Vigo medieval. Música, Historia, Literatura

 
Ciclo: Historia da cidade da oliveira

Vigo Medieval. Literatura. Historia. Música

Venres 5 de novembro de 2021
19 horas, Casa Galega da Cultura
María Arbor. Literatura
Alba Barreiro. Música
Anselmo L. Carreira. Historia
Presenta Anxo Cabada

 

Despois da primeira actividade do ciclo (As orixes de Vigo: galaicos e romanos), organizada en plena pandemia e organizada para emitir en streaming, toca vernos as caras de novo nunha segunda proposta para falarmos da historia da nosa cidade.

Hoxe damos un salto no tempo e caemos na idade media, tempo escuro co enorme facho que foi a Lírica galaico-portuguesa.

O acto terá lugar o venres 5 de novembro, ás 19 horas, na Casa Galega da Cultura. Abordamos o tema desde unha triple perspectiva: Anselmo López Carreira -historiador- falaranos da historia, do que era Vigo na Idade media. María Arbor -lingüísta- faranos unha introdución ao que foi a literatura medieval, en concreto, a lírica. E, xa para rematar, Alba Barreiro, coa súa arpa, deleitaranos interpretando varias cun par de pezas inspiradas na música medieval.
O aforo do local é de 47 prazas, que serán ocupadas por rigorosa orde de chegada.

A rápida ascensión de Vigo na rede urbana galega contemporánea, ata converterse na maior cidade do país, fixo esquecer un longo pouso histórico que remonta, intermitentemente, ata o inicio plenomedieval do fenómeno urbano europeo, e incluso, retrocedendo máis atrás da crise altomedieval, ata a primeira fase urbanizadora de época romana, cando o vello emprazamento castrexo descende ata a costa.

Aínda que a documentación é escasa, Vigo aparece no remate da Idade Media configurado como un núcleo urbanizado en torno a dous centros parroquiais, cuxa expansión se sustenta nas actividades relacionadas co mar. A elevación da igrexa de Santa María á categoría colexial en 1497 rubrica aquel primeiro crecemento.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/