Ferrer i Guardia, 2000) e “Aprendiendo sin dogmas” (Mil razóns, 2011). Actualmente publica artigos regularmente no xornal Público, na revista Viento Sur, en Diario 16 e Rebellión.

Presentación Libros de Lectura Fácil en Galego

 Presentación Lectura Fácil en Galego
Salon de Actos da Fundación ONCE · r/Gran vía, 16
Xoves, 24 Outubro · 19:30h
 
 
O pasado xoves 24 de outubro ás 19:30h, no Salón de Actos da Fundación ONCE de Vigo (Gran Vía, 16) a Asociación Lectura Facil e as editoriais Adapta e La mar de fácil, en colaboración co Ateneo Atlántico, presentaron diversos materiais didácticos ao obxeto de facilitar o acceso á lectura en galego das persoas cegas, xordas e neurodiverxentes, contribuindo así á súa plena inclusión.

Esta presentación enmárcouse nunha serie de actividades que se estaban a desenvolver en Vigo ao respecto da necesaria inclusión das persoas con distintos niveis de discapacidade e/ou dificultade lectora, como son a cuarta edición do Festival de cine inclusivo e diversas conferencias na Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo.

Participaron:
  • Elisabet Serra, codirectora da Asociación Lectura Facil.
  • Fernando Aixa e Nuria Casals, editores.
  • Lourdes Lorenzo, profesora da Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo

Luces e Sombras: 30 anos de fotografía en Vigo

 
 Luces e Sombras: 30 anos de fotografía en Vigo
Unha charla coloquio con Manuel Sendón · Presenta Iria Vázquez
Martes 8 de Outubro · 20:00h
Auditorio do Instituto Politécnico de Vigo · r/ Conde de Torrecedeira 88

Tras o anuncio do Concello de Vigo de ceder á Deputación de Pontevedra o edificio que foi construído para ser o Centro de Fotografía, para albergar a sede desta institución, diferentes asociacións decidimos realizar unha charla coloquio sobre a situación da fotografía na cidade durante estes últimos 30 anos.

Segundo as declaracións oficiais o centro albergaría a colección fotográfica que xerou a Fotobienal de Vigo e o Arquivo Pacheco, que contén un século da historia da cidade. En 2015, coincidindo coa campaña das eleccións municipais, presentaron unha exposición, realizada sen ningún criterio, nunha sala do edificio, e dende aquela o edificio permaneceu pechado.

Estas novas deben levar a unha reflexión sobre o pasado, o presente e, sobre todo, o futuro dunha disciplina tan importante para a nosa cidade como é a fotográfia e o seu legado. Por iso, o Ateneo Atlántico, xunto á asociación profesional de artistas A Colectiva, e o Colectivo CAIN, convoca a tódolos colectivos fotográficos de Vigo, aos profesionais do medio, e a cidadanía de Vigo, a unha charla coloquio con Manuel Sendón, presentada pola artista Iria Vázquez, que se celebrará o vindeiro Martes 8 de outubro, ás 20:00h, no auditorio do Instituto Politécnico de Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira.

Agardamos poder contar con vos.

Presentación "Crítica del Hiper-capitalismo digital"


Presentación do libro "Crítica del Hiper-capitalismo digital"
Co autor, Albino Prada e Xose Carlos Arias
Casa do Libro · r/Velázquez Moreno 17
Mércores 15 maio · 19:30h

As empresas que lideran os servicios, a publicidade ou a distribución en internet (Alphabet-Google, Facebook ou Amazon) xunto ós xigantes da informática (Microsoft, Apple, IBM ou Intel) están a conformar un mundo á súa medida. Isto manifestase xa nos transportes, no ocio, na información,... onde se crean novos productos, novos modelos de negocio ou se impóñe unha dixitalización dos procesos. Vivimos na era do hiper-capitalismo dixital e a economía 4.0.

Por isto queremos convidarvos este Mércores 15 de maio, na Casa del Libro, á conferencia e presentación do libro de Albino Prada, no que aborda os efectos que ista dixitalización provoca no emprego e na desigualdade, o que nos permite entender máis fondamente esta transformación social dende o punto de vista económico.
  • Albino Prada Blanco, nado en O Bolo en 1955, é Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1991). Profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e colabora con medios dixitais como CTXT e Infolibre. Foi membro do Consello Galego de Estatística, do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello da Cultura Galega. No ano 1979 recibiu o Premio de Ensaio, da Fundación Premios da Crítica de Galicia, xunto a Abel López Rodríguez pola súa obra “A outra economía galega”. Anteriormente ten presentado con nos a súa última obra "El despilfarro de las naciones" (Clave, 2017)
  • Xose Carlos Arias, nado en Lugo (intramuros) é Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e tamén Doutor en Ciencias Económicas. O seu último libro publicado en colaboración con Antón Costa é "La  nueva piel del capitalismo" (Galaxia Gutemberg, 2016). É colaborador habitual no diario "La Voz de Galicia".
Entrada libre ata completar aforo

Suicidio, a morte silenciada



Suicidio, a morte silenciada
Con José Luís Gómez e Tiburcio Angosto · Presenta Elvira Landín
Biblioteca da Escola de Artes e Oficios · r/ Garcia Barbón 5
Mércores, 20 de Marzo · 19:15h
Sábese que factores sociais, psicolóxicos e culturais interactúan dun xeito morboso para conducir a unha persoa a un comportamento suicida, pero debido á estigmatización dos trastornos mentais e do suicidio, moitas persoas senten que non poden pedir axuda. A pesar de que os datos asistenciais   indican que numerosas mortes son evitables, o suicidio, con demasiada frecuencia, ten escasa prioridade para os gobernos e as decisións políticas.

Segundo a OMS, nun ano, case 800.000 persoas suicídanse no mundo, pero moitas máis téntano, case 20 veces máis, sendo este acto un dos factores máis importantes de risco de consumalo. Pero tal vez o máis tráxico é que o suicidio pode producirse a calquera idade, sendo a segunda causa de defunción entre os mozos de 15 a 29 anos en todo o mundo.

Con este acto o Ateneo Atlántico quere invitar á sociedade viguesa a reflexionar sobre este feito, xa que Galicia, con máis de 300 suicidios ao ano, ten un dos índices máis altos de España.

Durante o acto proxectaranse fragmentos do documental "A morte silenciada"

Entrada libre ata completar aforo (65 persoas aprox.)
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/