Conversa: A morte de Galicia

Ciclo: Repensar Galicia
Conversa: A morte de Galicia
Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés
Presenta: Manuel Bragado
Martes 21 de xaneiro de 2020, 19.30 horas
Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios

Cumprindo co seu compromiso de potenciar a análise crítica e a reflexión sobre os problemas contemporáneos, dos máis xerais aos máis locais, e ante a importancia para Galicia deste 2020 que vimos de inaugurar, o Ateneo Atlántico presenta un ciclo de actividades baixo o título xenérico de Repensar Galicia.
A intención é invitar a diferentes especialistas en moi diversos ámbitos de interese como poden ser a economía, os montes galegos, o envellecemento da poboación, a emigración, a identidade propia ou as novas realidades de Galicia nos albores de século XXI.

Á primeira proposta para a análise xira arredor do libro A morte de Galicia (Isidro Dubert, Ed. Xerais), subtitulado O medo ao envellecemento e o agocho da emigración.
O acto consistirá nunha conversa entre o autor, Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés, colaboradora no libro, moderados por Manuel Bragado e terá lugar o martes 21 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, na biblioteca da Escola municipal de artes e oficios.


A obsesión que o groso das elites sociais, políticas e culturais amosan desde hai máis dunha década polo suposto 'inverno demográfico' que asola Galicia, coincide no tempo co inicio da quinta vaga migratoria que sacode o país ao longo da súa historia. É a primeira da democracia, e chega pasados trinta anos da ocorrida entre os anos 1950 e 1975, despois do gasto de cuantiosas axudas europeas destinadas desde 1986 a crear emprego, e afecta a máis de 380.000 mozos e mozas, un de cada dous con estudos medios ou superiores.
A resposta das autoridades galegas a esta importante perda de capital humano e do seu potencial demográfico constituíu na difusión social do fatalismo. Unha ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar aos vellos e ás mulleres da pronta 'morte de Galicia'.
A proposta de A morte en Galicia, e do acto do Ateneo, é un exercicio de reflexión de 'historia crítica' que contrasta o pasado e o presente, o que foi e o que nos din que é, e será Galicia. O resultado amosa a enorme capacidade que a vellez e a emigración supuxeron para vertebrar a nosa historia, e xa que logo, para configurar o presente que estamos a vivir. Un presente que, coma o noso futuro, nada ten que ver con esa 'morte' de Galicia predicada polos partidarios do fatalismo.
Isidro Dubert é catedrático de Historia moderna da Universidade de Santiago e autor do libro que hoxe traemos a debate.
Antía Pérez Caramés é doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña e colaboradora do libro.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/