Klara y el sol
Kazuro Ishiguro
O día 1 de xuño reunímonos presencialmente 11 persoas para debater sobre o libro do premio Nobel Kazuro Ishiguro.
A distopía non tan afastada que propón o libro púxonos en cuestión algúns supostos. Moveunos os marcos. Produciuse un interesante debate sobre o que aporta e o que resta a intelixencia artificial. Falamos do traballo que están a quitar as máquinas e da planificación tan abafante á que se está sometendo á sociedade.
En xeral gustoulles moito a case todos os asistentes. Todxs estivemos, durante a lectura, namorados do personaxe de Klara. Aínda que é un robot ten unha parte tan inocente, sensible, boa e solidaria que nos cativou. Parece máis humana que algúns das persoas que a rodean.
Estamos nun tempo de “fronteira “ entre as máquinas e a humanidade que nos suscita moitas preguntas: pode ter o robot conciencia relixiosa? Substituirán as máquinas ás persoas?
Estas e outra preguntas que nos formulamos, deron para unha interesante charla sobre algoritmos, a educación sentimental, a deshumanización da sociedade que fai que se humanice a robot, se fai o labor dun anxo da garda mesturada coa boa salvaxe...
Como elementos menos positivos citouse que a tradución non é todo o boa que debería e que pode ser enganoso o libro por canto non é coherente cos principios que enuncia. Se a conciencia de finitude é o que nos fai humanos, as máquinas non o posúen; por iso dá a impresión de que o autor fai trampas no esforzo por facer a Klara humana. Escamotea o tempo e a morte.
Na parte formal destacouse a limpeza da prosa e o sinxelo que é lela. Por veces parece un conto para público xuvenil.