A música en Vigo a
debate no terceiro Estado da Cuestión
Logo
da súa creación en outubro pasado, o Ateneo Atlántico consolida o
formato do Estado da Cuestión para abordar asuntos que
precisan dun debate plural e especializado, en diálogo aberto ante o
público. O mércores 7 de marzo, a música en Vigo centrará o
terceiro destes debates que se celebrará na Biblioteca da EMAO a
partir das 19:30 h.
Sete
representantes de diferentes aspectos da actividade musical na nosa
cidade aportarán a sua ollada e experiencia en ámbitos como a
producción de espectáculos, a interpretación, o ensino, a
implicación das institucións, as tendencias da iniciativa privada,
as demandas e expectativas dos diferentes públicos e as necesidades
que podan ser comúns.
Na
intención do Ateneo prevalece servir como lugar de encontro para que
as diferentes posicións ou alternativas a respecto dalgunha
problemática de actualidade, teñan ocasión de procurar solucións
ou pontos en común. Ata o de agora, a representación da sociedade
viguesa nos debates xa producidos (sobre o MARCO e sobre o teatro),
foi ampla, variada e xenerosa, pero sen conseguir a participación de
responsables políticos. Outro tanto acontece co plantel de expertas
e expertos que concorren ao Estado da Cuestión sobre a música en
Vigo, que moderará a artista multidiscipinar e escritora, Silvia
Penas, no que participarán:
- Anxo Pintos, músico e profesor da Escola municipal de música folk e tradicional, ETRAD .
- Raquel Seijo, compositora, promotora de Sweet Nocturna
- Segundo Grandío, compositor e produtor.
- Felipe Villar, profesor no conservatorio Mayeusis; Jazz Nigrán.
- Rasa Biveiniene Jakutyte. subdirectora do Conservatorio superior de música de Vigo. e especialista en música clásica.
- Patricia Hermida, avogada especialista en dereitos de autoría.
- Luis Campos, organizador do festival Sinsal.
Dada
a importancia das políticas da Xunta e do Concello nas actividades
relacionadas coa música, desde a organización convidouse aos seus
representantes para intervir no debate, pero non confirmaron
asistencia. O Ateneo lamenta a ausencia das institucións públicas
en encontros coma este que proporcionan unha oportunidade para a
transparencia e o cumprimento da obriga de explicar o labor dos nosos
representantes. Malia todo, sempre que sexa preciso, manterá
abertos os seus actos á súa participación.