Memoria das rapadas
Martes 14 de decembro 20 horas
Multicines Norte
cinemAteneo
Presenta Montse Fajardo
Na liña iniciada na última sesión (Billy), de recuperación da memoria histórica a través de documentais realizados na actualidade, o
Ateneo Atlántico organiza a presentación de Sacar á Luz, Memoria das rapadas.
A proxección, co coloquio posterior, terá lugar o martes 14 de decembro, ás 19 horas, nos Multicines Norte (Vía Norte, Vigo)
Os Multicines Norte ofrecen a posibilidade de facer a compra anticipada de entradas en:
Enlace á Web de Multicines Norte para compra anticipada de entradas
A película
Sacar á luz é un moi suxestivo título para un documental polo que ten de crear expectativa respecto ao que está oculto, agochado, o que é non nato.
Pero se de memoria histórica falamos, engadimos o tráxico compoñente de todo aquilo que foi silenciado, que non se transformou en relato porque permaneceu oculto nas gorxas das vítimas por medo, por pánico, por vergoña ou por sentimento de culpa.
Nun exercicio de dignificación social, as irmás Gema e Mónica del Rey Jordá (artistas integrantes de Art al Cuadrat) e a psicóloga e antropóloga María Dolores Martín Consuegra Martín Fontecha, realizan o documental co devandito título, nomeado a 7 premios Goya na actual edición.
Nel relátanse as memorias de mulleres que foron rapadas durante o franquismo, xunto con testemuñas das súas fillas e netas, así como de persoas investigadoras sobre o tema; a través dun exercicio inter-xeracional vanse debullando as causas e consecuencias do silencio.
O rapado do cabelo escondía as humillacións, desprezos, torturas, violacións e os desfiles moitas veces baixo os efectos do aceite de ricino. Unha vez máis, utilizar o corpo da muller para humillar os vencidos.
A cinta relata o sufrimento que marcou a vida de varias xeracións, nun fío que pretende ter un efecto terapéutico e pedagóxico para toda a sociedade e dar a coñecer o pasado para dignificar as vítimas.
Para que non nos asolague un Río de Esquecemento, para curar os hematomas dos ósos baixo terra que non serán po mentres non se saque á luz o que agocharon. Por iso a necesidade de documentais como o que agora o Ateneo Atlántico presenta.
Montse Fajardo
A presentación da película correrá a cargo de Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), xornalista e escritora galega.
Despois de estudar Ciencias Políticas e da Administración e de facer un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, comezou a traballar como periodista en diferentes medios de comunicación, primeiro no Salnés, e logo a nivel galego. As súas colaboracións asoman tanto desde medios escritos como radiofónicos.
Motse forma parte do equipo do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra para dar a coñecer en centros educativos as consecuencias da sublevación en Galicia; a súa participación é coa charla "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36".