Fiel aos seus principios fundacionais, e pasada a paréntese do verán, o Ateneo Atlántico volve á palestra da actualidade viguesa disposto a se consolidar coma un referente de todo o que por aquí se move. Deste xeito, e como primeiro avance, presentamos unha boa presa de actividades, unhas, xa pechadas, e outras en avanzada vía de concreción, para desenvolver ao longo deste terceiro cuadrimestre de 2018.
- Campaña de asociados. Desde o minuto cero, no Ateneo Atlántico sabemos que o noso poder (de organización, de convocatoria, de movemento, de manternos como espíritos libres..., que ninguén pense mal!) é proporcional ao poder das nosas asociadas; e este poder é tanxible: depende tanto da calidade como tamén da cantidade de socios: cantas máis sexamos, máis actividades e maior independencia. Por isto, ao longo deste outono organizaremos diversas campañas para tentar chegar a máis mulleres e homes que se queiran unir ao noso proxecto.
- Espazo Atlántico (Dr. Cadaval 17, Vigo). Presentación desta novidosa área cultural que aspira a se converter en axente mobilizador e catalizador das inquedanzas artísticas da cidade de Vigo, ao tempo que acollerá algunhas das nosas actividades. A intención do Ateneo é colaborar para que o Espazo se consolide como lugar de encontro de xentes bulideiras; xa temos en mente comezar por dous espazos de acollida, un literario e outro para cinéfilos.
- Os mundos de Ferrín. Co gallo do oitenta aniversario de Xosé Luís Méndez Ferrín, o Ateneo Atlántico cre que xa son tempos de lle render unha merecida homenaxe cidadá a unha figura imprescindible na vida dun segundo Rexurdimento galego. A nosa aportación será a organización de catro mesas redondas arredor, cada unha delas, das diferentes facetas do Ferrín personaxe público: o xornalismo, a poesía, a narrativa e a política. Entre outros moitos persoeiros, xa temos confirmada a presenza, nalgunha das mesas, de autoridades da talla de Xosé Ramón Pena, Darío Xoán Cabana, Anxo Angueiro ou Xosé Manuel Beiras.
- Os límites do planeta que compartimos. Benvidos ao Antropoceno. A día de hoxe quedan poucos, ou moi poucos, aluados que dubiden do demoledor impacto global do ser humano no deterioro irreparable do planeta Terra. Este impacto leva a que sexan cada vez máis as voces que solicitan a sona de Antropoceno para a actual época do período Cuaternario da Historia terrestre.
O Ateneo súmase a esta iniciativa organizando, en colaboración con diversos departamentos daa Universidades galegas, unha serie de charlas divulgativas sobre esta corrente científico-filosófica e as súas distintas aristas. - O Vigo Cultural. Dende hai meses o Ateneo está a participar en xuntanzas con outras asociacións e axentes culturais da cidade para analizar o deterioro progresivo da cultura en Vigo. Froito destas reunións é a idea de celebrar un Estado da cuestión do que saian ideas e conclusións prácticas e concretas que logo, e de cara ás eleccións municipais de primavera, serían presentadas ás forzas políticas da cidade.
- cinemAteneo. E, como non, en outubro reiniciaremos o noso cinefórum; novos ciclos e novas películas para un mesmo día, o segundo mércores de cada mes.
Temos postas as bases para profundar a nosa relación e entendemento para organizar actos conxuntos coa Primavera de cine e Sinerxia.
Ademais, e no marco das VII Xornadas galegas contra a Trata sexual, o 17 de outubro (Multicines Norte), coorganizamos coa Rede galega contra a trata un debateque estará apoiado pola proxección do documental colaborativo Blessy.
- Debate arredor do dereito a unha morte digna en colaboración coa Asociación que defende este dereito fundamental do ser humano.
- Reflexión sobre a idoneidade ou non do cambio de hora, visto desde as súas diferentes capas de análise (psicolóxica, científica, enerxética...).
- Charla arredor da situación actual da política galega.
- Acto, en colaboración co concello de O Porriño e diversas asociacións, sobre a fundación de Industrias Celtia e as pouco coñecidas relacións desta creación, en pleno franquismo, co ámbito republicano. Proxectaremos a película Os fillos do sol.
- No tocante ao Vigo industrial, este cuadrimestre pretendemos centrar os nosos esforzos nunha campaña divulgativa sobre os edificios industriais da cidade de Vigo en risco de desaparición. Xa estamos en contacto con outras organizacións e persoeiros que están a realizar recoñecidos esforzos nesta mesma liña.
- Barallamos un par de saídas; unha ecolóxico-histórico-enolóxico-gastronómica ao Ribeiro, e outra literario-paisaxística arredor de Miguel Torga.
Tamén, e dentro do marco de todas as actividades que xiran arredor do Vigo industrial, maduramos unha saída pola ría para descubrir o mundo da industria viguesa e as súas problematicas dende unha perspectiva diferente.
Para pórte en contacto con nós:
Correo-E: ateneoatlantico@gmail.com
E, se aínda non es socia, e queres unirte a nós, non tes máis que encher o formulario ao que te conduce o seguinte enlace: