Presentación do libro: El pan y la cruz


El Pan y la cruz. Lucio M. Pereda. Editorial Biblioteca Nueva

O Ateneo Atlántico e a Editorial Biblioteca Nova presentan o próximo 14 de decembro ás 8 da tarde na libraría Librouro o libro El pan y la cruz. Hambre y Auxilio Social durante el primer franquismo en Galicia, do historiador Lucio Martínez Pereda.
Na presentación intervirán, ademais do propio autor, Manuel Forcadela e Maria Xose Porteiro.

El pan y la cruz. Nesta obra, o autor analiza como a acción da organización falanxista 'Auxilio Social', apoiada en medidas de presión e coacción, terminou sendo unha decisiva ferramenta de control social. En Galicia durante a década dos 40, fame e recristianización serviron para coaccionar aos necesitados e conducilos cara a comportamentos de aceptación e reprodución de pautas de conduta e adoutrinamiento relixioso. Estas medidas foron respondidas con mostras de rexeitamento que non se axustaron á imaxe propagandística dunha Galicia submisa e colaboradora.

Lucio Martínez Pereda. Historiador. Investigador especializado na propaganda, a violencia política e o control social no primeiro franquismo en Galicia. É autor, entre outros, de: Propaganda, mobilización e cerimonias político relixiosas en Vigo durante a Guerra Civil (2011) e Medo político e control social na retagarda franquista (2015).

Manuel Forcadela. Poeta, ensaista e novelista. Profesor titular na facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.Profesor invitado no Graduate Center da CUNY (City University of New York). Colaborador habitual en diversas revistas e xornais, é autor de máis dunha trintena de obras que abranguen a poesía, a narrativa e o ensaio literario. Da súa ampla produción literaria cumpre destacar. Poesía; Ferida acústica de río (1982, Xerais); O varredor en outono (1988, Sotelo Blanco); Morte do fadista (2000, Espiral Maior). Narrativa: Paisaxe con muller e barco (1990, Xerais); Fóra de xogo (1993, Edicións do Cumio). Ensaio: A harpa e a terra (1988, Xerais); Dama Saudade e o cabaleiro Sombra, (2012, Frank @ Timme, Berlín); A árbore de Kant, (2017, Universidade de Vigo).

María Xosé Porteiro. Xornalista e escritora viguesa. Traballou en prensa, radio e comunicación corporativa. Participou en política no PSdeG e foi concelleira en Vigo, deputada no parlamento galego, no Congreso, na Asamblea parlamentaria do Consello de Europa e Delegada da Xunta no exterior. Na actualidade dirixe a Comisión de igualdade do Consello da Cultura, pertence ao consello reitor do Instituto Galego de Análise Internacional (IGADI) e ten a columna de opinión Habitación Propia no xornal La Voz de Galicia.


/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/