Laxeiro en diálogo coa pintura do século XX

Se ben foi un artista único e idependente, José Otero Abeledo, Laxeiro, viviu en permanente contacto coas novas tendencias e correntes pictóricas do momento, e  que posteriormente reiterpretaba para acadar un estilo propio. Presentado por Carlos Bernárdez, Javier Buján fálanos deses diálogos que estableceu Laxeiro coa pintura e os pintores do seu tempo.

LAXEIRO EN DIÁLOGO COA PINTURA DO SÉCULO XX
Con Javier Pérez Buján
Presenta Carlos Bernárdez

Martes 24 de maio, 19 horas
Biblioteca da EMAO (García Barbón)

Javier Pérez Buján. (Pontevedra, 1965)

É licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, en cuxo Departamento de Socioloxía traballou durante tres anos en diversos proxectos de investigación, no ámbito da socioloxía da comunicación.

Cursou o programa de doutoramento en Antropoloxía Cultural, tamén na Universidade de Santiago de Compostela. É Master en Xestión e Políticas Culturais Pola Universidade Autónoma de Barcelona.

Ten unha ampla experiencia en xestión cultural. Comezou no sector privado a principios dos anos noventa, como xestor, programador, produtor e responsable de comunicación no campo das artes escénicas, realizando numerosos proxectos para institucións públicas e entidades privadas.

A finais dos anos noventa comeza a traballar no campo das artes plásticas como director da Galería Abel Lepina en Vigo e, en 2000 gaña, por concurso público, la praza de Director da Fundación Laxeiro, cargo que ocupa actualmente, desenvolvendo traballos de comisariado, investigación, programación, xestión, difusión e edición de publicacións, entre as que destacan a coordinación do Catálogo Universal de Laxeiro, publicado en decembro de 2009, a edición do libro titulado Laxeiro, os escritos de Don Ramiro e numerosas publicacións que abordan diversos aspectos da obra Laxeiro.

Publicou tamén máis dunha trintena de textos sobre diversos artistas contemporáneos. Como comisario, ademais de desenvolver numerosos proxectos sobre a obra de Laxeiro, entre os que destacan as exposicións realizadas no Instituto Cervantes de Lisboa, no Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas de Gran Canaria, ambas en 2003; e a realizada no Museo Nacional de Bellas Artes, en Buenos Aires, en 2006; comisariou máis de vinte proxectos expositivos individuais de artistas contemporáneos, os máis recentes, de Ignacio Pérez-Jofre, o colectivo NEC, ou Silverio Rivas, ademais de diversas exposicións colectivas de artistas galegos.

Foi membro de diversos xurados de arte contemporánea, como las Bolsas á creación artística Fundación Laxeiro, Novos Valores da Deputación de Pontevedra, Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña, Novos Comisarios do Museo MARCO de Vigo, entre outros. É membro do IAC, Instituto de Arte Contemporáneo.


cinemAteneo. A virxe roxa

Nesta ocasión, desde cinemAteneo queremos convidarvos a ver a “A Virxe Roxa”, película que foi premio Mestre Mateo 2022 ao mellor documental. Para comentar a película contaremos coa presenza do seu director Marcos Nine, e do produtor, Chema Cagino, que nos axudarán a mergullar entre as súa reviravoltas.

cinemAteneo
A VIRXE ROXA

Coa participación do seu director
MARCOS NINE
do produtor
CHEMA CAGINO
E con
María Ángeles Mínguez
Remedios Copa

Xoves 19 de maio, 19.45 h.
Multicines Norte

Argumento
En 1933 Aurora Rodríguez mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era xa unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai para que fose a liberadora da muller. 

Marcos Nine
Nado en Hannover (Alemaña) no 1977, actualmente reside na Ría de Arousa. Comezou a súa carreira como guionista en series como ‘Mareas vivas’ e ‘Terra de Miranda’, e púxose por primeira vez detrás da cámara para relatar o desastre do Prestige no documental ‘Carcamáns’ (2003).
Desde entón dirixiu os documentais ‘Pensando en soidade’ (2006), ‘Historia dunha parroquia’ (2007) e ‘A viaxe de Leslie’ (2014, seleccionado na Seminci), e as curtametraxes ‘JEDN’ (2006), ‘A fábrica’ (2008), ‘Aarón’ (2009), ‘Manuscritos pompeianos’ (2010) e ‘Radiografía dun autor de cómics’ (2010), entre outros.
A súa primeira longametraxe, ‘A brecha’ (2012), estreouse no Festival de Cinema Independente de Bos Aires (BAFICI).

