Saída arquitectónica por Vigo: O Ensanche en conserva

Ateneo Atlántico e Estudio 04 Arquitectos

Ensanche en conserva
Os estilos arquitectónicos
Andaina arquitectónica polas rúas de Vigo
Con Nacho Hortas
Mércores 16 de xuño, 19 horas
Duración aproximada 2 horas
25 prazas
Inscrición previa obrigatoria

INSCRICIÓN PECHADA

TODAS AS PRAZAS CUBERTAS


Nacho Hortas, arquitecto, docente e divulgador, e a raíz dos seus estudos sobre o urbanismo no Ensanche do século XIX en Vigo, ten un ambicioso proxecto para a protección e divulgación deste importante núcleo da arquitectura viguesa.
Dentro do seu labor docente e divulgador ten preparadas tres rutas didácticas polo Ensanche vigués de 1900 a partir das que pretende dar a coñecer o seu traballo multidisciplinar.
Baixo o título xenérico 'Ensanche en Conserva', a primeira ruta leva por nome 'Galicia Caníbal: Patrimonio perdido de Vigo'; a segunda é 'Galicia Caníbal II: Infraestruturas', e, a terceira, a que hoxe presentamos, 'Os estilos arquitectónicos'.

A intención é poñer en valor a peza máis senlleira, identificadora e importante da cidade, non só pola súa excelsa calidade arquitectónica e urbana senón porque representa a sociedade que transformou un pequeno pobo de artesáns sen importancia na contorna, na meirande cidade de Galicia.

O Ateneo Atlántico comprácese en organizar unha primeira saída en colaboración con Nacho Hortas.
Confiamos en que será o primeiro dunha serie de proxectos comúns que terán continuidade a partir de setembro. 

“Ensanche en Conserva”: Os estilos arquitectónicos 

Nesta ruta do “Ensanche en Conserva”, denominada dos “Estilos arquitectónicos”, percorremos a cidade da man da evolución da súa arquitectura.
O que se busca é: recoñecer os distintos momentos históricos, indagar na evolución da cidade e os seus avatares, coñecer a burguesía e o proletariado que a fixo posible, e pescudar nas ideas que bulían nos arquitectos e mestres de obras que a construíron.
A arquitectura como escusa para percorrer os anos cruciais da nosa querida cidade e recoñecer a sociedade conserveira que a fixo posible.

Díptico Ruta 1 AnversoDíptico ruta 3: Reverso

Premendo nas imaxe podes ver e descargar o díptico cos detalles da saída

Lembra, a saída será o mércores 19 de xuño a partir das 19 horas.
Para poder participar é imprescindible a inscrición previa a través do formulario de Google.
En cada solicitude só se poderán reservar dúas prazas.
No caso de que o número de solicitudes supere as prazas, terán preferencia de asistencia as persoas asociadas ou aquelas que soliciten como acompañantes dunha asociada (máximo unha persoa invitada por asociado).
O formulario de solicitude abrirase o sábado 12 de xuño ás 12 horas e permanecerá aberto ata que se complete o aforo da actividade.

ANÍMATE A DESCUBRIR CONNOSCO “O ENSANCHE EN CONSERVA”.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/