Vivenda, afectividade e saúde

cinemAteneo
Vivenda, afectividade e saúde
Xosé Manuel Souto González
Zulmira Aurea Cruz Bomfim
Ramón Viéitez Rodríguez
Modera Anabel Mariño Bahamonde
Película: Playtime, de Jacques Tati

O cinemAteneo, a sección de cine do Ateneo Atlántico, viuse na obriga de paralizar a súa habitual programación a causa da situación tan complexa que estamos a vivir. Mais, malia que con outro formato, retomamos o camiño.

Con ese propósito, o próximo xoves, 17 de decembro ás 18,30h. organizamos un encontro telemático no que reflexionaremos sobre os condicionamentos do noso hábitat / habitación no que atinxe ao benestar e á sempre procurada felicidade. O título do acto é : “Vivenda, afectividade e saúde”.

Playtime

A película que, desta xeira, pretendemos sirva de motivación, introdución e fío condutor do interesante tema que se vai debater é “Playtime” do xenial Jacques Tati, polo tanto, recomendamos que todos os asistentes ao acto a teñan visto previamente.
Pódese ver, entre outras, nas seguintes canles:

  • Vimeo, acceso de balde en versión orixinal sen subtítulos:
    https://vimeo.com/groups/584975/videos/332454159

  • Filmin, plataforma de cine independente
    (aluguer 72h por 1,95€).

  • Amazon Prime Video
    acceso libre a clientes Prime.

  • Outras plataformas populares de xeito gratuíto.

 Playtime, como toda a filmografía de Tati, amosa o transcurso do tempo e tamén a evolución da sociedade, manifestándose ámbalas dúas na simboloxía transformadora que vincula a arquitectura cos cambios sociais e as relacións persoais, coa vinculación afectiva e a percepción do contorno ou, dito doutro xeito, como o contorno da habitabilidade modifica vínculos e afectos nas persoas.

Se a primeira película de Tati, desenvólvese nun contorno rural, a seguinte xa contempla un enclave turístico; posteriormente, en “O meu tío” representa o contraste entre un barrio tradicional y una moderna zona residencial, na que coincide a destrución do barrio e a marcha do protagonista no avión a outro lugar por motivos de traballo. Tati va retratando así os cambios que se producen no contorno da habitabilidade á vez que muda o xeito de vida e os hábitos das persoas.

En Playtime desaparece a Francia tradicional e a escena sitúase nun moderno aeroporto que, de entrada, podería ser calquera cousa, pero que iremos identificando conforme se escoita o anuncio da chegada do próximo voo. Esa escena, en principio inocua, reflectirá certa estrañeza e, a partir de aí, nos irá sorprendendo coa sensación de que todo é impersoal, frío, desconcertante, onde todo semella abstracto.

É o retrato da Francia da posguerra e dos cambios sociais que parecen diluílo todo. A uniformidade dificulta a orientación e as relacións sociais vólvense confusas e difíciles; cada persoa vaga a toda présa nesa maraña cun propósito distinto.

A apoteose que brinda a escena final ben podería darse nalgunha situación actual en calquera outro lugar.

En definitiva, o obxecto da película non é outro que insinuar como o contorno condiciona as nosas vivencias e inflúe profundamente nas nosas emocións, no comportamento e na saúde, tanto mental como física.

Como dicía Espinosa, a calidade democrática dunha cidade non pasa polo criterio de lexitimidade ou ilexitimidade do poder, se non que se define polos afectos que a cidade provoca nas persoas.

 Se ben utilizaremos a película de Tati como referente, hai outras moitas que poden ilustrar o tema do debate. Algunhas destas obras recomendables sobre o tema a tratar son:

  • Documental “La Escala Humana”, na web de TVE.

  • Documental “En Construcción” (2001), dirixido por José Luis Guerín.

  • La mujer de la Arena (1964), dirixida por Hiroshi Teshigahara, sobre a vivenda confinada.

  • La estrategia del Caracol (1993), dirixida por Sergio Cabrera.

  • El pisito (1959), dirixida por Marco Ferreri.

Vivenda, afectividade e saúde

Para ilustrarmos sobre os diversos aspectos que inciden en algo tan importante coma as condicións de habitabilidade nos acompañarán no acto, que titulamos Vivenda, afectividade e saúde: Xosé Manuel Souto González, doutor en xeografía e historia, especialista sobre territorio e urbanismo; Zulmira Aurea Cruz Bomfim, doutora en psicoloxía social e especialista en psicoloxía, ambiental e social. Ramón Viéitez Rodríguez, arquitecto entregado ao coidado do patrimonio arquitectónico de Vigo. Actuará como moderadora, en representación do Ateneo Atlántico, Anabel Mariño Baamonde.

Para acceder ao acto telemático utilizaremos a plataforma Jitsi Meet a través do seguinte enlace:

https://meet.jit.si/PresentAddressesPlaceWhere

Ademais das opinións que se manifesten respecto do argumento da película, teremos a oportunidade de reflexionar sobre numerosos e variados temas.

