Club de lectura. Xuño 2019



O pasado 4 de xuño reunímonos once persoas do clube de lectura para debater sobre o primeiro libro de Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, que xa vai pola sétima edición.
A novela de Begoña está baseada nos libros de Homero, especialmente na Odisea. Dous dos seus personaxes, Circe e Penélope, intercambian cartas. Úneas a súa relación con Ulises. Penélope leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando xa pensa que seguramente estea morto, recibe a carta de Circe, deusa rexente da illa de Eea, que a informa de que non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado, Vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas. Ulises só será o pretexto que as vai unir nunha gran amizade.
Pensamos que é unha novela ética, de pouca acción, que gustou a todas as persoas presentes. Para ser unha primeira obra demostra unha grande madurez na autora que reinvindica con esta obra o papel da muller no mundo clásico, o feminino, a sororidade.
É un canto á sexualidade libre, a complicidade entre mulleres pero tamén unha denuncia da violencia sexual e do papel das mulleres como garantes da honra masculina.
Na parte formal imita ao ton clásico coa hipercortesía e coa adxetivación esaxerada diante do nome. A epístola é un recurso para recrear a mitoloxía clásica e os seus personaxes máis relevantes, especialmente os femininos: Helena, Medea, Anticlea...
Asi despedimos a tempada do clube de lectura. Voltaremos o próximo octubro coa obra de John Berger "Porca terra"

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/