Ademais de co director, Marcos Nine, para o coloquio contaremos coa presenza de Remedios Copa e María Ángeles Mínguez. 

Ficha Técnica
Dirección e Montaxe, Marcos Nine
Guión, Marcos Nine e Rocío González
Son e Música, Arturo B. Fress
Produción, Recrea Films, Amalia Mato e Chema Cagino
Duración, 93 minutos
Ano de produción, 2020

 Enlaces para saber un pouco máis sobre a película:

A virxe roxa, un documental ou un formato totalmente novo?,

A virxe roxa na páxina da SEMINCI

Vigo século XIX. Historia e imaxe

  

Nesta nova entrega do ciclo Historia da Oliveira centrámonos no Vigo do século XIX. O xornalista e escritor Jorge Lamas falará sobre a historia, mentres que Carlos Bernárdez, crítico de arte, farao sobre a representación pictorica da nosa cidade no século XIX. Actuará como moderadora Nuria Otero, especialista en turismo.

Ciclo Historia da cidade da oliveira
VIGO SÉCULO XIX. HISTORIA E IMAXE

Jorge Lamas
Carlos Bernárdez
Presenta: Nuria Otero

Xoves 28 de abril, 19 h.
Casa Galega da Cultura

A HISTORIA DE VIGO NO SÉCULO XIX
Jorge Lamas, xornalista i escritor

O Vigo que coñecimos no século XX, naceu durante a centuria anterior. O XIX foi un tempo de cambios continuos e vertixinosos. A poboación empezou o século XIX con unha configuración espacial e demográfica que non se parecerá en nada a que teña cando remate o século. Pero é que ademais os vigueses comezarán o XIX sendo vasalos do arzobispo de Santiago e rematarán sendo cidadáns, ainque de momento, só os homes. O cambio é o apelido desta centuria. Só hai que velo nas infraestructuras máis vencelladas á cidade olívica. Cando naceu o século había un deficiente peirao, que non se podía utilizar porque non había calado, pero a partir de 1880 , coa creación da Xunta de Obras do Porto, moi lentamente, a situación cambiará.

A ARTE EN VIGO NO SÉCULO XIX
Carlos Bernárdez, crítico de arte

Vigo aparece vinculado a unha arela de progreso material, unha tendencia que xa se comeza a enxergar desde mediados do século XIX e este aspecto non era –nunca o foi- contraditorio co desenvolvemento cultural e artístico. Máis ben ao contrario, o crecemento da cidade ligouse desde o XIX ao seu progreso como referente cultural do país, combinando unha vontade cosmopolita –que o porto sempre favoreceu- cun forte sentimento identitario galego, do que son proba fitos como a publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro na imprenta de Juan Compañel na Rúa Real, inicio preciso dos noso Rexurdimento.

As imaxes pictóricas da cidade do século XIX vinculan tamén estas dúas realidades da aposta polo progreso e mais a identidade.

A representación paisaxística de Vigo afirmase no século XIX seguindo diferentes fórmulas de captación da realidade: nas primeiras décadas, en mans de viaxeiros ocasionais ou en traballos utilitarios domina unha concepción cartográfica ou de apuntamento puramente descritivo. Temos tamén exemplos de achegamentos inzados de pintoresquismo romántico.

Serafín Avendaño - Na baía de Vigo
Serafín Avendaño. Na baía de Vigo 

A estas mostras sucederán xa as visións de pintores como Serafín Avendaño (Vigo, 1838-Valladolid, 1916), que representa as paisaxes rurais e citadinas de Vigo axudando a crear a nova pintura galega de paisaxe urbana e humanizada, que terá como motivo recorrente a Ribeira do Berbés; neste ambiente tamén aparecerán escenas de moderno lecer. En Avendaño apreciamos as dúas versións dominantes da cidade que constituirán motivos recorrentes durante décadas: a paisaxe a partir dunha captación naturalista e as escenas de costumes, decote inseridas nun contexto laboral ou festivo.