  • A planificación urbanística e o deseño interior das vivendas
    • Que planificación urbanística precisamos?
    • Insuficiencias máis habituais na estrutura das vivendas; son doadas de superar?: localización, servizos, sostibilidade, xestión dos residuos...
    • Caducidade e/ou transformacións dos modelos... véxase Barrio de Coia.
  • Pero sobre todo como esas planificación e deseño impactan:
    • Na saúde, cales son as consecuencias na saúde física e mental dos moradores.
    • Na construción social:
      • É posible acadar o dereito humano e constitucional dunha vivenda digna universal?
    • Distribución dos espazos públicos – privados / comúns – individualizados.
    • É posible unha estrutura vivencial que contemple a superación de illamento e/ou abandono das persoas maiores e dependentes?
  • Todo isto sen desatender deteminados aspectos de gran influencia como:
    • Aspectos xeográficos e demográficos.
    • Éxodo rural – cidade – rural... inevitable ?, desexable?, compatible?, necesario?
    • Superpoboación, un problema real?
    • Derivadas económicas:
      • Alugamento versus propiedade.
    • Espazos urbanizados  coas mellores  premisas, implican necesariamente incremento de status social, incremento do valor, expulsión das rendas máis baixas?
    • As poboacións demasiado pequenas, poden acadar a masa crítica necesaria para xerar servizos básicos desexables? Como educación, sanidade, emprego, cultura/ocio, dependentes...
    • Cascos vellos, históricos..., inevitable a súa transformación en parques temáticos non residenciais?
    • Axentes activos no cambio, o rol das administracións, comunidades de montes... na transformación da paisaxe.

E en xeral... mellorarían as expectativas se a cidadanía fose educada, ética e esteticamente, na importancia dos espazos vivenciais cara o seu benestar físico e emocional?

Os nosos invitados

Para debater sobre os aspectos mencionados contamos coa presenza de tres convidados de especial relevancia.

Xosé Manuel Souto González

 Xosé Manuel Souto 

Nado en Vigo, é doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor titular da Universitat de València (Didáctica das ciencias sociais) e catedrático de Xeografía e Historia de Ensino Secundario.
A súa tese de doutoramento titúlase Desartellamento social e caos urbanístico. Vigo, 1960-1980.
É membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses.
Foi asesor de formación permanente do profesorado e profesor colaborador de formación inicial nas Universidades de Alacant e Valencia.
Dirixiu os Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico e o Consejo Directivo del Geoforo Iberoamericano de Educación.
Os seus intereses céntranse na didáctica da xeografía e na ordenación do territorio e urbanismo na euro rexión do noroeste peninsular.
Codirector de teses doutorais sobre ensino da xeografía, acuicultura e ordenación do medio nas Rías Baixas, ten dirixindo memorias de licenciatura sobre as mesmas temáticas.
Relator en diversos congresos internacionais sobre educación e xeografía forma parte de Consellos de Redacción e asesor de diferentes revistas universitarias e internacionais.
Coordina o proxecto educativo Gea-Clío, no campo da formación do profesorado e investigación educativa.
Forma parte de diversos movementos sociais e culturais de Valencia e Galicia, sempre disposto a colaborar desinteresadamente na difusión do coñecemento crítico para mellorar as condicións sociais.
Entre as súas publicacións cómpre subliñar:

        Vigo. Cen anos de historia urbana (1880-1980), Xerais, 1990.
        O Val Miñor, entre as transformacións rurais e as innovacións urbanas
, 1991.
        Vigo: proxecto e realidade do medio periurbano
, 1994.
        As parroquias
, 1995.
        Vivendas e cidades,
1997
        Planeamento estratéxico e mercadotecnica territorial
, 2001

Zulmira Aurea Cruz Bomfim

 Zulmira Cruz 

Licenciada en Psicoloxía pola Universidade Federal de Ceará (1985), Maestrazgo en Psicoloxía pola Universidade de Brasilia (1990) e Doutora en Psicoloxía Social pola Pontificia Universidade Católica de São Paulo (2003)
Investigadora da Universidade de Barcelona no Espazo Público e Rexeneración Urbana (2001) e Postdoutorado na Universidade de A Coruña (2011)... e, así ate un total de 26 titulacións.
Como Profesora Titular do Programa de Posgrado en Psicoloxía da Universidade Federal de Ceará, desenvolveu a investigación sobre a líña de vulnerabilidade social e procesos psicosociais.
Traballa nas áreas de Psicoloxía, Ambiental e Social, actuando principalmente nos seguientes temas: Cidade, mapas afectivos e comportamentos proambientais, vulnerabilidade socioambiental e xuventude.
Participou en innumerables congresos e eventos científicos. Autora de diversos libros sobre a psicoloxía social e a afectividade publicou ducias de artigos en diferentes revistas universitarias de diversos paises.

Ramón Viéitez Rodríguez

 Ramón Viéitez Rodríguez 

Ramón Viéitez Rodríguez é arquitecto pola ETSA de A Coruña e ten o Mestrazgo en rehabilitación e renovación urbana pola Universidade de Santiago de Compostela. Na Escola Galega de Administracións Públicas superou o «Curso de arquitectos ao servizo da administración». É perito xudicial inmobiliario pola Universidade Politécnica de Cataluña.
Impartiu tres obradoiros creativos de arquitectura para menores no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.
Xunto con Alberto Cebral e Iria Rivas fundou o estudo de arquitectura e consultora técnica Arquétipos!, construíndo obras en diversas tipoloxías.
Co-promotor do Espacio Nido, un local para o traballo colaborativo, dende o que se desenvolven múltiples eventos culturais, situado na rúa Ferrería do Casco Vello de Vigo.
Coautor e editor dos libros da colección: "N550 da estrada á rúa", proxecto editorial de 6 volumes que pretende estudar o fenómeno da cidade difusa galega e que pode atoparse en librerías como Versus. Dito proxecto ten o propósito de indagar sobre a cidade que se espalla inexorablemente por grande parte da xeografía, esa urbe que algúns teóricos coinciden en cualificar de difusa, outros de fragmentada e incluso algúns de global.
Partícipe da fundación da Asociación do Barrio Alto do Casco Vello de Vigo que aposta pola integración social entre novos e vellos convivintes nun contexto dun barrio en proceso de transformación.
Froito deste compromiso promove a web multimedia “Fairúa” (www.fairua.com) para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial, fomentando a cohesión social e promovendo o turismo responsable no citado barrio.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/