Berta Cáccamo: Enteiramente pintado

Presentación do libro - Homenaxe
Berta Cácamo: Enteiramente pintado
(Rexistro dun percorrido vital)
Con Juan de Nieves e Carlos L. Bernárdez
Xosé Álvarez Cáccamo lerá o seu poema Berta
Xoves 6 de febreiro de 2020, 19.30 horas
Biblioteca da EMAO

Na tesitura dunha homenaxe do Ateneo Atlántico a Berta Cáccamo, aproveitamos o momento para realizala a través da presentación do libro Enteiramente Pintado (Chan da Pólvora, 2019).
O acto terá lugar o xoves 6 de febreiro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (rúa García Barbón 5, Vigo).
Para o acto contaremos coa presenza dos tres autores: Juan de Nieves, Carlos Bernárdez e Pepe Cáccamo, que recitará o seu poema Berta.

Berta Cáccamo
Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018). Pintora, profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Licenciouse en Belas Artes na Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi de Barcelona. En 1987 recibiu a bolsa Manuel Colmeiro da Xunta de Galiza, e en 1990 a bolsa de Creación Artística Banesto en Madrid.
Comezou a expor en 1986, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. En 1989 obtivo o premio Cidade de Palma, na Bienal de Pontevedra e no I Certame Unión Fenosa da Coruña. En 1991 foi premiada no II Certame Unión Fenosa. En 2017 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas. En 2019 o CGAC rendeulle unha homenaxe.



Enteiramente Pintado
Enteiramente pintado: Rexistro dun percorrido vital, é a concreción, en forma libro, da exposición do mesmo título que, no ano 2019, organizou a propia familia para expor o legado da xenial artista.
A exposición foi comisariada por Juan de Nieves e o libro, ademais de imaxes das 40 obras expostas inclúe textos do propio comisario, do seu irmán Xosé Cáccamo, que aborda a orixe do legado de Berta, e do crítico de arte Carlos Bernárdez, que se ocupa de escribir sobre a obra da pintora desde un punto de vista analítico

Os relatores
Juan de Nieves (A Coruña,1964). Licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola USC. Foi director do centro Rupert de Vilna (Lituania), conservador do Centro Galego de Arte Contemporánea entre 1994 y 1998. Técnico de exposicións no Consorcio de Museos de la Comunidad Valenciana. Xefe de exposicións e posteriomente director artístico no Espai d art Contemporani de Castelló.
Como comisario independente realizou exposicións con Rosa Barba, Isidoro Valcárcel Medina, Miguel Ventura ou a propia Berta Cáccamo, entre outros.
Membro honorario da Asociación de Directores de Arte Contemporánea de España (ADACE).
Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958). Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte. Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura (De catro a catro de Manuel Antonio, 1991, Edicións do Cumio; Eduardo Blanco-Amor, Sempre en Auria, 1993; Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora, 1995 ou Lorenzo Varela: Biografía e antoloxía, 2005, Ed. Xerais) e no campo das artes (Breve historia da arte galega, 2005, Nigra; Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra: Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, 2011, Fundación Novacaixagalicia, Vigo;Manuel Colmeiro, 2011, Galería Montenegro, Vigo; Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, 2012, Nigra).
Xosé María Álvarez Cáccamo (Pepe Cáccamo, Vigo, 1950). Escritor, crítico literario e profesor de literatura. Creador dunha vasta obra na que ademais de poesía, podemos atopar algúns relatos breves, ensaio, teatro ou literatura infantil, obra que está traducida ao catalán, castelán, éuscaro e italiano. Entre os seus poemarios cómpre destacar Os documentos da sombra (Sotelo Blanco 1986, Premio nacional da crítica), Luminoso lugar de abatimento, Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1987, Premio Esquío), A escrita das aves de marzo, Edições Tema, 1997, Premio da Crítica Galega), Vocabulario das orixes, (Deputación de A Coruña, 2000, Premio Miguel González Garcés).
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/