Ciclo de Filosofía. O deber de ser feliz

 
Ciclo de Filosofía
Homenaxe a Alberto Mariño
O deber de ser feliz
(Capitalismo e subxectividade contemporánea)
Con Manuel Fernández Blanco
Venres 13 de marzo de 2020, 19h.
Aula D (r/ Elduayen 36)

Hoxe presentamos a segunda sesión do ciclo sobre filosofía que, en colaboración co Seminario de Filosofía, demos en titular Voces da filosofía e a psicanálise.

O ciclo desenvolverase en catro sesións (5, 7, 13 e 26 de marzo de 2020, ás 19 horas) nos locais de Aula D (rúa Elduayen 36, Vigo). Neste enlace está toda a información do ciclo completo.


O ciclo está organizado como homenaxe a Alberto Mariño. Son raras esas persoas dun talento excepcional que a miúdo se resisten á publicación. Alberto Mariño era unha delas. Non son poucas, con todo, as persoas que tiveron o privilexio de escoitalo, empezando polo alumnado e profesorado dos diversos Institutos nos que impartiu clases, o público asistente ás súas conferencias, a participativa comunidade dos Seminarios de Filosofía e de Psicanálise que animaba de modo tan estimulante nesta cidade. Vaia esta homenaxe, aberta a toda a xente que ama o pensamento, como recoñecemento dunha gran débeda.
Filosofía e psicanálise son campos irmandados desde o momento en que esta quere afondar nas estruturas psíquicas do suxeito e aínda iluminar canto de ilusorio hai nesta categoría e todo o construído desde ela. Eran ambos campos de interese e estudo de Alberto Mariño, que coa intelixencia que lle caracterizaba nos axudou a penetrar. Este ciclo de conferencias programado en homenaxe súa, e aberto a toda xente sensible ás cuestións do pensamento, é dicir, a toda a sociedade, reúne algunhas voces de ambos campos, filosofía e psicanálise, para facer diversas calas sobre temas que nos apelan, que a ninguén deixan indiferente.

Nesta segunda sesión seguiremos facendo calas no mundo que nos constitúe con Manuel Fernández Blanco, psicólogo clínico do Servizo de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, foi presidente da Escuela Lacaniana de Psicoanálisis e unha das voces máis prezadas neste campo. Manuel Fernández Blanco amosaranos algunhas das pautas actuais que nun momento específico da sociedade capitalista configuran a nosa subxectividade, como é o caso da compulsión xeradora de culpabilidade de que temos que ser felices. A que se nos está invitando e impulsando? Que felicidade é esa á que se nos apela sistematicamente? Que tipo de suxeito é o que se está a producir a través destes e outros medios que parecen na superficie coincidir con vellos anhelos da humanidade? A persistente pregunta polo que somos, tradúcese na de como se fai que sexamos o que somos.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/