Presentación do libro: Transmigrantes


Presentación do libro Transmigrantes de María Alonso
Proxección da película En tierra extraña de Icíar Bollaín
Participará, xunto coa autora, a escritora e profesora universitaria Rexina Vega

Xoves 11 de xaneiro de 2017.
19 horas
Casa do libro


María Alonso, doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo cunha tese sobre Diasporic Marvellous Realism. History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015). Na actualidade reside en Edimburgo onde se dedica, entre outros labores, á escrita de ficción e poesía en lingua galega e inglesa e á docencia. Despois do cataclismo (Urco Editora 2015) foi a súa primeira novela.
Transmigrantes tenta desenvolver e actualizar unha teoría sobre o fenómeno da emigración da mocidade. Transmigrantes serían aquelas persoas que na súa experiencia migratoria pasan por varios países até asentárense, se acaso, nun, contemplando, na súa experiencia, como todos e cada un dos países aos que viaxan van tornando máis e máis precarias as súas condicións laborais e de estadía. 
Escrita desde unha perspectiva de hibridación de xéneros, o seu relato comparte elementos do ensaio, da reportaxe, da memoria..., porque o necesario é, antes de nada, proceder a desentrañar os aspectos novidosos e perversos que afastan os transmigrantes dos emigrantes tradicionais, en tanto que suxeitos políticos nunha nova conxuntura urdida polas políticas neoliberais que nos administran. Cómpre, pois, unha teoría antes de actuar, desentrañar no intelecto as razóns e as consecuencias, as causas e os efectos, antes de irmos ao mesmo cerne do conflito. Porque se trata do síntoma, doloroso, sen dúbida, dun conflito. Nese sentido, o libro encontra a súa máis próxima interlocución en obras audiovisuais recentes que, tamén, tentan dar conta da novidade deste modo de desarraigo: o documental No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén sobre a súa experiencia en Suecia, ou En tierra extraña de Icíar Bollaín, sobre a diáspora española na propia Edimburgo.


Presentará o acto e actuará como moderadora Rexina Rodríguez Vega, viguesa, escritora, profesora universitaria e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. Exerceu de crítica literaria en publicacións como A nosa terra ou Grial. Escribiu, entre outras Dark Butterfly (2012, Xerais) e Bilingüísmo e autotradución na obra de Álvaro Cunqueiro (2000, Universitat de Barcelona).
En 2014 gañou o Premio Xerais de novela con Cardume (Xerais, 2014).


Para ilustrar e completar a presentación proxectaremos En tierra extraña película documental de Icíar Bollaín que recolle as vivencias dos españois que tiveron que emigrar a outros países por mor da crise. Gloria é unha das 700.000 persoas españolas que deixaron o Estado desde o inicio da crise. Almeriense de 32 anos, mestra sen praza e dependenta nunha tenda de Edimburgo desde hai dous anos, Gloria pon en marcha, xunto ao colectivo que ela mesma impulsou, unha acción que, baixo o lema "Nin perdidos nin calados", exprese a súa frustración e dea visibilidade e voz aos máis de 20.000 españois que viven na capital de Escocia e que desexan participar na iniciativa.
Estreada no Festival de cine de San Sebastián de 2014, o debut de Icíar Bollaín na dirección de longametraxes documentais foi nomeado á mellor película, mellor dirección e mellor película documental na 29ª edición dos premios Goya (2015)



/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/