Felicitámosvos. Felicitámonos

O pasado 4 de maio foi a entrega dos Premios pola Igualdade Ernestina Otero das dúas últimas convocatorias. Os premios, concedidos anualmente polo Consello Municipal da Muller (Concellería de Igualdade) do Concello de Vigo, lembran á pedagoga redondelá que, por méritos propios, soubo facerse un oco nun tempo e nun espazo reservado aos homes: Ernestina Otero Sestelo (1890-1956).
As premiadas foron as socias do Ateneo María Xosé Porteiro (2020) e Chis Oliveira (2021).
Parabéns, amigas!

Felicitámosvos porque ben o merecedes.
O premio, e tamén as felicitacións.
Que a vida e o exemplo, a traxectoria vital, están aí, e son as que permanecen, por riba de calquera outra consideración.
Felicitámosvos porque os premios, o recoñecemento público, veñen confirmar algo que nós xa sabiamos de longo: a vosa forza, empeño e tenacidade na loita pola igualdade.

Felicitámosvos pero tamén nos felicitamos.
O Ateneo Atlántico está ledo, moito.
Porque Chis e María Xosé forman parte do marabilloso corpo de persoas que paseniño pero sen pausa, estamos a facer realidade o soño aquel dun Ateneo para Vigo. Ademais de socias e amigas, María Xosé e Chis son colaboradoras incansables nas nosas actividades.
Felicitámonos porque non son as primeiras, e estamos certas de que tampouco serán as últimas. Isabel Blanco, gañadora da segunda edición en 2014, tamén é ateneísta de pro.
Felicitámonos porque o éxito das nosas compañeiras, das amigas, nos toca moi de cerca; gústanos, enorgullécenos, tócanos a fibra máis sensible.

Felicitámonos porque premios así alentan un proxecto no que a tolerancia, a pluralidade, o diálogo, a solidariedade..., en fin, a igualdade entre persoas, forman parte da cerna máis íntima e profunda dun xeito de entender a sociedade e a cultura.
Felcitámonos porque o Ateneo Atlántico de Vigo non é nada...

Nada máis, nin nada menos, que todas as Mariaxosés, Chis, Manolos e Santiagos que o formamos.

Parabéns a todas!

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/