Luces e Sombras: 30 anos de fotografía en Vigo
Unha charla coloquio con Manuel Sendón · Presenta Iria Vázquez
Martes 8 de Outubro · 20:00h
Auditorio do Instituto Politécnico de Vigo · r/ Conde de Torrecedeira 88
Tras o anuncio do Concello de Vigo de ceder á Deputación de Pontevedra o edificio que foi construído para ser o Centro de Fotografía, para albergar a sede desta institución, diferentes asociacións decidimos realizar unha charla coloquio sobre a situación da fotografía na cidade durante estes últimos 30 anos.
Segundo as declaracións oficiais o centro albergaría a colección fotográfica que xerou a Fotobienal de Vigo e o Arquivo Pacheco, que contén un século da historia da cidade. En 2015, coincidindo coa campaña das eleccións municipais, presentaron unha exposición, realizada sen ningún criterio, nunha sala do edificio, e dende aquela o edificio permaneceu pechado.
Estas novas deben levar a unha reflexión sobre o pasado, o presente e, sobre todo, o futuro dunha disciplina tan importante para a nosa cidade como é a fotográfia e o seu legado. Por iso, o Ateneo Atlántico, xunto á asociación profesional de artistas A Colectiva, e o Colectivo CAIN, convoca a tódolos colectivos fotográficos de Vigo, aos profesionais do medio, e a cidadanía de Vigo, a unha charla coloquio con Manuel Sendón, presentada pola artista Iria Vázquez, que se celebrará o vindeiro Martes 8 de outubro, ás 20:00h, no auditorio do Instituto Politécnico de Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira.
Agardamos poder contar con vos.