COMUNICADO DO ATENEO ATLÁNTICO

 

A PARTIR DO 1 DE OUTUBRO DE 2022

INICIAMOS NOVA ANDAINA EN

ateneoatlantico.gal

 ESTE BLOG, POLO TANTO,

DEIXA DE ESTAR ACTUALIZADO.

PARA CALQUERA INFORMACIÓN OU CONTACTO

PODEDES ESCRIBIRNOS A

ateneo@ateneoatlantico.gal

GRAZAS POLO VOSO APOIO.

CONTAVOS CON SEGUIR GOZANDO

DA VOSA ATENCIÓN EN

ateneoatlantico.gal

Exeria 2022. Acto de entrega de premios

O pasado mércores 15 de xuño, o Ateneo Atlántico, xunto coa fundación Xoán Piñeiro celebraron o acto de entrega de premios da segunda edición do certame Exeria de relatos breves.

 

O acto tivo lugar na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO)

Os distinguidos nesta segunda edición do certame foron:

  • Gañador: Xosé Alfredo Naz Fernández, co seu relato "Meditacións"
  • Accésit: Alberte Momán Noval, co relato "Nocturno de Vigo"


Xosé Alfredo Naz e Alberte Momán 

O primeiro premio está dotado con 1000 euros e un bronce de Cuqui Piñeiro, mentres que o accésit é de 500 euros. Nesta segunda edición os premios foron patrocinados por Bodegas Terras Gauda e Eduardo Vieira S.A.


Panorámica do público asistente

No acto participaron Anxo Cabada, presidente do Ateneo, Luisa Abad, secretaria do Ateneo así como do xurado do certame, Elena Pousa, pola Fundación Xoán Piñeiro e Xina Vega, presidenta do xurado.


Os gañadores xunto co xurado e representantes da organización 

Despois de recibir cadanseu premio, os galardonados procederon á lectura dos relatos premiados.

A continuación presentouse unha composición de imaxes para ilustrar o tema do certame: Vigo, futuro imperfecto.


Actuación do grupo de vento
 
En diferentes momentos do acto puidemos gozar da actuación de tres representantes da Orquestra Clásica de Vigo que interpretaron fragmentos para trío de vento de Robert Muczynski. Celia Vallo á frauta, Iria Pérez co fagot e Raúl Martínez ao clarinete.
 
Xa para rematar, como peche da entrega de premios e da tempada de actos do Ateneo Atlántico compartimos un viño galego e uns pinchos.
 


Entrega de premios do certame Exeria

 O vindeiro  15 de xuño, en acto público, procederemos á presentación pública dos orixinais gañadores do 2º Certame de relatos breves Exeria do Ateneo Atlántico.

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO 2º CERTAME EXERIA
Mércores 15 de xuño, 19 horas
Escola Municipal de Artes e Oficios (r García Barbón)
Entrada aberta previa solicitude de invitación en ateneoatlantico@gmail.com

O certame, cunha dotación económica de 1000 euros e un bronce de Cuqui Piñeiro para o gañador, e de 500 euros para un accésit, foi convocado polo Ateneo Atlántico en colaboración coa fundación Xoán Piñeiro e co patrocinio de Bodegas Terras Gauda e Eduardo Vieira S.A.

O xurado, presidido por Xina Vega e formado por Xosé Barral, Helena Pousa, Azucena Arias, Nones Araújo e Luisa Abad (secretaria), reuniuse o pasado 8 de xuño para emitir o seu dictame recollido na acta correspondente.

Toca, pois, a quenda da comunicación das persoas gañadoras e a entrega dos premios correspondentes.

O acto de entrega de premios terá lugar o mércores 15 de xuño, ás 19 horas, nas instalacións da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO, García Barbón, Vigo).
 
Constará dunha parte académica, na que se inclúe a presentación do acto por parte de Anxo Cabada, presidente do Ateneo Atlántico, a cerimonia de entrega de premios, a lectura dos mesmos e o saúo de Xina Vega, presidenta do xurado.

