Memoria de dous intensos meses


O pasado seis de outubro, no auditorio do Marco, vía a luz o Ateneo Atlántico.
Concretábase así o proxecto dun puño de viguesas que levaban, xa, varios meses de xuntanzas tentando concretar as posibilidades de materialización, non se sabe moi ben de que, se dunha difusa ilusión ou dun soño.


Hoxe, o Ateneo Atlántico é unha realidade, aínda en cueiros, pero tan real como esas trescentas persoas que, como asociadas ou simpatizantes, xa forman parte da familia do Ateneo.
E iso si, en apenas dous meses, o Ateneo convocou dous debates, unha conferencias, dúas sesións de cinefórum e o nacemento dun libro. Xunto coa propia presentación do Ateneo, estamos a falar de 7 actividades en 60 días... Coma que di, unha proposta cada nove días. E o máis ilusionante: todas elas contaron cunha asistencia de vigueses axeitada ao aforo de cada un dos locais elixidos (cando non por riba das nosas posibilidades de acollemento)

Na foto do día da presentación podemos ver, e de esquerda a dereita, a unha boa parte dos membros da Xunta directiva do Ateneo Atlántico: José Luis Mateo (vicepresidencia), Emilio Zunzunegui (tesoureiría), María Xosé Porteiro (relacións coa prensa), Anxo Cabada (presidencia), Manuel Forcadela (área literaria), Ana Fresco (área artística), Marta Souto (área medioambiental), Nacho Pérez (redes sociais), X Carlos L Bernárdez (área artística), Dori Castro (secretaría) e Ana Fresco.Aquel seis de outubro comprendemos que todos os esforzos pagaran a pena.
O éxito da convocatoria foi sensacional: calculamos que algún cento de persoas...; en todo caso ducias de amigas que houberon de quedar de portas para fóra, sen poder recibir da nosa parte a consideración e o meco que merecían por estar alí, con nós, apoiándonos incondicionalmente.
Por outra banda, non puidemos estar mellor acompañados: Morris, Xina Vega, Antón Bouza, Victoria Besada, Iria Sobrino e Area Erina apostaron por nós naquela emocionante velada.

A repercusión nos medios deu fe e constatou que algo novo, e semella que diferente e rompedor, empezaba a moverse no sempre nervioso mundiño social, cultural e científico da cidade de Vigo.


Pasada a bebedeira inicial, chegaba o momento da verdade.
O 25 de outubro convocamos o noso primeiro acto, digamos, máis en 'serio'. Bautizamos o modelo como 'O estado da cuestión' e aproveitamos a idoneidade do momento debater sobre o Marco. O formato, novidoso e arriscado: dimos difusión ao debate e carta aberta a todas aquelas persoas que quixesen expoñer o seu punto de vista, fose cal fose, sobre o futuro do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.



A biblioteca da Escola municipal de artes e oficios quedounos pequena. Baixo a atenta mirada do presentador e moderador, Xosé Carlos L. Bernárdez, puidemos escoitar, entre outras, as opinións de Ania González, Daniela Sarraíno, Mingos Teixeira, Xerome Calero, Ánxel Huete...


O mércores 8 de novembro subimos o pano dun novo grupo de actividades: o cinefórum, ou, como demos en chamalo, o cinemAteneo. O ciclo inaugural xira arredor do uso que o poder fan do medo e a primeira película foi a canadense (Denis Villenéuve, 2010), Incendies. Para a presentación e coloquio contamos coa inestimable presenza da escritora viguesa-kurda Yasmina Shawki e actuou como moderador Emilio Zunzunegui. De novo o aforo do local quedounos escaso e houbo xente que non puido acceder á sala. Unha vez máis vémonos na obriga de encaixar o erro e pedir escusas.


'A apropiación do espazo público: entre a arte e a delincuencia. Evidencias na cidade de Porto' foi o título da marabillosa charla coa que nos deleitou António Monteiro de Oliveira, o 20 de novembro na casa Arines (sede do Instituto Camões en Vigo).


Presentou Carla Sofía Amado (Instituto Camões) e moderou José Luís Mateo. Outra vez afluencia por riba das posibilidades do local e nivel moi alto na conferencia...


No noso afán por diversificar os espazos que propoñemos para as actividades, o 24 de novembro trasladamos as artes do Ateneo á Casa Galega da Cultura. Novo espazo e tamén novo ciclo cunha chea de posibilidades de futuro: 'Pensar a cidade'.

Abrimos co debate 'O Vigo industrial' no que propuxeron as súas teses Xosé Carlos Arias e Xan Carmona con Amelia Pérez de moderadora; neste caso a organización correu a cargo de Lucio Martínez e Emilio Zunzunegui e a presentación de Anxo Cabada. Como non, novo éxito de público e poñentes.


A segunda película do cinemAteneo foi Axenda Oculta, de Ken Loach, cos comentarios de Celso López Pazos e a coordinación de Dori Castro. Como é habitual, segundo mércores de mes (neste caso decembro) e un chanzo máis na bebedeira de éxitos. Reflexión, e constatación de que, por moi ben que vaian as cousas, hai que vivir cos pés no chan.


Xa por fin, o 14 de decembro, na libraría Librouro, novo ámbito de actividades: o literAteneo, un espazo para a literatura no que colaboramos coa presentación do libro de investigación 'El pan y la cruz. Hambre y auxilio social en Galicia durante el primer franquismo', do historiador Lucio Martínez Pereda.


Acompañaron ao autor María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela...

E agora, a pousa de Nadal.
Un par de semanas para dixerir os éxitos do pasado, arrefriar as cabezas, poñer os contadores a cero e comezar a pensar no que será o Ateneo Atlántico a partir de xaneiro.

Iso si, de entrada, propoñémonos cumprir a esencia da declaración fundacional do Ateneo, que de verdade sexa un espazo plural, independente, colaborativo, aberto a todas e a todos. Para dar fe do titular de La voz de Galicia na primeira entrevista ao noso presidente Anxo Cabada ('cantos máis vigueses se sumen ao Ateneo, máis actividades poderemos organizar') uns dos primeiros pasos que daremos será a convocatoria dunha xuntanza xeral de ateneístas para, entre todas, marcar o rumbo do que queremos que sexa o Ateneo, escoitando todas as propostas, creando ámbitos de reflexión e traballo, abrindo os brazos a todas as que queirades colaborar dun xeito máis activo na construción desta ilusión compartida.
E pouco máis. Desexarnos a todos e a todas unhas Boas festas e que 2018 sexa o ano de todos vosoutros e de todas nosoutras, porque así o será, tamén, do Ateneo Atlántico.
/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/