Nesta liña temática tamén hai que sinalar unha importante nómina de creadores. Federico Ruíz (Madrid, 1837-?); Teodomiro Avendaño (Vigo, 1840-?) –irmán de Serafín- que realiza paisaxes como Vigo en que o naturalismo aínda loita cun claro pouso romántico; Alfredo Souto (A Coruña, 1862-1940), autor dunha pintura de corte realista con reminiscencias románticas, ben no espírito da súa xeración, interesada en captar por medio da paisaxe a esencia do país. Outros exemplos da asunción do costumismo son Carlos Lezcano (Madrid, 1871-1929), pintor madrileño con ligazóns familiares en Vigo e Enrique Simonet (Valencia, 1866-Madrid, 1927), pintor valenciano vinculado ao círculo de pintores malagueños mais que pasaba os veráns en Vigo. A salientar tamén o paisaxismo de Ovidio Murguía (Torres de Lestrove, Dodro, 1871-A Coruña, 1900), que pinta a nosa ría na década dos noventa do XIX. A este ambiente corresponden tamén os traballos do sevillano Emilio Sánchez Perrier (Sevilla, 1855-Alhama de Granada, 1907), un excelente pintor de paisaxe que asimilou os presupostos formais de Corot e da Escola de Barbizon e que estivo en Galiza en 1879 pintando a nosa Ribeira. O mesmo motivo agroma na pintura de Aureliano de Beruete (Madrid, 1845-1912), un dos mellores paisaxistas españois dentro das correntes renovadoras de influxo impresionista, que plasma a nosa contorna durante a estadía en Galiza; tamén pinta Vigo Martín Rico (El Escorial, 1833-Venecia, 1908), que realiza en 1881 unha paisaxe en Teis.

Mais é sobre todo a obra de Francisco Pradilla (Villanueva de Gállego, Zaragoza, 1848-Madrid, 1921) sobranceiro pintor aragonés casado cunha viguesa, a que reproduce con frecuencia a cidade, o porto, a ría e motivos costumistas nestes escenarios en ducias de obras, velaí. A igual inspiración responde a obra de Juan Martínez Abades (Xixón, 1862-Madrid, 1920), dentro dun realismo preimpresionista, autor de óleos de grande e pequeno formato que reproducen decote os peiraos e escenas mariñeiras de requintado pintoresquismo. Deste pintor asturiano son de salientar os grandes óleos realizados en 1892 para decoraren o Ximnasio de Vigo como Ribeira do Berbés.

Nesta pintura de paisaxe obsérvase unha asunción do realismo, mais sempre matizada, como acontece en moita arte europea a partir de mediados do século XIX, sendo frecuente que os artistas equilibren a captación directa da realidade con certa idealización e coa supervivencia dun fondo romántico, como fai o andaluz Emilio Álvarez Ayllón (Ayon) (Granada, metade do século XIX) no seu Porto de Vigo de noite con lúa chea. O resultado, no que atinxe á paisaxe, é unha pintura, en certo senso, produto dunha ollada compracida, que quere captar a realidade pero que non pode ocultar a subxectividade e mesmo aspectos do ideal, que se agacha no substrato do pensamento dos artistas.

A fórmula dominante de achegamento artístico á cidade será a realista-pintoresca, de tal éxito que acabaría por converter, xa no século XX, os peiraos do Berbés e o porto de Vigo en tema predilecto dunha parte substancial dos creadores galegos durante décadas.

Este tema do Berbés configúrase como un dos motivos característicos da pintura de paisaxe galega, axudando a construción do paisaxismo do sur de Galiza. Esta paisaxe do sur de país mantén certas pegadas románticas, baseándose na representación das arquitecturas desde un notábel interese polo pintoresco, creándose unha tradición marcada pola influencia de Serafín Avendaño e da pintura e ilustración galegas de Francisco Pradilla, ambas xa comentadas. As escenas de Vigo –peiraos, recantos urbanos, soportais...- son un perfecto exemplo, que reflicte unha paisaxe simbiótica de mar e terra, presencia do home, da súa man e do traballo na paisaxe.

