Visita guiada á exposición
Xeometría e Figura
Recuperando a Lodeiro
con
Javier Pérez Buján
Chus Lodeiro
Luns 22 de novembro, 18.30 horas
Fundación Laxeiro
19.30 horas Sala Apo'strophe
O número de asistentes será de 25 persoas, previa inscrición no seguinte enlace:
As prazas adxudicaranse por orde de solicitude
Terán preferencia as persoas asociadas
O seguinte texto, sobre Lodeiro e as exposicións obxecto da visita, foi escrito polo noso compañeiro X.Carlos Bernárdez para o Faro da Cultura do 4 de novembro.
Xeometría e Figura. Recuperando a Lodeiro
A Fundación Laxeiro e a sala Apo’strophe.arte recuperan para Vigo a obra de Xosé Telmo Lodeiro (Vigo, 1931-1996) por medio de senllas mostras: Lodeiro. A xeometría inexacta e Lodeiro: A Figura Transcendida, que se fan coincidir co 25 cabodano do artista.
Trátase de dúas exposicións de contido ben diferente, a primeira centrada no depurado traballo de abstracción xeométrica do artista e a segunda dedicada á súa representación da figura humana, con especial atención a unha serie de obras da súa etapa final.
Lodeiro. A xeometría inexacta
Lodeiro. A xeometría inexacta permite visibilizar o labor do Lodeiro máis depurado e desenvólvese tendo como centro tres lenzos de 1976 e 1979 que o autor titulou cos números 2, 3 e 4, dándolles polo tanto un tratamento serial, como serial semella tamén o motivo e o tema, compostos nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de maneira secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que as dotan dun ritmo intenso. Son cadros elaborados dando importancia central á captación lumínica que parecen xurdir das formas, semellando que estas posuísen unha propia fonte de luz.
O resultado -lembremos que as obras teñen máis de corenta anos-, nunha primeira ollada, é unha obra dunha contemporaniedade plena, que nos evoca unha vertente da pintura actual preocupada por ligar este ámbito de captación coa investigación formal herdeira das vangardas históricas, porén, o conxunto de traballos sobre papel -15 debuxos- e lenzos expostos mostran unha fasquía dunha modernidade e actualidade absolutas, como acabadas de saír do obradoiro do pintor.
É a de Lodeiro unha pintura moi interesada na investigación sobre a cor e a percepción visual, que experimenta coa luz e os reflexos e sobre todo centrada na captación dos ritmos. O pintor leva adiante un proceso de deconstrución de forma e cor, non só nun sentido xeometrizante -aínda que as procuras xeométricas son ben evidentes na súa concepción plástica- senón baseado en ritmos máis sutís, como se se tratar dunha rima interna, por usarmos un termo poético que lle acae moi ben ao sentido profundo da pintura do artista vigués.
Do mesmo xeito que no mundo arquitectónico, do que se trata na obra de Lodeiro é dunha ordenación consciente, que presta atención a unidades “elementais” que dialogan por medio dun alfabeto plástico. O resultado, como o tratamento serial evidencia, sería unha “produción”, por usarmos un termo caro ás vangardas soviéticas dos anos vinte, mais unha produción que ten moito de poética, dunha poeticidade das formas, produto da exploración de moi variados ámbitos que afectan a forma e a súa sociabilidade, é dicir que adoptan o seu pleno sentido ligadas á súa función social.
Rostros transcendidos
De xeito ben diferente tamén sorprenden as obras figurativas da sala Apo'strophe.arte, entre as que hai un conxunto de obras inéditas da etapa final do artista que combinan o rigor xeométrico e cromático cun certo art pop que evoca un mundo de referencias visuais do tempo de elaboración destas pinturas. A relación abstracción-figuración ou o uso da cor en canto elemento de expresión e de composición son algunhas das cuestións en que este tipo de traballos incide. Na súa obra final -realizada na década dos noventa-, e en particular na serie de rostros que agora podemos contemplar por primeira vez, o artista, sen negar estes presupostos, modula un novo ciclo creativo conformando un universo de tenso cromatismo, que procura dunha captación intensa. É a súa unha pintura feita de rigorosa análise. As faces que pinta Loreiro son, xa que logo, concreción do visíbel, mais non do real, e para a súa realización o pintor sabe que o visíbel comeza co cromatismo e a luminosidade e que o cadro debe iluminar no duplo sentido de permitir a representación e de revelar, un sentido ben profundo que fica alén da simple reprodución dunha determinada figura ou obxecto. A simplicidade de esquemas, combinada coa contundencia plástica, conforma un universo que nos transporta do plástico ao emocional. Lodeiro consegue que uns presupostos formais repetidamentes tratados ao longo da historia da arte acaben en formas dunha contundencia e capacidade de comunicación plena, en que a cor atinxe unha contida capacidade emotiva e reforza certa sensación de estrañamento, claramente procurada e lograda
Información das exposicións:
Títulos: Lodeiro. A xeometría inexacta e Lodeiro: A Figura Transcendida
Comisariado: Javier Pérez Buján e Ruth Lodeiro
Locais: Fundación Laxeiro, Casa das Artes, Concello de Vigo e Apo’strophe.arte, Praza Elíptica, Vigo
Até o 16 de xaneiro de 2022
As visitas serán guiadas por Javier Pérez Buján (Director artístico da Fundación Laxeiro) e Ruth Lodeiro (filla do artista), ambos comisarios da exposición.