Club de lectura: Maio 2019



Na reunión do club de lectura do día 7 de maio estivemos 16 persoas arredor da novela proposta que foi “La buena letra” de Rafael Chirbes.

Esta obra, a terceira deste escritor, concitou a unanimidade de todos nós: pareceunos excelente. Ana, a protagonista, cóntalle en primeira persoa ao seu fillo fragmentos da súa vida, as miserias da posguerra que teceron as relacións familiares, as traicións e deslealdades de parte dos seus membros. As feridas do pasado seguen abertas, non cicatrizan porque se ocultan e seguen a facer mal. As novas xeracións ignoran o pasado e non aprecian a lucidez, sabedoría e dignidade da precedente. Na novela tamén está patente a atracción reprimida entre a protagonista e o seu cuñado.

A novela é brillante tanto polo que di como polo que se intúe. Serviunos para facer unha reflexión sobre a xeración da guerra e da transición da ditadura cara a democracia. O esquecemento e desprezo da vítimas do franquismo é un tema que aínda está vixente. O silencio, incluso polos primeiros gobernos de esquerdas, supuxo unha tremenda decepción. Creemos que está na mente do escritor facer esta denuncia, así como tamén esbozar o perigo de que as persoas que posúen cultura (a boa letra) manipulen cos seus coñecementos á xente que non puido acceder a eles. Foi moi emotivo o recordo dun dos integrantes do club, amigo persoal de Chirbes. Contounos anécdotas vividas co escritor.

Acordamos que a próxima reunión será o día 4 de xuño e a obra proposta é “Circe ou o pracer do azul “ de Begoña Caamaño.

Un saudo dos coordinadores do club de lectura.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/