A continuación proxectaremos unha montaxe de imaxes sobre o tema arredor do que debían xirar os orixinais presentados: Vigo, futuro imperfecto.

Actuación do trío de vento da Orquestra Clásica de Vigo que interpretará fragmentos de R. Muczynski.
 
Todo o anterior, na biblioteca.

Xa para rematar, pasaremos ao patio interior da EMAO, onde compartiremos un viño galego de confraternización e recoñecemento ás persoas gañadoras, ás empresas colaboradoras e a todas as persoas que co seu esforzo fixeron posible esta segunda edición do premio Exeria.

Lembramos que se trata dun acto aberto a todo o círculo de persoas do Ateneo Atlántico, e empresas e organizacións colaboradoras.
Dadas as dificultades de concreción da organización, a asistencia terá que ser, necesariamente, con invitación a través de solicitude ben ao correo do Ateneo (ateneoatlantico@gmail.com), ben a través do noso whatsApp.

cinemAteneo: Diários de Otsoga

Como proposta final de tempada traemos unha película que, como un dos seus directores dí “É como un diario do peche, pero tamén é un diario anti-confinamento.” 

cinemAteneo

DIÁRIOS DE OTSOGA
De Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes

Luns 13 de xuño, 19.45 horas
Multicines Norte

Esta idea de punto e á parte é a que queremos recoller nesta sesión, aproveitando para facer unha reflexión dos cambios que nos trouxo o confinamento no ámbito do cinema. A recente nova de que os Cines Norte van reducir os días de exhibición de venres a luns fai que se acendan as alarmas de todos os amantes do cinema desta cidade. 

Convidámosche a unirche á conversa o vindeiro luns 13 de xuño ás 19:45h nos Cines Norte coa película “Diários de Otsoga”.

A PELÍCULA: DIÁRIOS DE OTSOGA

Argumento

Crista, Carloto e João están a construír un aireado invernadoiro para bolboretas no xardín. Os tres  comparten rutinas do fogar, día tras día… E non son os únicos. 

“Todo comezou co desexo de facer algo compartido; cando a xente estaba a filmar cun teléfono na  súa casa. Todo o mundo estaba a facer iso, así que pensamos: "Isto está ben, é comprensible e ten  como resultado boas películas". Pero queriamos facer outra cousa: unha película de confinamento,  pero xuntos, filmada en celuloide en lugar de en dixital. Máis tarde comprendémolo, cando nos  fomos a esta casa e fixemos as probas PCR. O que realmente queriamos era vivir e facer unha  película xuntos, como unha reacción a esta idea do confinamento. [...] É como un diario do peche,  pero tamén é un diario anti-confinamento.” Miguel Gomes, un dos co-directores nunha entrevista  sobre o filme. 

Os Directores

Maureen Fazendeiro (1989) é unha cineasta e guionista francesa afincada en Lisboa. Estudou  literatura, arte e cinema na Universidade Denis Diderot de París e traballou na editorial  Independencia. As súas películas Motu Maeva (2014) e Sol Negro (2019) foron seleccionadas en  festivais internacionais de cinema como FID Marsella, Toronto, Mar do Prata, Viennale, Valdivia,  DocLisboa, Vila do Conde, Turín, Xixón... e proxectáronse en cinematecas, museos e feiras de arte  ( MoMa, Biennale dei Veneza, Aichi Triennale, FIAC París...). Traballa co medio cinematográfico e  é membro de L'Abominable, un laboratorio dirixido por artistas con sede en París. A súa  colaboración con Miguel Gomes comezou en 2014 cando traballou como directora de casting para  a rodaxe en Francia de As Mil e Uma Noites. Despois colaborou como guionista nos seu seguinte proxecto, Selvajaria. 

