Nada se opone a la noche
Delphine de Vigan
Xuntanza
O 1 de decembro do 2021 reunímonos catorce membros do club de lectura para falar do libro do mes: ” Lo que la noche no esconde” de Delphine de Vigan.
Salvo dúas persoas que non engancharon coa obra, o resto encontrámolo fascinante e moi duro. Pareceunos tremenda a historia desta familia burguesa e bohemia na que hai incestos, loucura, accidentes mortais, suicidios ...
Pareceunos unha obra catárquica na que a autora usa tres voces narrativas: fala en primeira persoa e vainos contando as dificultades de artellar o relato, outras veces fala como protagonista das aventuras que viviu en primeira persoa e outras veces é a narradora omnisciente que dá conta dos diferentes sucesos que lle acontecen á familia. Non hai orde cronolóxica. A miúdo usa prolepsis para anticipármonos o que vai suceder (Este apuntamento, fíxoo Xulio que sempre nos ilustra coa súa erudición).
De Vigan intenta investigar cal foi a verdadeira personalidade da súa nai e para iso recorre aos diarios que deixou escritos, as cintas que gravou o seu avó, as testemuñas directas dos tíos que aínda viven e da súa irmá...vai reconstuíndo a súa vida dende a nenez ata que dá co que considera a raíz da loucura : a violación do seu pai aos dezasete anos e o mirar para outro lado de todos os que a rodeaban, a avoa incluída. Tamén nos relata a nenez en que era modelo de publicidade belísima que supoñía para a familia un produto que xeraba moito diñeiro. Esa nai que dá tombos toda a vida sufrindo a bipolaridade, entrando e saíndo dos psiquiátricos e loitando pola cordura e pola vida. Superándose e sendo capaz de rexurdir. A autora non xulga, simplemente expón feitos e teorías.
Apuntamos que non sería posible unha vida así sen enmarcala no patriarcado que permite que a personalidade histriónica do avó non teña freos de ningún tipo.
O debate, coma sempre, foi moi animado.