Club de lectura
Todo canto fomos
Xosé Monteagudo
Xuntanza
O pasado día 3 de novembro deste 2021, tivemos a honra de recibir no club de lectura ao autor do libro que estivemos a ler este mes. Foi Xosé Monteagudo co seu libro “Todo canto fomos”. Previamente á súa visita fixemos unha rolda rápida entre as dezaseis persoas que asistimos á sesión, apuntando opinións sobre a obra. Houbo unanimidade en que era unha obra moi interesante que lle dá voz ás persoas que non a tiveron. Gustounos a estrutura que fai que teñamos que ir construíndo a saga familiar. Obriga a unha lectura atenta. Pontevedra é protagonista do libro nun momento moi concreto da preguerra. Alí se funda a partido galeguista e é a cidade de enormes personalidades como Castelao ou Bóveda. Os episodios da Illa de san Simón parecéronnos especialmente brillantes.
É unha novela realista que ficciona a historia en enormes saltos temporais. Pareceunos un acerto o título e tamén a imaxe da portada.
A continuación reunímonos con Xosé durante unha hora. Fixémoslle preguntas e comentarios que el foi contestando amablemente, intercalando anécdotas sobre o seu proceso creativo.
A sesión foi moi produtiva e pareceunos un pracer e un luxo ter con nós a un autor tan premiado. Antes de marchar asinounos exemplares do libro.