Onde van...? Pedro Cuadrado. Microrrelato

ONDE VAN...?


Onde van? Pero, onde carallo van?

Si, xa sei que, comparado con outros, este misterio non é vital nin trascendente, que non se aborda nas sesudas tertulias televisivas, mais recoñezo que a min tenme sorbido o coco. Non o podo remediar. E o caso é que pensei que só me pasaba a min e que a culpa era do meu home, que non puña coidado, pero, quiá!, tamén lles pasa ás miñas amigas e isto non pode ser casualidade.

Chegados aquí, e como non son moi dada a crer en conspiracións paranoicas, decidín investigar a fondo o asunto antes de que a miña saúde mental se deteriorara aínda máis. De paso, se lograba o meu obxectivo, estaba segura de que o meu labor sería recoñecido. Xa me vía na portada do Faro, aclamada por ter resolto o misterio; mesmo poderían nomearme viguesa distinguida (algunha
coñezo con menos méritos).

Ao longo das seguintes semanas executei o rigoroso plan de vixianza e control que deseñara e asegúrovos que o fixen a conciencia. Pero, nada. Os malditos semellaban bulrarse de min. Esgotada,
rendínme. Debo confesar o meu fracaso.

Sigo sen saber onde van os calcetíns que se perden na lavadora!!!

Agobiada polo virus (e pola coroa).

Pedro Cuadrado
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/