Miguel Gomes naceu en Lisboa, Portugal en 1972. É director, guionista, crítico de cinema e  publicou numerosos artigos de teoría cinematográfica. Estudou na Escola Superior de Teatro e  Cinema - IPL da súa cidade natal. A súa primeira longametraxe, A cara que mereces (2004), é  unha comedia que se desenvolve nunha especie de conto sobrenatural. O seu segundo longo,  Aquel Querido Mes de Agosto (2008), é un película sobre amores contrariados entra unha cantante  e o seu primo. Tabú (2012), un drama sobre unha muller retirada e gravada en Mozambique,  mostrar a capacidade do colonialismo de adormentar o pobo e a violencia da descolonización. Gomes recentemente presenta As Mil e Unha Noites (2015: Volume 01, O Inquieto; Volume 02, O Abatido; Volume 03, O Encantado), unha triloxía de máis de seis horas de duración rodada en terras  musulmás e gregas, que mestura a maxia oriental, a crise económica e a historia de Portugal. A  película foi estreada este ano no Festival de Cannes e é o filme co que Portugal compite aos  recoñecidos premios Óscar.

Ficha Técnica

Dirección, Maureen Fazendeiro, Miguel Gomes
Guión, Maureen Fazendeiro, Miguel Gomes, Mariana Ricardo
Fotografía, Mário Castanheira
Edición, Pedro Filipe Marques
Son e Música, Arturo B. Fress
Produción, O Som e a Fúria, Uma Pedra no Sapato
Duración, 102 minutos
Ano de produción, 2021

Máis sobre a película:

Entrevista en Cineuropa

Entrevista no Film at Lincoln Center

Entre vista no Notebook Mubi

Entrevista en Film Comment

Rusia fronte a Ucraína

A verdade é a primeira vítima en calquera guerra. En vésperas do Cume da OTAN que se celebrará en Madrid, o Ateneo Atlántico programa un encontro informativo e de debate sobre a situación actual de conflito en Ucraína e para o que contamos con Carlos Taibo.


 RUSIA FRONTE A UCRAÍNA
Imperios, pobos, enerxía

Carlos Taibo
Presenta Remedios Copa

Venres 10 de xuño
19.30 horas
Aula D (Elduayen 36)

 Nun momento tan convulso como o que estamos a vivir coas implicacións da guerra de Ucraína repercutindo na nosa economía, provocando aumento dos nosos gastos militares, encarecemento de enerxía e alimentos e ameaza de desabastecemento, á vez que se alteran as relacións internacionais e provoca cambios xeoestratéxicos importantes, todo elo aderezado con falta de información real e unha campaña de mercadotecnia tendenciosa a favor dos intereses de cada bando (pois xa é ben sabido que a verdade é a primeira vítima en calquera guerra), fan imprescindible buscar fontes de información baseada en datos e coñecemento da historia da rexión que nos permita entender as razóns polas que se chegou á actual situación.

A cuestión vai máis alá da chamada invasión de Rusia en Ucraína. Implica á OTAN, con EE UU á cabeza, pero repercute fundamentalmente na UE e por tanto, como estamos a ver, no noso país.

A inminencia do Cume da OTAN de Madrid os días 28 y 29 de xuño animou ao Ateneo Atlántico a organizar un acto de información e debate sobre o conflito da man de Carlos Taibo Arias. Será o próximo día 10 de xuño, ás 19:30 h, en Aula D, rúa Elduayen, 36-1, Vigo.

Esperamos a vosa presenza e participación activa para que o acto resulte do máximo interese.

Carlos Taibo Arias
Madrid, 12 de maio de 1956

A súa carreira profesional transita polas facetas de escritor e politicólogo, editor e profesor xubilado despois de 30 anos de docencia na Universidade autónoma de Madrid na que impartiu clases de Ciencia Política e da Administración.

É membro do Consello Editorial de Sin Permiso desde a súa fundación en 2006.

Ten publicado artigos en diferentes medios e máus de unha vintena de libros relacionados coa transición na Europa Central e Oriental contemporánea.

O seu último libro publicado, cuxo contido é o que xustifica a súa presenza hoxe con nós, leva por título “Rusia frente a Ucrania. Imperios, pueblos, energía”. Nin que dicir ten que chega canda nós no momento preciso para axudar a entender os acontecementos actuais.

