Conversa coas poetas Estíbaliz Espinosa e Elvira Ribeiro
O vindeiro venres 2 de marzo, a partir das 20 h na Casa del Libro, o Ateneo Atlántico presenta un novo acto dentro do seu ciclo Palabras no espello.Neste caso trátase dunha Conversa con... na que se falará, en feminino, de poesía.
Así, as poetas galegas, Estíbaliz Espinosa e Elvira Ribeiro conversarán cara a cara da man da tamén escritora Laura Caveiro. No acto presentarannos os seus últimos poemarios publicados: Curiosidade (Aira Editorial, 2017), no caso de Estíbaliz, e Welcome to Sing Sing ( Ed. Barbantesa, 2017) no de Elvira. Cada unha das poetas falará da do libro e a poesía da súa compañeira na mesa...
Elvira Ribeiro (Cerpozóns, Pontevedra, 1971) é mestra e licenciada en filoloxía galego-portuguesa. Comezou a escribir poesía en diferentes páxinas web e en publicacións periódicas e colectivas. En 2005 dá o salto e publica o seu primeiro libro individual, Andar ao leu, (2005, colección Tambo de poesía da Deputación Provincial). No mesmo ano sae Arxilosa, na colección Hipocampo Amigo. O seu último poemario é Welcome to Sing Sing (2017, Barbantesa).
Ten sido distinguida co Premio Xosé Neira Vilas 2008 por pAlAbrAs brAncAs (Xerais, 2008), co Premio Vitoriano Taibo 2009 por Biografía da Multitude (IEM, 2009), escrito en colaboración con Sivia Penas ou o Premio de poesía Avelina Valladares de 2013, por corpos transitivos (Fervenza, 2013).
Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974), deuse a coñecer en1999 con Mecánica Zeleste. Posteriormente, publicou a triloxía: Pan (libro de ler e desler) (Sociedad de Cultura Valle-Inclán, 2000), –orama (Colección Tambo, Deputación de Pontevedra, 2002) e número e (Espiral Maior, 2004), que forman un ciclo con textos que aluden aos números, á identidade perdida e á cibernética. Na rede é responsábel de varios proxectos: os blogs ...mmmm..., [...] e abra la cápsula, por favor. Ten gravado audiopoemas (Instituto Cervantes de Nova York, El Gaviero, 2005) e podcasts (1º premio de Podcasts Poético-Artísticos do Ajuntament de Tarragona, 2006). Codirixiu e presentou Ulalume, un programa de contacontos na radio independente Cuac FM (1996-2001). De aí xurdiu Contacontos Ulalume, e colaborou en varias obras de teatro, e ten actuado no campo musical como cantante. Ten colaborado con numerosas revistas de ámbito nacional e internacional. Acadou, entre outros, o Premio Esquío de poesía de 1999, por Pan (libro de ler e desler), o Premio Espiral Maior de 2001, por número e, ou a XV edición do Premio de poesía Afundación, en 2017, por As neuronas irmás.O seu último poemario publicado é Curiosidade (Aira Editorial, 2017), no que, tentando achegar o mundo da ciencia e das letras, observa o mundo desde a poesía, a prosa poética, a ciencia, a tecnoloxía, a lingua, astronomía..
Laura Caveiro (Vigo, 1967) é autora das novelas Polas inmensas e alleas fortunas, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 1995, e As naos afondando, editada polo Liceo Rubia Barcia no ano 2000, obra coa que gañou o I Premio de Novela Cidade de Ferrol-Liceo Rubia Barcia de 1999. En 2003 participou no volume colectivo Alma de Beiramar no que a Asociación de Escritores en Lingua Galega se pronunciaba en contra da marea negra). Colaborou e colabora habitualmente en medios de comunicación como crítica literaria (Faro da cultura, La voz de Galicia, Grial...).