Club de lectura. Panza de burro. Xuntanza

Club de Lectura

Panza de burro
Andrea Abreu

 

Reunímonos telemáticamente dezaseis persoas do club para debater sobre Panza de burro de Andrea Abreu.

En xeral estabamos de acordo en que é un libro especial pola súa forma de abordar a escrita, escrito cun vocabulario propio, canario, pero con incorporacións persoais.

A autora, unha muller moi nova de 25 anos, escribe esta primeira novela con ánimo de que a escrita se pareza á vida.
Esta escrito dende o punto de vista das fillas das mulleres proletarias da illa, das kellys, esas persoas que non vemos cando imos a Canarias como turistas.
Xabier indicaba que xustamente iso non lle parece que estea logrado porque toda a novela é un artefacto construído e polo tanto algo artificial no que ela tamén cae en múltiples ocasións.

Pareceunos unha obra chea de frescura, de amizade e dependencia entre nenas que están deixando de selo e que están moito tempo soas.

Chea de oralidade e centrada na descuberta do sexo e nas distintas funcións do corpo: vomitar, estregarse, defecar... É un libro sobre a precariedade, sincero, coma un berro salvaxe, no que se denuncia a bulimia de Isora, a incomprensión do pai de Juanita Banana, pasando polas visitas ao cíber, os primeiros contactos cos mozos, as cancións do grupo Aventura...
Teñen un papel relevante as avoas coidadoras e sobre todo esa praia inalcanzable e as nubes ameazantes durante todo o verán.

A escena final pareceunos un pouco forzada e innecesaria.

/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/