A súa traxectoria de publicacións acredita a cualificación para falar sobre o tema, como o testemuñan os seus libros e intervencións públicas en diferentes foros.

Carlos Taibo é un firme defensor do movemento antiglobalización, do decrecemento e da democracia directa e a autoxestión, así como partidario do anarquismo.

Nos últimos anos os seus intereses abríronse a materias máis xerais; valan como exemplo algunhas das súas últimas publicacións: “Cien preguntas sobre el nuevo orden” (2002), “Hacia dónde nos lleva EE UU” (2004), “No es lo que nos cuentan”, unha crítica da UE realmente existente (2004), “Movimientos de resistencia frente a la globalización capitalista” (2005), ou “Rapiña global” (2006), aos que seguiron outros títulos e múltiples ensaios sobre diferentes temas, entre os que non falta un repaso sobre o noso país e o nacemento do 15 M.

Tamén é abundante a súa produción en lingua galega e en galego-portugués: “O castelo de fogos”, “Nove ensaios sobre o porvir da Europa do Leste” (1991), “Europa sen folgos” (1994), “A nova desorde internacional” (1998), “Un novo Terceiro Mundo?” (1999), “A desintegración de Iugoslávia” (2000), “Império norteamericano e capitalismo global” (2003), “A guerra santa, e petroleira, de Bush filho” (2003), “Os movementos de resisténcia fronte á globalización capitalista” (2005), “Misérias da globalizaçom capitalista” (2006), “Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional” (2008), “Parecia não pisar o chão. Treze ensaios sobre as vidas de Fernando Pessoa” (2010) y “Decrescimento, crise, capitalismo” (2010).

Saída ao Salnés

Despois da paréntese forzada polas circunstancias, o Ateneo Atlántico retoma as súas saídas culturais. A primeira será o próximo sábado 4 de xuño e o destino o Salnés.

SAÍDA AO SALNÉS
Historia, arte, escultura, enoloxía

Sábado 4 de xuño

Inscrición Previa en:
ENLACE AO FORMULARIO PARA A INSCRICIÓN NA SAÍDA AO SALNÉS

O prazo de solicitude estará aberto dende o venres 27 ás 20 horas ata o xoves 2 ás 10 horas

Prezo: 45€ persoas socias, 50€ persoas non socias
O pago realizarase nas 48 horas seguintes á incrición mediante transferencia a:

ATENEO ATLÁNTICO
IBAN: ES96 2080 5000 6430 4035 5222
Concepto: "Saída ao Salnés" e nome e apelido da persoa que fai a solicitude

Programa

Sábado 4 de xuño de 2022
Saída: ás 9.30 horas dende a rúa Areal (diante do antigo reitorado)

Visita á vila de Cambados con guía oficial:

  • Zona histórica
  • Vila de san Tomé
  • Igrexa-ruínas de santa Mariña Dozo

Visita ao pazo de Fefiñáns

Visita, con proba, a adega de Fefiñáns

Comida no restaurante Ciprés de Villaverde (Barrantes) co seguinte menú:

  • Entrantes (empanada, croquetas e tortilla)
  • Prato a elixir (no momento da solicitude) entre codillo e raia á galega
  • Flan
  • Viños albariño e barrantes
  • Café

Visita á fundación Manolo Paz (Castrelo-Cambados)

Regreso ao punto de partida con hora de chegada prevista sobre as 20 horas.

O prezo (45€ socias e 50€ non socias) inclúe todos os gastos previstos: autobús, visita ao pazo e adega de Fefiñáns (13€), visita á fundación Manolo Paz (3€), comida (22€).

Para participar na saída será imprescindible a solicitude previa a través do formulario,

ENLACE AO FORMULARIO PARA A INSCRICIÓN NA SAÍDA AO SALNÉS

E o pago dos custos mediante transferencia bancaria á conta do Ateneo Atlántico (IBAN: ES96 2080 5000 6430 4035 5222)

Soamente se admitirán dúas persoas por solicitude.

