XUSTIZA, DEREITO E LIBERDADE
Xoves 29 de outubro, 18 horas
Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Consello da Cultura Galega
Ateneo Atlántico
Marco
O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol a pensadora e escritora Concepción Arenal Ponte. Douscentos anos despois do seu nacemento, queremos conmemorar esa efeméride analizando o seu legado e valorando a súa vixencia, con rigor e tratando de evitar os anacronismos, coa finalidade de difundir a súa obra e pensamento, entre un público interesado, mais non só especializado, para que se coñeza, máis alá do seu nome e dalgunhas frases soltas descontextualizadas, e en especial aquelas ideas que, aínda hoxe, gozan de maior actualidade e interese.
Ante esta efeméride, o Consello da Cultura Galega organiza un percorrido retrospectivo pola súa biografía e obra visitando os lugares do país que máis a marcaron: Ferrol, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.
O Ateneo Atlántico quere unirse á homenaxe á figura tan destacada da nosa historia, cuxa fonda pegada aínda permanece; para iso colabora co Consello da Cultura Galega na organización do acto que se celebra en Vigo e que leva por título:
Vigo é o lugar onde morreu e está enterrada Concepción Arenal, mais tamén constitúe o espazo onde transcorreron os últimos anos da súa vida, co desenvolvemento dun importante traballo intelectual de madurez, até o final dos seus días, plasmado en numerosos e moi diversos traballos. Analizaremos o seu legado no ámbito xurídico, en dous dos aspectos aos que dedicou un maior esforzo de teorización:
o Dereito Penal e Internacional; as súas ideas sobre o sentido das penas e a xustiza universal.
O acto terá lugar no salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o xoves 29 de outubro a partir das 18 horas.
Programa
Celia Pereira Porto, avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento do CCG
Coordinadora.
Contextualización biográfica e intelectual.
Gonzalo Quintero Olivares, catedrático adhonorem da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona
Concepción Arenal no pensamento penal do seu tempo
Eloy Gayán Rodríguez, profesor titular de Dereito Internacional Privado e de Dereito de Estranxeiría da Universidade da Coruña.
Carta a Concepción desde a Europa actual.
Preme na imaxe para acceder ao pdf do acto
Inscrición
Dadas as dificultades creadas polos momentos que estamos a pasar, e atendendo á lexislación vixente, o aforo do acto estará limitado a 35 persoas.
A presenza ao acto será por rigorosa orde de inscrición.
A inscrición realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo do Ateneo Atlántico:
(ateneoatlantico@gmail.com)
No correo farase constar o nome da persoa que realiza a inscrición, o número de persoas para as que reserva praza e un número de teléfono de contacto.