O acto, que terá lugar o xoves 27 de maio, ás 19 horas, no MARCO, consistirá nunha conversa entre o autor e Javier Pérez Buján, presentados por Luisa Abad.
Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta recolle un conxunto de traballos dedicados ao desenvolvemento da pintura do século pasado, con especial atención á produción do movemento renovador da arte galega que traballa nos anos vinte, no período republicano, na Guerra Civil e no exilio. Estúdase como a súa arte era conscientemente presentada desde posturas que reafirmaban o carácter conflitivo, denunciador da opresión ou reafirmador das imaxes, desde criterios sociopolíticos alternativos ao discurso dominante que deitaba o poder. Tiñan pois, un forte contido social e identitario, aparecendo os labregos como clase subalterna mais tamén o proletariado e o mundo fabril. As obras dos nosos pintores prodúcense, xa que logo, desde un coñecemento do representado, elaborando un discurso que non é alleo ao que se produce noutros lugares de Europa –coas súas singularidades– e en América, no contexto dos chamados “realismo de entreguerras”. A procura de raíces no pasado propio como fonte de modernidade é unha das receitas; no caso galego é a inspiración na arte popular e medieval, en especial a escultura esgrevia e granítica do noso románico e barroco.
A recepción posterior tópica da nosa arte só se pode entender por unha visión previa que le a produción galega desde un a priori que a reduce a imaxe costumista. Cómpre, pois, pensar a tradición artística desde nós. Pensar na lectura intencional do pasado máis tamén na lectura presente desde a pura visualidade e desde a posición actual da nosa nación, o que implica distintas posíbeis lecturas das imaxes, desemellantes mais non incompatíbeis.
Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958). Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte. Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura (De catro a catro de Manuel Antonio, 1991, Edicións do Cumio; Eduardo Blanco-Amor, Sempre en Auria, 1993; Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora, 1995 ou Lorenzo Varela: Biografía e antoloxía, 2005, Ed. Xerais) e no campo das artes (Breve historia da arte galega, 2005, Nigra; Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra: Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, 2011, Fundación Novacaixagalicia, Vigo; Manuel Colmeiro, 2011, Galería Montenegro, Vigo; Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, 2012, Nigra). Como comisario, ten organizado exposicións con importante repercusión no eido da cultura galega.
Javier Pérez Buján. (Pontevedra, 1965). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, é director artístico da Fundación Laxeiro. Máster en Xestión e políticas culturais pola universidade Autónoma de Barcelona. A finais dos anos noventa comeza a traballar no eido das artes plásticas, actividade que se concreta en 2001 na Dirección Artística da Fundación Laxeiro, cargo que ocupa actualmente. desenvolvendo traballos de comisariado, investigación, programación, xestión, difusión e edición de publicacións. É autor de diversos textos críticos, individuais e colectivos, sobre Laxeiro e creadores contemporáneos galegos. Entre outros, As aventuras de Laxeiro (Fundación Laxeiro, 2011), Laxeiro, o carnaval das formas (Fundación Laxeiro, 2003). Pablo Orza, Compendio de conectividades (Deputación de Ourense, 2011), ou Silverio Rivas. Mente/Materia (Concello de Vigo, 2020).
María Luisa Abad. A Coruña, 1951. Licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona. Mestra, asesora de educación infantil, divulgadora didáctica, especializada en coeducación, orientadora escolar e escritora. Participou no Consello de Redacción de IN-Fancia, educar de 0 a 6 anos (revista da Asociación Rosa Sensat) durante 10 anos. O seu traballo Alertando da violencia de xénero mereceu o premio á innovación educativa (Consellería de Educación, 2004). Colaboradora en diversas publicación no eido da educación (Revista Galega de Pedagoxía, Cuadernos de Pedagogía, Guix d'infantil ) e da igualdade (Festa da palabra silenciada). Como poeta escribiu O punto de maduración, A Coruña 2015 (edición agasallo) e Limaduras de prata, A Coruña, 2017 (autoedición a favor da ACEC), conxunto de poemas que relatan as percepcións e sentimentos que experimentou durante o tratamento do seu linfoma. Entre as obras podemos mencionar Manual para coeducar na Educación Infantil (Ed. Xerais, 2008), ou a obra colectiva Género y Educación. La escuela coeducativa, (Ed Graó.2002).