Este é o tema de obras de artistas como Benigno Pereira Borrajo (Vigo, 1874-1971), que segue os modelos decimonónicos cun luminismo efectista; Fernando Álvarez de Sotomayor (Ferrol, 1875-Madrid, 1960), autor en 1931 de tres lenzos da Ribeira, un deles, O Berbés (Museo de Pontevedra), é unha das súas mellores –e máis modernas- paisaxes, con trazos impresionistas. Achegado a Sotomayor na súa concepción do bucolismo costumista está a obra de Carlos Sobrino Buhígas (Pontevedra, 1885-Vigo, 1978), autor da Paisaxe da Guía, que insire unha escena popular en primeiro plano e unha vistosa paisaxe, na que se pode enxergar a propiedade do comitente ao fondo. Este tipo de pinturas, de acentuada visión idealista, acaban como obxecto de consumo para a elite social galega que prefire ese universo utópico e non a realidade conflitiva. O costumismo ruralista alcanza, daquela, o seu apoxeo e o seu éxito, tamén comercial; un costumismo que deriva dunha contemplación distanciada e pintoresca do popular. As clases populares son obxecto pero non suxeito das obras. Percibimos que os pintores consideran que poden e deben conservar unhas formas de vida, costumes e preocupacións xa distintas dunha burguesía que se sitúa fóra do escenario, no patio de butacas, enxergando a representación.

Neste ronsel temático, con diferentes estilos e actitudes, estarían artistas como Ángel Botello (Cangas do Morrazo. 1913-Porto Rico, 1986), con atractivos trazos postimpresionistas; Julia Minguilllón (Lugo, 1906-1965); Manuel Abelenda (A Coruña, 1889-1957); Manuel Castro Gil (Lugo, 1891-Madrid, 1961),... e prestixiosos pintores non galegos como Joaquín Sorolla (Valencia,1863-Cercedilla, Madrid, 1923). O valenciano pinta en 1900 a nosa cidade, o porto e a ría no seu característico luminismo, un estilo que responde a presupostos realistas enfeitados dun efectismo cromático e lumínico de altísimo nivel de calidade, eis os Piñeiros de Galicia e mais Mariñeiros no Berbés. Sorolla para en Vigo antes de visitar a Exposición Universal de París e amosa o seu gusto polas paisaxes de ría afirmando en carta ao seu amigo Pedro Gil que “en Galicia hay algo poético que si lo cojo habré hecho algo interesante. ¡Cómo gozarías tú! Esto sí que es mar (no azul) pero qué grandiosidad. El campo es espléndido de lineas y vegetación, tanto que parece hecho por los mismos poetas; pinadas a la orilla del mar, flores, nieblas, brumas...”.

 A Sorolla poderiamos acrecentar outro nome relevante de comezos do XX como é o fauvista francés Albert Marquet (Bordeos, 1875-París, 1947), que ao seu paso pola nosa cidade non resiste a tentación de reproducir os mesmos motivos: os peiraos, o porto e a ría, pintado en Vigo un numero de obras notábeis en 1932 cando para na cidade dentro dunha longa viaxe pola Península Ibérica que realiza en compañía do pintor Charles Camoin. Outros exemplos son os de Luís Maristany de Trías (Barcelona, 1885-Porto Alegre, Barsil, 1964), pintor catalán -logo naturalizado brasileiro- que en 1927 expón en Vigo con suceso, regresando en 1930 altura en que pinta A volta da pesca no Berbés; e o madrileño José Bardasano (Madrid, 1910-1979) –que acabaría exiliado en México e estreitamente ligado ao PCE1-, autor do óleo Redeiras do Berbés, realizando logo do seu regreso do exilio e que constitúe unha serodia continuación desta mesma temática.

