NON DEIXES ENFRIAR A LINGUA
Érache boa!
Se pensabas que os de arriba ían preocuparse polos de abaixo, estabas nun erro. Se crías que a mellor garda para un poleiro era unha raposa, ías de cú. Se soñabas cunha dirixencia comprometida co país, andabas na berza. Porque o corvo nunca foi máis negro cás ás... e porque xa chegou a hora de lle sacudir a polaina aos que esmagan a nosa lingua e a nosa cultura, desde o Ateneo Atlántico chamamos a atención sobre a perda de peso das industrias culturais en Galiza e, nomeadamente, do sector editorial que ten en Vigo o seu lugar de referencia, histórico e económico.
E preguntámonos por que ninguén dá conta da caída -nun 50%!- dos libros publicados en galego, da compra de libros para bibliotecas, das axudas públicas á traducción, das campañas de animación a lectura ou da ausencia de Galiza nas feiras do libro internacionais.
A resposta pode estar en que como cidadanía non nos mobilizamos, nin reclamamos abondo, mais logo laiámonos de que descenda o número de falantes na mocidade. Hai que reaccionar contra o discurso hipócrita e contra a parálise!
Por nós non vai deixar de ser. Daquela...
Chamamos a cidadanía a implicarse nesta causa como algo primordial: porque as ameazas son moito maiores cas oportunidades; porque non podemos deixar esmorecer unha actividade que xera 31.000 empregos e aporta o 2% ao noso PIB; porque se segue o ritmo de caída na valorización e uso da lingua perderemos o elemento identitario máis forte que posuímos; e porque llo debemos aos que a mantiveron viva durante séculos, agochada pero aquecida...
Non deixes enfríar o galego.
Dálle calor. Disfrútao. Fáino medrar.
É unha demanda social e política. Pero tamén é un compromiso persoal.
Imos alá!