Club de Lectura. Patagonia Express. Xuntanza

Club de Lectura
Patagonia Express
Luis Sepúlveda
Xuntanza

Reunímonos telematicamente 12 persoas do club de lectura para falar do libro de Luis Sepúlveda. Este libro foi escollido como homenaxe a este escritor morto por culpa do virus que nos confinou dous meses e tamén por poder atopalo na rede cando as bibliotecas e librerías estaban pechadas.
É un libro de viaxes especial, máis ben uns apuntes de experiencias vividas nas viaxes ou historias sucedidas nos lugares polos que pasou. Pareceunos que a estrutura era inexistente pero a todxs nos cativou a prosa poética coa que describe estas viaxes. Algunha persoa mencionou que lle parecía curto, incompleto, descontinuo.

Ao inicio da sesión vimos un vídeo curtiño co que lle puxemos cara e voz ao autor. Nel falaba da oralidade da súa escrita e da importancia do lar.

En xeral a todxs nos gustou a lectura e apuntamos unha chea de aspectos positivos:
  • as temáticas comprometidas co medio ambiente e coas persoas máis oprimidas, a denuncia do colonialismo español e inglés, a crítica ao progreso capitalista, o terror das cárceres da ditadura, a corrupción policial...
  • o dominio da linguaxe, a poesía , a oralidade
  • -a pescuda do humor e aínda do realismo máxico, da esaxeración. A mestura entre realidade e fabulación
  • o papel que se outorga de escoitador de historias en terras indómitas
  • personaxes desmesurados, perdedores heroicos: o avó anarquista, o capitán Palacios, Carlos No Más e a súa avioneta “El loro con hipo” , Panchito, Carlitos Carpintero, o nazi que escolleu o bando equivocado, os bandoleiros anarquistas ...
  • o eloxio do nomadismo e da aventura
  • a Patagonia como espazo virxinal, exótico, confín periférico cheo de pobreza e abandono
  • as mulleres silenciadas, en xeral detrás dos homes e cos papeis tradicionais
  • pechar o relato no lugar no que comezou a vida do seu avó que foi quen lle fixo a encomenda da viaxe
  • algúns capítulos marabilloso como o do concurso de mentiras, o dos profesores do pobo acompañando ás mulleres prostituídas ao cine, o do neno que falaba cos animais mariños...
Acordamos por votación que o próximo libro do club será “Adiós, María” de Xohana Torres e
que intentaremos vérmonos , se é posible, o primeiro martes de outubro.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/