Unha observación desde a perspectiva do que os pintores escolman como temas da cidade resulta tamén moi esclarecedora no que atinxe ao que lles interesa reflectir e o que non é obxecto da súa atención. Cando chegaban a Vigo, seguro que con certa sorpresa, moitos pintores serían testemuñas do notábel impulso modernizador –aquí hai fábricas, guindastres, novos edificios...- do que é espello a publicidade bancaria realizada desde presupostos estéticos renovadores, velaí o anuncio o que deseñou Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902-Castro Caldelas, 1942) para a Caja de Ahorros de Vigo (cir. 1925) ou o do Banco Pastor (1930) de Carlos Sobrino cos edificios do banco en Vigo e A Coruña presentados como fachos da modernidade e mais o progreso, nunha composición moi art déco con detalles de potencia volumétrica. A este ambiente e influxos responden abondosas obras con finalidade publicitaria do mesmo Carlos Sobrino, carteis como o da Compañía Hamburguesa Sudamericana (1936) ou o das Patentes Monteferro, ambos representando estilizadas mozas en traxe tradicional como reclamo, captadas cun ar “racial”, por usarmos unha expresión en voga nestes anos, e con fondos paisaxísticos de ría. Tamén de influxo art déco é o cartel de Luis Gil de Vicario (Burgos, 1900-Barcelona, 1959) Vigo, 1930. Fiestas de agosto que fai convivir os rañaceos e os peiraos. Este artista, que chegou desde Murcia, onde xa desenvolvera un salientábel labor como ilustrador2, impartiu docencia no Instituto de Vigo entre 1928 e 1934. Fundou e presidiu a agrupación local do partido Acción Republicana e foi un sobranceiro deseñador de carteis que mesmo ampliou estudos en Alemaña e Austria, pasando pola Bauhaus.

Así e todo, en xeral podemos percibir en boa parte das obras destes anos o mantemento de valores culturais e materiais tradicionais, que son o obxecto e foco preferente do ollar da maioría dos artistas. Unha procura da singularidade desde a percepción pintoresca, etnográfica ou identitaria que está na base da escolla de temas como o Berbés e as escenas populares mariñeiras, constantes na produción que ten como temática a cidade.

Os Novos: Maside, Torres, Virxilio Blanco, Laxeiro, Colmeiro reformulan a paisaxe urbana deixando atrás o tópico costumista. O Vigo republicano é o da eclosión deste novo ollar, coa pintura de todos Os Novos presente nas mostras da cidade. Por aquí pasan, expoñen e/ou viven os principais nomes desta nova arte que concreta universalidade e identidade, tradición e compromiso ético. Velaí as obras de Torres, Maside, Souto, Colmeiro, Virxilio Blanco, Laxeiro... de permanente pegada entre nosoutros e que lentamente irán diversificando a percepción da cidade, ampliando o seu ollar, dirixido xa non apenas para o porto e os peiraos, senón tamén para as rúas e para as escenas laborais e industriais captando a paisaxe proletaria do nosos estaleiros. En xeral, foxen da paisaxe anecdótica do rexionalismo naturalista, marcando distancias con el, sometendo os mesmos temas (porto, Berbés) e os novos (paisaxe urbana e proletaria) a un proceso de estilización, produto da contemplación estética da realidade. Xa non se achegan aos temas cunha concepción substancializante do cromatismo, senón que parten dun sutil subxectivismo, ollando estas paisaxes sentimos que a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída impresión que suscita el en nós.

Economía e política, labirintos da prosperidade

Xosé Carlos Arias mergullase na complexidade da dinámica de múltiples cambios a que están sometidas a sociedade e a economía e proporá tecer un fío do que tirar: un novo contrato social por unha economía dixital e verde, pero decididamente inclusiva, que nos pode servir para guiarnos nos labirintos creados.

ECONOMÍA E POLÍTICA, LABIRINTOS DE PROSPERIDADE

Xosé Carlos Arias
Miguel Pérez Pereira
Amelia Pérez

Martes 26 de abril, 19 horas
Biblioteca da EMAO

Algo importante está a moverse baixo as augas antes tranquilas da economía e da política democrática. Dende hai pouco máis dunha década, a insatisfacción co comportamento da economía, os horizontes tecnolóxicos emerxentes e un visible malestar de amplos sectores sociais deron paso a unha crecente vontade de renovación do actual contrato social.

No terreo das ideas o cambio é notable. Os dogmas que marcaron o final do século XX están a dar paso a unha conversa máis aberta. Cuestións cruciais como cal é a finalidade da empresa, que papel deben xogar os Estados na economía e ata onde chega a soberanía dos mesmos, por que importa a desigualdade, como repartir mellor os riscos entre o Estado, as empresas e os traballadores, ou conciliar a procura da eficiencia económica coa xustiza social ten agora novas respostas.

