Entrega de premios dos nosos concursos literarios no confinamento
Na imaxe, Anxo Cabada, presidente do Ateneo Atlántico, xunto con Luísa Abad, encargada da sección Literateneo, fan entrega dos premios correspondentes ás tres gañadoras dos nosos concursos literarios durante o confinamento. De esquerda a dereita, Nones Araújo (refachos), Eugenia Alonso Monroy (microrrelatos) e Noa Carrera (haikus)
A entrega dos premios tivo lugar onte, na Feira do Libro de Vigo, na caseta da libraría Librouro.
Os premios outorgáronse por votación entre todas as persoas que quixeron participar, e consistían nun vale de 50 euros para gastar en calquera das librarías de Vigo.
Todos os traballos presentados poden lerse neste mesmo blog.
Refachos
Por orde de aparición, o primeiro concurso foi o de Refachos. Tratábase de cambiar algunhas palabras de tres poemas para darlles unha nova vida (O pouso do fume, de Dores Tembras, La voz a ti debida, de Luis Salinas, e Maturidade, de Pura Vázquez).
A gañadora foi Nones Araújo cunha variación sobre o poema La voz a ti debida.
O segundo refacho máis votado foi O pouso do fume interpretado por Luísa Abad (fóra de concurso), e o terceiro, a variación que fixo deste mesmo poema de Dores Tembras, Noa Carrera.
Microrrelatos
O segundo concurso, cronoloxicamente falando, e o de maior participación, foi o de microrrelatos. Neste caso a proposta era de tres posíbeis comezos para desenvolver unha narración en menos de dúas centas palabras. Os tres posíbeis principios eran: De hoxe en oito días chegará a primavera..., Doutor, teño un soño recorrente..., e Onde van os pensamentos cando non pensamos neles?
O mellor relato, segundo as participantes na votación foi o que leva por título Dona Fina, da autoría de Eugenia Alonso Monroy, na foto, recibindo o premio; Eugenia optou por dar forma a unha historia que comezaba con De hoxe en quince días chegará a primavera...
O segundo microrrelato con maior aceptación foi Dolor, de Pilar Borraz, e, o terceiro, Que liberación!, de Nones Araújo.
Haikus
O terceiro foi o concurso de haikus.
O tema era libre e a única condición respectar a esencia desta clásica composición poética da cultura tradicional xaponesa.
O haiku gañador foi o presentado por Noa Carrera (na foto, recollendo o premio) co título Alemaña. O segundo haiku máis votado foi Sacha e sacha, tamén de Noa Carrera, e o terceiro, Cerdeira sen flor, de Xexé Sotelo (ao pertencer á directiva do Ateneo, tamén fóra de concurso).
Parabés ás tres gañadoras!
O Ateneo Atlántico quere felicitar, tamén, e agradecer a súa participación, a todas as persoas que nos mandaron colaboracións durante o confinamento.
Parabés ás tres gañadoras!
O Ateneo Atlántico quere felicitar, tamén, e agradecer a súa participación, a todas as persoas que nos mandaron colaboracións durante o confinamento.
Grazas a todas!