O Ateneo Atlántico coa cultura


Manifesto do Ateneo Atlántico pola cultura en Vigo


O Ateneo Atlántico de Vigo, consciente da enorme fenda que a pandemia está a provocar no tecido cultural desta cidade comunica o seguinte:
Manifestamos a nosa profunda preocupación pola grave situación que percorre o conxunto da sociedade e trasladar a nosa dor e solidariedade a todas aquelas persoas que directa ou indirectamente están a sufrir os efectos desta pandemia, mormente os afectados na súa saúde. Ao tempo, expresar o noso absoluto respecto, agradecemento e solidariedade con todas aquelas persoas e colectivos públicos e privados que están, admirablemente, loitando en primeira liña, contra o maldito Covid-19.
Esta crise de pesadelo obríganos a pór, como asociación social e cultural que somos, as nosas capacidades ao dispor de calquera solicitude que se considere posible e necesaria para contribuír a paliar e superar os efectos que se están a producir.
O Ateneo Atlántico é consciente das graves consecuencias que esta crise está a provocar no tecido cultural da cidade, xa abondo castigado con anterioridade á devastadora pandemia.
Consecuencias non moi diferentes ás que están a sufrir outros sectores e territorios que merecen toda a nosa preocupación e solidariedade; mais, conscientes das nosas limitacións e ámbito de actuación, sentímonos especialmente obrigados e comprometidos co contexto cultural da nosa contorna.
Debería resultar obvio comprender que o desenvolvemento cultural, en todas as súas manifestacións creativas, é unha das principais bases que alicerzan a convivencia das persoas nunha sociedade que aspire a súa plenitude democrática.
A Constitución contempla a Cultura como un Dereito Fundamental que os Poderes Públicos
deben promover, tutelar e asegurar o seu goce a toda a cidadanía. Consideramos, pois, nestes difíciles momentos, estériles os debates sobre se a sustentabilidade económica da creación artística debe proceder da subvención pública/privada ou ben simplemente depender da lei da oferta e a demanda.
Non deixa de sorprender a inexplicable desvalorización que observamos que se ten sobre o importante beneficio económico que xera o sector cultural; máis dun 3% do PIB dun xeito directo ademais do que indirectamente crea a través do turismo, imaxe... ...
Centrándonos na nosa cidade consideramos que dende xa hai moitos anos a aposta das principais institucións públicas e privadas é ben mellorable. Aposta, practicamente inexistente tanto na implantación orzamentaria coma na vontade política e social respecto ao seu compromiso co desenvolvemento cultural.
Deberiamos transformar estes momentos de reflexión colectiva nunha oportunidade que poña en valor a enorme enerxía e vitalidade que historicamente amosou, e está a amosar, o tecido cultural de base da nosa cidade; enerxía e vitalidade amosada malia carecer, en moitas ocasións, dos estímulos e apoios necesarios.
Consecuentemente coidamos precisa a maior predisposición de todos os axentes económicos, sociais e culturais da nosa contorna para lograr reverter a situación.
Chamamos pois a todas as institucións Públicas (Concello, Universidade, Deputación, Xunta, Porto, Zona Franca...) e empresas cunha forte interdependencia coa sociedade da nosa contorna (Abanca, Grupo PSA, Corte Inglés , Gadisa/Vegalsa,...) a contemplar nos seus futuros orzamentos e plans de interacción social este imprescindible investimento cara a unha sociedades máis crítica, produtiva, inclusiva, feliz e democrática.
Investimento que posibilite a optimización dos recursos culturais actualmente dispoñibles e a adaptación ou creación de espazos axeitados ás novas necesidades de eventos cunha participación máis reducida e de proximidade.
Entendemos como imprescindible contarmos coa implicación e participación da rica, competente, diversa e complexa comunidade de emprendemento cultural á hora do deseño de calquera Plan de actuación. Plan que precisa da maior transparencia e participación posible.
Apostamos pola creación de amplos lugares de encontro de todos os axentes implicados onde se poidan expresar e valorar todas as iniciativas cidadás. Coidamos necesario máis que nunca, mais non suficiente, a creación dun Consello Municipal de Cultura sen que iso supoña desbotarmos outros espazos de participación.

Vigo, 14 de maio de 2.020
Ateneo Atlántico de Vigo
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/