A pandemia, cos seus efectos de parada e reinicio inducidos, acelerou estes cambios, polo que algúns procesos de transformación parecen proxectarse inexorablemente cara ao futuro. Destacan a chamada dobre transición, tecnolóxica e ambiental, a ruptura do que coñecemos como globalización ou a encrucillada política asociada ao malestar. De todo isto emana a oportunidade de avanzar cara unha nova prosperidade, pero o camiño estará cheo de dúbidas e riscos. Oportunidade, dúbidas e riscos incrementados por mor do actual guerra desenvolvida en Ucraína.

Neste acto, Xosé Carlos Arias mergullarase na complexidade desta dinámica de múltiples cambios e proporá tecer un fío: un novo contrato social por unha economía dixital e verde, pero decididamente inclusiva, que nos pode servir para guiarnos nestes labirintos.

X.C. Arias estará acompañado pola sindicalista Amelia Pérez Álvarez e polo catedrático de psicoloxía evolutiva Miguel Pérez Pereira, quen interactuarán co relator na procura de achegar a un maior e mellor entendemento as teses desenvolvidas, xunto con Antón Costas, no libro “Laberintos de la prosperidad”.

 Xosé Carlos Arias, (Lugo, intramuros). Catedrático de Política económica na Universidade de Vigo. Entre as múltiples publicacións debemos destacar algún dos seus últimos libros: “Laberintos de la Prosperidad” e “La nueva piel del capitalismo” en colaboración co prestixioso analista de economía e catedrático Antón Costas (Galaxia G. 2021 e 2016), “Nuevo instuticionalismo: gobernanza económica y políticas públicas” (CIS, 2013) e outro traballo conxunto con Antón Costas “La torre de la arrogancia” (2º edc. Ariel, 2012). Columnista de “La Voz de Galicia”, destaca a súa función divulgadora nos medios de prensa e televisión. Así mesmo e de suliñar a permanente colaboración en publicacións e libros impresos por editoriais internacionais como Springer ou Routledge.

Miguel Pérez Pereira, (Pontevedra).  Catedrático do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.  Miguel investiga en Psicoloxía do desenvolvemento, con especial interese no que atinxe á linguaxe d@s nen@s con desenvolvemento típico e atípico (nen@s cegos e nen@s prematuros) así como aos factores relacionados coa súa casuística. Autor de varios libros e múltiples artigos, colaboracións e traballos de investigación.

Amelia PérezÁlvarez, (Moaña). Diplomada en turismo, traballou na cadea Zara e no 2012 resultou elixida Secretaria Comarcal de Comisións Obreiras en Vigo, convertíndose na primeira muller ao frente dun dos sindicatos de clase maioritarios na nosa comarca. Amelia, (Meli) seguiu rachando teitos de cristal cando no 2021 acadou a Secretaría Xeral do Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia; ata agora única muller que logrou tal representación nun mundo tradicionalmente masculinizado.

De cando as monxas bieitas galegas se fixeron prófugas

 

A finais do século XV e comezos do XVI os mosteiros bieitos galegos son sometidos a unha reforma executada co apoio da coroa de Castela, primeiramente co de Isabel a católica e á súa morte co da súa filla e co do seu home. Esta reforma leva consigo a supresión de todos os mosteiros femininos galegos e o confinamento de todas as abadesas e demais monxas no mosteiro de San Paio de Antealtares.

 DE CANDO AS MONXAS BIEITAS GALEGAS SE FIXERON PRÓFUGAS

Carme Varela
Camiño Noia

Xoves 21 de abril, 19 horas
Biblioteca da EMAO

As monxas enviadas por Castela e o Reformador Xeral nomeado por San Bieito de Valladolid enfrontaron unha dura contestación que se prolongou por moitos anos e no que as monxas galegas demostraron non estar dispostas a aceptar a supresión dos seus mosteiros nin o sometemento ás novas normas e autoridades.

