Percorrido trala Arte urbana en Porto
Da man de António Monteiro de Oliveira
Sábado 9 de xuño
O sábado 9 de xuño o Ateneo Atlántico realiza a súa primeira saída de Vigo. E, para esta ocasión especial, pensamos nunha visita á cidade de Porto para realizar un percorrido tentando descubrir diversos aspectos da considerada capital da Street Art do noroeste peninsular.
A saída é o complemento perfecto á actividade realizada o 20 de novembro A apropiación do espazo público: entre a arte e a delincuencia; evidencias na cidade de Porto na que o profesor António Monteiro nos deleitou cos seus coñecementos e interpretacións sobre o que é e non é Arte urbana.
O propio profesor Monteiro será o noso guía nun percorrido que nos levará desde Matosinhos (Escola secundária Augusto Gomes) a Porto (Silo Auto, Fábrica social), pasando por Maia (Parque Maia, Mural da Lionesa).
Pola tarde, e tamén de man do amigo António realizaremos unha andaina tentando descubrir novos recunchos no centro da cidade de Porto.
A participación será previa solicitude e reserva no noso correo electrónico (ateneoatlantico@gmail.com), por orde de chegada de solicitudes. O prezo, reducido para os socios, será, exclusivamente, o correspondente ao transporte. O lugar e hora de saída serán comunicados directamente ás persoas participantes.