Manuel Colmeiro. Espazos e Encadramentos
Visita guiada á exposición do MARCO
Con Xosé Carlos López Bernárdez (Comisario)
Venres 28 de febreiro, 18.30 horas
(Inscrición previa. Punto de cita: billeteira do museo)
Museo MARCO
Producida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e comisariada por Xosé Carlos L. Bernárdez, a exposición Manuel Colmeiro, Espazos e Encadramentos estará no MARCO entre o 24 de xaneiro e o 24 de maio de 2020.
O Ateneo Atlántico ofrece unha proposta excepcional: a visita á exposición, guiada polo propio comisario: Xosé Carlos López Bernárdez. Será o venres 28 de febreiro ás 18.30 horas.
A visita terá unha duración aproximada de 1 hora e a participación será, exclusivamente, con inscrición previa no seguinte formulario:
O prazo de inscrición abrirase o martes 25 de febreiro, ás 20 horas, e permanecerá aberto ata que se cubran as 30 prazas das que consta a visita.
Dada a especificidade da actividade, non se admitirán máis asistentes que as 30 persoas inscritas (e confirmadas polo Ateneo) a través do formulario.
(Paisaxe, Colmeiro, 1935, Óleo sobre lenzo, 65.5x82cm, Colección familia Colmeiro)
O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.
Espazos e encadramentos fai fincapé nos contextos, nos diálogos con outros actores, na súa inserción dentro das correntes estéticas coas que convive o pintor e nos diferentes espazos xeográficos e culturais onde desenvolveu a súa longa traxectoria vital e artística.
Todo isto, e máis, poderemos gozalo da man de X. Carlos Bernárdez o venres 28 de febreiro.
Máis información, na páxina do Marco
Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958).
Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte.
Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas.
Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura (De catro a catro de Manuel Antonio, 1991, Edicións do Cumio; Eduardo Blanco-Amor, Sempre en Auria, 1993; Rafael Dieste. Heterodoxia e paixón creadora, 1995 ou Lorenzo Varela: Biografía e antoloxía, 2005, Ed. Xerais) e no campo das artes (Breve historia da arte galega, 2005, Nigra; Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, 2011, Fundación Novacaixagalicia, Vigo; Manuel Colmeiro, 2011, Galería Montenegro, Vigo; Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, 2012, Nigra).
Como comisario ten organizado exposicións con importante repercusión no eido da cultura galega, ás que hai que engadir esta de Manuel Colmeiro.