Nun primeiro momento a igrexa romana apoiou ás monxas galegas e os procuradores enviados por Castela así o manifestan: “Toda esta corte está tan indignada contra nosotros en esta materia que cada hora nos dicen que nos han de destruir como los templarios, y aún por tales y peores nos tienen. Pues nuestro santísimo padre el papa nunca nos llama sino herejes”.

Tres papas, dúas raíñas e unha manchea de monxas pelexaron durante anos polo poder dos mosteiros bieitos galegos. Ese drama deu pé á peza teatral As Desterradas coa que Carme Varela gañou o XXV Premio Álvaro Cunqueiro e que trouxo ao presente estes feitos case esquecidos.

Carme Varela
É Licenciada en Filoloxía galega completou a súa formación cun máster en xestión cultural na Universidade de Barcelona no ano 2.000. A súa conexión co teatro comezou na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Rematada a carreira, compaxinou traballos na Fundación Castelao como Secretaria Técnica con outros no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Tamén traballou na empresa de servizos teatrais RTA. Foi Directora de Produción no Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 a súa vida laboral estivo ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia onde participou en proxectos de publicidade ou na produción de películas documentais como A Palabra Xusta dirixida por Miguel Piñeiro. Recibiu o premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais na súa XXV edición polo texto As desterradas.

Camiño Noia
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi fundadora de Edicións Xerais e catedrática de Lingua e Literatura galega na Universidade de Vigo ademais de Decana da facultade de Filoloxía. Dirixiu a revista Viceversa da Asociación de tradutores galegos e hoxe é profesora Emérita da Universidade de Vigo. É autora de abundosas publicacións sobre a tradición oral galega, a historia da tradución galega, a nova narrativa galega, e a literatura de muller.

2ª Edición do Certame Exeria


Ateneo Atlántico e Fundación Xoán Piñeiro
Bodega Terras Gauda e Grupo Eduardo Vieira
2º Certame EXERIA de relato breve
Vigo, futuro imperfecto
O Ateneo Atlántico de Vigo, en colaboración coa fundación Xoán Piñeiro e co Patrocinio de Grupo Eduardo Vieira e Bodegas Terras Gauda convoca a segunda edición do certame literario Exeria de acordo coas seguintes bases:

II Certame “EXERIA” de Relato Curto 2022

 


BASES

1. O premio Exeria está convocado polo “Ateneo Atlántico” de Vigo e a “Fundación Xoán Piñeiro” co patrocinio do grupo “S. A. Eduardo Vieira” e “Bodegas Terras Gauda”.

2. Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen con un relato orixinal, inédito e non premiado.

3. O relato terá unha extensión máxima de 5.000 caracteres incluídos os espazos e o título.
Estará encabezado polo título, sen asinar e mecanografado cunha letra de 12 p. e a dobre espazo. 

4. Os relatos axustaranse ao tema xenérico: “Vigo, futuro imperfecto”. 

5. Estableceranse dous premios que estarán suxeitos ás correspondentes retencións fiscais:

        1º premio: 1000 euros e unha figura da escultora Cuqui Piñeiro.
        Accésit de 500 euros.
 

6. Os relatos enviaranse ao enderezo de correo electrónico:
                                                            exeria@ateneoatlantico.gal
No asunto do correo figurará o lema "Certame Exeria 2022".
Ao correo xuntaranse dous documentos: un, co relato e o título, non levará ningún tipo de identificación. No segundo figurará o título do relato, o nome completo e o número de teléfono móbil do autor ou autora.
As persoas participantes recibirán acuse de recibo do seu envío. 

7. O prazo de presentación de orixinais comezará o 1 de marzo e rematará o 10 de maio de 2022.

8. O xurado estará presidido por unha persoa de recoñecido prestixio no eido cultural e integrado polas dúas gañadoras do Premio Exeria do ano 2021, unha persoa designada polo Ateneo Atlántico e outra pola Fundación Xoán Piñeiro. O xurado completarase coa secretaria do certame, que contará con voz e non terá voto.

9. O ditame do xurado darase a coñecer nun acto público, convocado a tal fin, unha semana antes da entrega de premios que terá lugar ao longo do mes de xuño.
A resolución do xurado será inapelable.

10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases.

Vigo, 1 de marzo de 2022

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/