Exeria 2022. Gañador: Meditación, de Xosé Alfredo Naz

2º Certame Exeria de Relato breve. 2022

Relato gañador: Meditacións

Autor: Xosé Alfredo Naz Fernández


MEDITACIÓNS

Mara espertou enfadada consigo mesma por non aproveitar a durmir máis na fin de semana, tal e como se prometera, pero era difícil apagar o reloxo biolóxico ao que se afixera erguéndose cedo cada día. Imposible de volver conciliar o sono volveu a cabeza con ira cara á alarma-holograma, mais a súa expresión pronto mudou a sorpresa ao observar os indicadores de radiación agardados para a xornada. Non o podía crer. Por primeira vez en moito tempo estaban baixo o límite de perigo. Aquilo cambiaba a súa percepción do día. Podería saír ao exterior fóra do horario permitido. Chimpou do leito e abriu co mando os protectores-de-ondas que cubrían as xanelas do seu apartamento. Deixou que a luz lambese cada recanto do seu corpo, o mínimo posible, para logo entrar na ducha-de-descontaminación e que non lle provocase danos inmediatos na epiderme. Programou un almorzo saudable e deixou que o algoritmo decidise pola roupa máis cómoda do armario. Non esqueceu estender as cremas protectoras polos recantos visibles do corpo, nin os lentes-móbiles especiais. Toda prevención era pouca. Enfilou cara ás Travesas por rúas baleiras. Era habitual. Á xente custáballe dar o primeiro paso para saír dos agochos protectores das vivendas. En canto ollasen a alguén valente ruar sen ir dentro dos vehículos-de-enerxía-amiga-autorizados-para-o-desprazamentointerior-da-cidade non dubidarían en saír. No seu camiñar escoitou afastados os brados artificiais dos animais procedentes do Castrelos-Zoo. A última visita fora bastante desacougante. Os modelos-robóticos imitaban con precisión os movementos das especies xa extintas, pero aquilo loitaba contra os recordos que tiña dos mesmos animais aínda vivos e, os que aínda resistían, transmitían tal consciencia de idéntica fin que tivera que saír de alí a fume de carozo. 

Dende que decidira aproveitar a xornada, sabía cara onde dirixirse. Tiña unhas ganas enormes de ver o mar sen ter que usar aparellos de realidade virtual. Acadaran unha perfección case absoluta, pero non eran quen de reproducir o simple efecto dunha brisa na face. A cúpula de cristal feita de placas solares espallábase por toda a macrorotonda apoiada nos monólitos da praza que construíran na última ampliación. Alí os radiómetros indicaban que podía quitar incluso a carapucha. Dubidou entre elixir o submetro ou o tranvíamonorraíl. Optou polo segundo. Xa estaba farta da súa vida case subterránea de diario onde competía por un mínimo espazo vital coa morea de concidadáns cos que coincidía nas horas puntas. A súa ultra-pass foi detectada de inmediato e o transporte asignoulle sitio. Dende o tranvía podía ollar polo menos a paisaxe, enganándose con que as imaxes que a imitaban nas pantallas que bordeaban o paso fosen realmente reais. 

Tivo a sensación de ser acollida por Samil igual que a volta da filla pródiga. O areal prolongábase ata a esquecida estrada, defendido por unha estacada de troncos de piñeiros secos chantados azarosos por cada recanto. Entre as súas sombras podía espir os pés e pousalos na area. Só con esforzo puido trazar no caletre o antigo paseo por onde ía cos seus pais á praia, nos tempos preradiación. Encheu os pulmóns e varreu coa vista o horizonte. Case toda a ría aparecía sementada de bateas con paneis solares expostos na súa superficie, xunto cos xeradores de correntes de mareas instalados á súa beira. Só un corredor acuático de medio quilómetro de ancho permanecía limpo para proporcionar paso dos barcos cara ao porto. No fondo, as illas Cíes semellaban perfís de ourizos. Os muíños eólicos que as cubrían tiñan a súa continuación por toda a península do Morrazo. A fin dos combustibles fósiles, a aceleración do cambio climático e as malas políticas fixeran que cada megacidade se tivese que buscar a vida en soidade. A elección de VigoPolis, que absorbera á contorna, era evidente. Pronto a mirada de Mara buscou Toralla. A súa irmá, Mencía, traballaba na planta desaladora que ocupaba todo o illote e subministraba auga potable á área. Forzando a vista podía distinguir as letras de cores que lle daban nome: Lagares, na honra do derradeiro río da cidade que fora secando aos poucos. Unhas voces distraeron os seus pensamentos. Preto da parada do tranvía un grupo de persoas seguían a unha señora maior cara a un descampado onde pararon, rodeando unha morea de ferramentas. Coñecía aquel estilo de meditación espiritual que rexurdira con forza ultimamente, baseado en prácticas ancestrais. Non o dubidou e uniuse a eles. Os recordos volvían petar no maxín. A señora, vestida cunha bata de fina tea atada á cintura e un gorro de palla, expuña brazos morenos e robustos. Nas súas mans encalecidas colleu un dos trebellos amoreados. 

-Ben, empecemos. Primeiro, isto chámase legón ou sacho. Cóllese así, pero está ben esgarrar nas mans antes de nada, para evitar vinchocas. E logo, os movementos sonche ben doados, subilo e baixalo, así con forza, abrindo na terra. Vedes? Pum! Ala, collede un cada un de vós e veña, a meditar...

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/