A obra foi galardoada cos premios Manuel García Barros (2017) e Arzebispo Xoán de San Clemente (XXIV edición, 2019). O que se nos conta é a andanza de Delia Cores, unha rapaza, que na primeira metade do século XX, vive unha historia de amor, pero tamén tropeza coa parte máis violenta do ser humano, coa chegada da Guerra Civil e da posguerra. O día que coñece a dous amigos (un inglés e outro alemán) cambialle a vida. Máis adiante, ao quedar preñada, sinte o rexeitamento dos seus pais, razón pola cal ten que valerse por se mesma. O seu fillo será toda a súa vida “o xardiñeiro dos ingleses”. A novela agacha un segredo a costa dunha tumba valeira no Cemiterio dos Ingleses.
O libro, en maior ou menor medida, trata do amor, a desigualdade social, a memoria histórica, a vinganza, a superación, a fraternidade, a liberdade, a valentía, a realidade... E por suposto, coma un personaxe máis, Vilagarcía, lugar onde acontencen os feitos, maiormente, que é reinvindicada como referente, social e económico, neses primeiros anos do século pasado.
Valoramos positivamente o encontro con Marcos Calveiro. Agradecemos do escritor a cercanía, o tempo adicado, a sinceridade das respostas, a explicación dos segredos da súa escrita, as referencias á distancia entre a realidade e a ficción, a naturalidade ao amosar fortalezas e debilidades... En fín un espléndido exercicio de explicitación do proceso creador.
O libro, para boa parte dxs contertulixs, resultou adictivo. As contras víronse na excesiva pormenorización, en atopala como novela costumista ou en non sentir apego polos libros de intriga. No debate fíxose fincapé na conveniencia do título, nas carencias ou desmesuras dos datos ou na súa redacción, no modelo de novela, na estrutura, na facilitación da lectura, nos narradores, nos personaxes protagonistas e secundarios, no ritmo, na cercanía co cine, no autor na ficción e na realidade, no desentrañamento dos misterios... O que nos quedou claro é que Delia son moitas mulleres valentes, que Vilagarcía é grande e que o autor fíxose xustiza ao furgar no seu pasado.
Vaia como despedida, eabondando neste último punto, a cita de Badly Drawn Boy escollida para o libro:
"Retrocedo para ser quen fun, abro as portas que tentastes pechar"