No caso de haber máis solicitudes que as 50 prazas ofertadas, terán prefencia as persoas socias (con un acompañante) e o criterio de selección será o respecto escrupuloso ao día e hora da solicitude.

Máis información

Páxina de turismo do concello de Cambados

 O Pazo de Fefiñáns na Galipedia

Adega do Pazo de Fefiñáns 

MANOLO PAZ

Fundación Manolo Paz

(O seguinte texo é un extracto da biografía da propia Fundación do escultor).

Manolo Paz nace en Castrelo (Cambados) en 1957. Entre 1978 e 1979 estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela e un ano máis tarde traballa como profesor na Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra).

En 1983 realiza a serie Satélites na que emprega materiais como o formigón e procesos de encofrado en ensamblaxes fragmentarios de aire industrial. No mesmo ano unha breve estancia en Nova York permitiulle tomar contacto con novas tendencias a través das visitas ao MOMA e outros centros de arte de vangarda.

Ao seu regreso de Nova York pasa «do satélite ao monólito», segundo as súas propias palabras, dándolle mais importancia á terra que aos conceptos espaciais. Desde este momento a súa obra céntrase en reflexións sobre o valor da cultura autóctona, dos seus símbolos, dos seus signos, do seu material (a pedra, o granito) e o seu diálogo coa memoria do lugar onde se van a colocar. 

No ano 1984, a súa participación nas exposicións Encontros no Espazo e Imaxes dos Oitenta chamou a atención do galerista madrileño Fernando Vijande. Paz empezou a expoñer nas súas galerías entrando a formar parte dos circuítos nacionais de arte e participando en feiras e exposicións colectivas no estranxeiro.

Consegue a Bolsa Unión Fenosa de Creación Artística no Estranxeiro en 1992 e regresa a Nova York. Agora deixa a artificialidade da base e opta por unha posta en escena máis natural das súas pezas. 

En 1994 realiza unha das súas obras máis representativas: Familia de Menhires ou Menhires pola Paz, un conxunto escultórico de doce pezas situado fronte á Torre de Hércules, na Coruña.
Entre mediados dos anos noventa e comezos do século XXI Manolo Paz presenta os seus traballos de forma habitual na galería Trinta. De entre as súas exposicións individuais destacarán nesta época as realizadas na desparecida Estación Marítima da Coruña (1999), no Museo Barjola de Xixón (2000), na Fundació Pilar i Joan Miró de Mallorca, así como as mostras realizadas na madrileña galería Trama ou na compostelá SCQ. Nesta última exposición abandona o oco para centrarse máis na presenza da masa no baleiro.

En 2011 é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario na sección de Escultura, pronunciando o discurso «A Pedra e o Home: Reflexos» e obtén o «Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas» e o Concello de Cambados concédelle o «Premio Ramón Cabanillas».

Realiza obras para o Museo de Pontevedra (2002 Onde chega o mar) ou para o Aeroporto de Compostela (2011, Menhir).

En 2013 ten lugar unha exposición individual no Museo de Pontevedra, Luna azul, comisariada por David Barro, na que utiliza por primeira vez o granito azul de Baía (Brasil) e ese mesmo ano participa tamén na colectiva Galicia Petrea, mostra comisariada por Miguel Fernández-Cid que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

 
2014 é o ano do seu regreso a América. Expón no Centro Cultural de España en Panamá (Casa do Soldado): Manolo Paz. A distancia que une. A exposición é a primeira do escultor en América en moitos anos e nela recompílanse pezas en madeira e pedra realizadas entre 1995 e 2013 sendo unha importante retrospectiva da obra do artista. Tamén é parte da selección de artistas da colectiva Auga Doce na Cidade da Cultura de Galicia.

A súa participación na exposición Narrativas monumentais, comisariada polo tamén artista Álvaro Negro no MAC da Coruña e en Ao carón do mar, unha mostra de escultura pública na que xunto a outros escultores galegos de distintas xeracións presenta a súa obra Nasa de estrelas realizada a partir de malla de aceiro son algunhas das súas últimas accións no ano 2016.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/