Comunicado da Xunta Directiva
Antes de nada vaia por diante o noso sentido desexo de que todas e cada un vos atopedes co mellor dos ánimos e gozando dese ben tan prezado que é a saúde.Dito o anterior, e pasada unha primeira fase de “parálise vírica”, dicirvos que o Ateneo Atlántico retoma a actividade.
No día de onte, reunida telematicamente, a Xunta Directiva do Ateneo tomou unha serie de acordos que pasamos a comunicarvos:
- A regulamentaria Asemblea Ordinaria que estaba convocada para o 27 de marzo co obxecto de aprobar o balance económico do 2019 e a proposta de orzamento para o ano 2020, celebrarase tan pronto como as circunstancias o permitan.
- En segundo lugar, a suspensión de actividades, xunto coa suficiencia económica da que actualmente goza o Ateneo, aconsella conxelar o cobramento de cotas mentres non se poida recuperar un mínimo de normalidade na programación de actos. Esta decisión seguirá vixente, cando menos, mentres os gastos fixos (local, mantemento de redes, subscricións…) ou aqueles comprometidos previamente, permitan a súa continuidade.
As cotas anuais e semestrais adiantadas serán obxecto da súa adecuación unha vez coñezamos as consecuencias finais do illamento. - Desde a Xunta Directiva facemos un chamamento colectivo para seguir en contacto a través dos noso medios habituais de comunicación, basicamente, do correo electrónico (ateneoatlantico@gmail.com), do blog (https://ateneoatlantico.blogspot.com/), e tamén do facebook (https://www.facebook.com/ateneoatlantico/).
Ademais, e para mellor xestionar a comunicación nesta situación tan anómala habilitamos un segundo enderezo electrónico: ateneonacasa@gmail.com. - Por calquera das vías anteriores podedes comunicarnos todas aquelas suxestións, observacións, inquedanzas ou comentarios que consideredes oportunas; procuraremos dar resposta do mellor xeito e no mínimo tempo posible.
- Na mesma liña, dicirvos que nos próximos días recibiredes un correo con propostas concretas de actividades nas que podemos participar desde casa e que andamos a argallar coa fin de compartir entre todas unha parte destes complicados tempos que nos toca vivir.
Hoxe máis que nunca sintámonos xunt@s.
Vaia, tamén, o noso absoluto respecto, agradecemento e solidariedade con todas as persoas e colectivos que, de xeito tan admirable, e no día a día sanitario, están tratando de minimizar as consecuencias deste maldito covid-19.
Lembrámonos, tamén, de todas aquelas outras que, desde o anonimato, continúan no seu posto de traballo para que a nosa vida cotiá, protexida do coronavirus, poida continuar
Recibide unha calorosa aperta e unha manchea de ánimos.
A Xunta directiva do Ateneo Atlántico